As eleccións ao Parlamento galego do vindeiro 12 de xullo non se van celebrar nunhas condicións normais. Aínda que a situación epidemiolóxica do coronavirus está a mellorar notablemente nas últimas semanas e Galicia avanza cara ás últimas fases do proceso de desconfinamento, os comicios terán lugar entre medidas de seguridade que buscan garantir que non se produzan contaxios nos nos colexios electorais ou nos actos de campaña. A nova normalidade.
Os comicios do 12 de xullo estarán marcadas pola distancia social e polo uso obrigatorio das máscaras de protección nos colexios electorais e actos públicos
O Goberno galego deu a coñecer este mércores algúns aspectos do protocolo no que un grupo de 35 expertos e expertas estivo traballando nos últimos días, e que será aprobado este venres polo Consello da Xunta. Este protocolo inclúe algunhas normas de obrigado cumprimento, recomendacións e tamén propostas que o Executivo elevará ao Goberno central ou á Xunta Electoral para a súa aprobación, en aspectos para os que o Goberno galego non é competente.
As eleccións do 12 de xullo estarán marcadas, en primeiro lugar, pola obrigada distancia social: dous metros de separación nos colexios electorais ou nos actos públicos. E, ademais, polo uso obrigatorio das máscaras de protección, que se converterán nunha das imaxes que marcarán o proceso.
A Xunta recomenda que as persoas maiores de 65 anos e vulnerables conten con prioridade no acceso aos colexios e tamén no momento da votación
Tanto o conselleiro de Sanidade Jesús Vázquez Almuiña coma o vicepresidente Alfonso Rueda subliñaron que, atendendo á evolución da enfermidade, "o mes de xullo vai ser un momento tranquilo para a celebración das eleccións en condicións adecuadas" e para "garantir unha votación segura", pero sinalaron que o protocolo debe tamén ter en conta outros escenarios e achegar as máximas medidas de protección "mesmo se as circunstancias fosen distintas". O obxectivo, concluíu Rueda, é que os comicios sigan a ser "unha festa democrática", pero que se celebren "con todas as garantías", asegurando que se vota "con toda a tranquilidade".
En todo caso, haberá que agardar a este venres para coñecer o detalle de cada unha destas normas e recomendacións. Velaquí algunhas delas:
Actos electorais: Nos actos electorais estará controlada a afluencia de xente, cun número máximo de persoas que poderán ocupar cada espazo. Ademais, será obrigatoria a máscara de protección para todas as persoas asistentes.
Nos actos electorais haberá un número máximo de persoas que poderán ocupar cada espazo. Ademais, será obrigatoria a máscara de protección para todas as persoas asistentes
Os colexios electorais: A máscara será obrigatoria en todo o momento e controlarase a capacidade máxima dos espazos para evitar aglomeracións. O obxectivo é garantir en todo momento que se respecte unha separación de dous metros e, no caso de non ser posible, cando menos dun metro. O Goberno galego garantirá que haxa máscaras de protección na entrada, para as persoas que non a traian dende a súa casa. Tamén será obrigatorio hixienizar as mans con xel hidroalcólico, que tamén estará dispoñible na porta. As persoas alérxicas a estes xeles terán luvas á súa disposición.
Presidente/a de mesa e vogais deberán ter máscara de protección e tamén pantalla de seguridade, que lles será subministrada. As persoas de colectivos vulnerables á enfermidade poderán ser eximidas de integrar as mesas
O acceso: A Xunta recomenda que as persoas maiores de 65 anos e vulnerables conten con prioridade no acceso aos colexios e tamén no momento da votación. O conselleiro de Sanidade indicou que "é unha proposta do comité clínico que a idade sexa un elemento que lles dea ás persoas maiores de 65 anos unha certa prioridade para entrar no colexio". "Entendemos que as persoas maiores deben estar o menor tempo posible tanto na espera como nas votacións", engadiu. Haberá sistemas para facilitar os fluxos de entrada e saída dos colexios. Intensificarase a limpeza e a desinfección destes espazos.
As cabinas: As clásicas cabinas de votación, coas que se busca asegurar o carácter segredo do voto, non disporán de cortinas, co obxectivo de eliminar obxectos que poidan ser un transmisor da enfermidade.
A Xunta recomenda que, na medida do posible, os electores "leven o voto preparado da casa"
Os e as integrantes da mesa: Presidente/a e vogais deberán ter máscara de protección e tamén pantalla de seguridade, que lles será subministrada. Tamén se lles facilitarán varios xogos máscaras para que as poidan cambiar cada catro horas. As persoas que formen parte dos colectivos vulnerables ao coronavirus poderán solicitar ser eximidas desta responsabilidade (na actualidade, as persoas maiores de 70 xa non entran no sorteo para integrar as mesas e as que contan entre 65 e 70 poden renunciar). A Xunta recomenda ás persoas "que estean obxectivamente nun grupo de risco", que "pidan a exención".
O momento da votación: Os e as electoras deberá deixar o DNI nunha bandexa "para minimizar o intercambio de obxectos". Os e as votantes deberán baixar nese momento a máscara de protección para seren identificados e identificadas. A Xunta recomenda que, na medida do posible, os e as electoras "leven o voto preparado da casa para evitar os máximos contactos posibles".
A Xunta propón establecer un protocolo, co desprazamento de funcionarios/as de Correos, para facilitar o voto das persoas que residen en centros de maiores e para colectivos especiais como os maiores de 65 anos ou persoas vulnerables
O voto por correo: A Xunta aposta por "fomentar o voto por correo o máximo posible", da mesma maneira que tamén o fixo o Congreso dos Deputados hai uns días. Con todo, o Goberno galego lembra que é un asunto que non é da súa competencia, polo que se limita a realizar unha proposta, que deberá aínda ser aceptada. Propón por exemplo ampliar o prazo do voto por correo ata dous días antes das eleccións.
Así mesmo, propón establecer un protocolo, similar ao que se emprega en centros penitenciarios -co desprazamento dos funcionarios/as de Correos-, para facilitar o voto das persoas que residen en centros de maiores e para colectivos especiais como os maiores de 65 anos ou persoas vulnerables. O obxectivo é que as persoas que decidan votar por correo "poidan evitar saír do seu domicilio" e que debe contar "con todas as garantías legais".
Voto CERA: Tamén se aposta por dar facilidades ao voto das persoas emigradas, de xeito que aqueles e aquelas que para as eleccións do 5 de abril xa realizar o trámite consular para "rogar o voto", non teñan que volver facelo, sobre todo tendo en conta as dificultades xeradas polo coronavirus en moitos países. Ademais, sinalou Alfonso Rueda, "pediremos un especial esforzo para garantir o voto por correo nas persoas que residen noutros países".
Voto por poder: Quérese facilitar o voto por poder notarial, sobre todo para as persoas con coronavirus que se atopen en illamento nos seus domicilios. Solicítase neste senso implantar un sistema de videoconferencia, legalmente válido, que permita autorizar a solicitude de voto por correo a outras persoas.