Correos poderá recoller a domicilio o voto para o 12X sen que o electorado vaia á oficina

Os prazos do voto por correo nas eleccións do 12X, actualizados coas novidades introducidas a causa do coronavirus CC-BY-SA Praza Pública

A Xunta Electoral Central habilita aos repartidores a dar fe da votación das persoas que queiran entregarlles o voto no mesmo momento en que reparten a documentación

Ata agora o voto por correo podía supoñer ata tres visitas sucesivas a unha oficina. Para pedilo, para recoller as papeletas como calquera outro envío certificado se no momento en que os carteiros as repartiron a persoa non estaba na casa, e para emitir finalmente o voto.

Para as eleccións galegas do 12 de xullo, coa ameaza do coronavirus aínda presente, a Xunta Electoral Central vén de decidir que poderán evitarse eses desprazamentos e os carteiros quedan habilitados para, no momento en que reparten a domicilio as papeletas e a documentación electoral a quen o pediu, recollela e dar fe de que ese cidadán acaba de votar.

O primeiro paso do voto por correo, a solicitude de que se quere optar por esa vía, poderá realizarse a distancia sen ter que acudir a unha oficina se un dispón de sinatura electrónica coa que pedilo na páxina web de Correos. Porén, esa identificación virtual está aínda pouco estendida entre a cidadanía. Ese primeiro paso de petición do voto, sexa de xeito telemático ou nunha oficina, remata o 2 de xullo.

“O persoal de Correos deberá comprobar a identidade do elector mediante a exhibición polo mesmo do DNI [...] debendo anotar o número de dito documento, dando fe desa recepción persoal", di a Xunta Electoral

O seguinte paso para a cidadanía que pide o voto por correo é a recepción no domicilio da documentación que o habilita a votar e as papeletas das formacións políticas que se presentan. Como todo envío certificado, se a persoa non está no momento do reparto do carteiro, este deixa un aviso para que se recolla na oficina de Correos.

Agora a Xunta Electoral permite que, se a persoa está na casa, no mesmo momento poida abrir a documentación, elixir a papeleta e votar entregándolle o sobre ao carteiro. “O persoal de Correos deberá comprobar a identidade do elector mediante a exhibición polo mesmo do DNI ou de calquera outro documento oficial acreditativo da súa identidade, debendo anotar o número de dito documento, dando fe desa recepción persoal, sen que en consecuencia sexa imprescindible que o elector asine persoalmente a entrega”, di a Xunta Electoral.

Entrega do voto por correo nunhas pasadas eleccións © Correos

O voto por correo poderá emitirse ata o 8 de xullo, un prazo que en comicios anteriores foi ampliado

Se non se está na casa no momento do reparto, haberá que ir igualmente á oficina a recoller a documentación e, nese mesmo momento ou máis adiante, ao igual que se non se quere entregar o voto ao carteiro cando este reparte as papeletas, o cidadán pode votar ata o 8 de xullo, prazo actual de remate do voto por correo pero que en comicios anteriores foi ampliado. Entréguese o voto ao carteiro ou nunha oficina, Correos entrega os sufraxios o 12 de xullo ás respectivas mesas electorais para o seu reconto.

A Xunta e varias formacións políticas pediron nas últimas semanas diversas medidas de flexibilización do voto por correo. Agora a Xunta Electoral Central toma esta decisión, di, “para protexer o dereito á saúde do persoal de Correos” e “dos propios votantes”. Porén, en anteriores comicios houbo denuncias por parte de carteiros rurais de Ourense de "presións de caciques" no proceso do voto por correo.

Máis de 46.000 votos por correo en 2016

O volume do voto por correo é habitualmente interpretado como un indicador dunha alta ou baixa participación electoral. Nesta ocasión, a vontade de evitar acudir ao colexio electoral por mor do coronavirus e a celebración dos comicios nun domingo en pleno poden influír na decisión de participar nos comicios sen agardar ao propio 12X.

No ano 2016 a cifra de votantes por correo foi a máis alta dende as derradeiras eleccións do fraguismo

Nas eleccións de 2016 os votos postais foron case 13.000 máis que catro anos antes, con máis de 46.000. Foi a cifra máis alta dende as eleccións de 2005, as da fin do fraguismo, cando se superaran os 44.000. Estas cifras refírense só a persoas residentes dentro do Estado español e independentes do voto postal dende o estranxeiro, o das persoas inscritas no Censo de Residentes Ausentes (CERA) ou no da poboación temporalmente residente no exterior (ERTA).