O persoal de Correos non entrará nos domicilios para recoller os votos, un proceso que no rural será máis flexible

Moto de Correos nunha vila galega ©

Pouco a pouco vanse desvelando os detalles dos procedementos que se seguirán para permitir que todos os cidadáns que así o desexen poidan votar por correo sen saír das súas casas, unha medida pensada para estimular a participación nas eleccións do vindeiro 12 de xullo e que xa recibiu críticas dende varios ámbitos, comezando polo propio persoal de Correos, que expresou as súas dúbidas sobre a viabilidade e seguridade da recollida de votos nos domicilios e que esixiu máis contratacións para poder levar a cabo esta nova función.

Correos deixa claro que o persoal non entrará nos domicilios para recoller os votos, como medida de prevención ante posibles contaxios por coronavirus

Este martes a empresa de Correos remitiulles aos sindicatos un borrador do protocolo electoral que debe rexer o funcionamento do proceso nas vindeiras semanas, un documento previo á xuntanza que mantiveron este mércores a compañía e os representantes do persoal. O texto recolle algunhas das demandas expresadas polos sindicatos nos días previos, pero mantén algúns dos elementos que eran criticados.

Entre outras cousas, Correos deixa claro que o persoal non entrará nos domicilios para recoller os votos, como medida de prevención ante posibles contaxios por coronavirus. "O traballador de Correos manterá en todo momento a distancia de seguridade interpersoal co elector, e non accederá en ningún caso ao interior do domicilio particular do interesado", indícase no borrador, que lembra que a Xunta Electoral Central indicou que "aquelas persoas que desexen exercer o seu dereito de sufraxio por correspondencia, pero se atopan nunha situación en que pola súa enfermidade ou pola súa discapacidade non poidan realizar a formulación persoal do voto" deben recorrer á fórmula da autorización notarial, con certificación médica oficial.

Instalación dunha unidade de Correos en Galicia © CGT-A Coruña

O proceso de recollida do voto

O borrador, seguindo o indicado pola Xunta Electoral, recolle o proceso que se debe seguir para a recollida do voto por parte do persoal de Correos

O borrador, seguindo tamén o indicado pola Xunta Electoral, recolle o proceso que se debe seguir para a recollida do voto por parte do persoal de Correos. Unha vez que a persoa solicitou o voto por correo entre o 19 de maio e o 2 de xullo (ben nas oficinas de Correos, ben a través da súa páxina web cun certificado dixital), o carteiro ou carteira entregaralle no seu domicilio a documentación electoral. Para facelo, a persoa deberá acreditar a súa identidade. O persoal de Correos anotará o número do documento identificativo do elector ou electora, e dará fe da recepción persoal da documentación, sen que sexa necesario que o receptor ou receptora firme a entrega da mesma, segundo acordou a Xunta Electoral Central para protección da saúde pública. 

O empregado ou empregada deberá expor ao elector ou electora unha vez realizada a entrega que, se así o desexa e nese mesmo momento, lle pode entregar o sobre co voto emitido, aclarando que, se non desexa entregar o seu voto nese momento, deberá depositalo nunha oficina de Correos dentro do prazo establecido. Se o elector ou electora quere entregar o seu voto nese momento, daralle o sobre modelo oficial dirixido á Mesa electoral ao empregado ou empregada de Correos, que fará constar no seu anverso data e hora, que coincidirá coa consignada previamente en ambos resgardos. A continuación procederá á admisión do Voto Emitido coa PDA a través da aplicación HERA. 

Cando a distribución se realice a domicilio "tentarase a entrega persoal do envío ao destinatario polo menos dúas veces"

O borrador indica que "o empregado de Correos extremará a dilixencia para manter en todo momento baixo a súa custodia os votos emitidos até a súa chegada á unidade de reparto, desde onde se encamiñará á súa oficina liquidadora" e que "o repartidor extremará o celo e a dilixencia para manter en todo momento baixo a súa custodia os votos emitidos que recollese ata a súa entrega na Unidade de Reparto"

O documento tamén prevé que cando a distribución se realice a domicilio "tentarase a entrega persoal do envío ao destinatario polo menos dúas veces". Se nesa segunda vez tampouco se conseguise a entrega comunicaráselle mediante un aviso que a persoa debe recoller a documentación na oficina de Correos correspondente.

 

"Absoluta neutralidade"

O borrado do protocolo que manexa a empresa tamén recolle que "aínda cando o persoal de Correos demostrou en anteriores ocasións unha máxima escrupulosidade en todas as súas actuacións durante os distintos procesos electorais", debe lembrarse que "a prestación do servizo público postal esixe que os empregados de Correos observen absoluta neutralidade e a máxima dilixencia tanto no tratamento e distribución da propaganda electoral de todos os partidos políticos, como na admisión, curso e entrega do resto de envíos electorais". Hai catro anos carteiros rurais de Ourense denunciaron "presións de caciques" na recollida do voto por correo.

Persoal de Correos, traballando na Coruña durante a pandemia por coronavirus CC-BY-SA CGT

No rural

Mentres nas cidades e vilas a emisión do voto só de poderá facer no momento en que o persoal de Correos entrega a documentación electoral, o borrador engade para o rural unha excepción, que abre a posibilidade de que a entrega se poida realizar noutros momentos

A fórmula de recollida dos votos nos domicilios a cargo do persoal de Correos é unha práctica habitual nas zonas rurais, actuando os traballadores e traballadoras como "oficinas móbiles". Porén, unha das indicacións presentes no borrador tamén xera dúbidas entre parte do persoal. O documento sinala que "os empregados encargados do reparto domiciliaria no ámbito rural que actúan habitualmente como oficinas móbiles, deberán admitir tanto a solicitude do voto por correo como o certificado do sobre que contén o voto, nos horarios e nos puntos acostumados de paso, e sen que este feito implique un expreso desprazamento a eses efectos ao domicilio dos particulares".

Con todo, mentres nas cidades e vilas a emisión do voto só de poderá facer no momento en que o persoal de Correos entrega a documentación electoral, o borrador engade para o rural unha excepción, que abre a posibilidade de que a entrega se poida realizar noutros momentos, o que entraría en contradición con algunha das disposicións da Xunta Electoral Central, que especifica que a emisión do voto se realizaría "no momento" da entrega da documentación.

O borrador sinala, pola contra, que "o persoal rural deberá de proceder a recoller o sobre contendo o voto por correo, tanto no mesmo instante da entrega da documentación electoral, como nun momento posterior, sempre que se realice nos horarios e nos puntos acostumados de paso".

Persoal "insuficiente"

A CGT afirma que os reforzos que prevé realizar a compañía para as vindeiras semanas son "insuficientes". Segundo esta central, a empresa baralla 600 “mensualidades” para reforzar o proceso electoral en Galicia e Euskadi

Finalmente, a sobrecarga de traballo que estas novas funcións poden ocasionar ao persoal e as dificultades que isto pode traer para a viabilidade desta fórmula é outro dos aspectos criticados. Sindicatos como a CGT afirman que os reforzos que prevé realizar a compañía para as vindeiras semanas son "insuficientes". Segundo esta central, a empresa baralla 600 “mensualidades” para reforzar o proceso electoral en Galicia e Euskadi. "Se poñemos por caso que a metade da contratación sería para o territorio galego, correos unicamente reforzaría con un máximo de 300 persoas, un 8% do persoal existente, o que podería ser insuficiente ante uns comicios nos que se espera que o voto por Correos rexistre datos históricos, onde se habilita un procedemento extraordinario para votar que suporá un gran investimento de tempo do reparto do persoal e baixo as limitacións da Covid-19", di a CGT.

O sindicato sinala que "xa nos anteriores comicios Correos tivo graves dificultades para levar adiante a xestión do voto por correo, chegando a solicitar ata dúas prórrogas ante a Xunta Electoral Central nas eleccións municipais de 2019", nas que se produciron colas importantes nalgúns centros de atención ao cliente. Entre o 2015 e o 2019 o voto por correo "practicamente duplicouse", di a CGT, que engade que "se temos en conta a situación de limitacións sanitarias e o feito de que estes comicios se producirán en plena época estival poderiamos supoñer que estas cifras serán amplamente superadas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.