Para as eleccións do vindeiro 18 de febreiro están chamadas ás urnas 476.514 persoas que residen fóra do Estado español e que constitúen o Censo Electoral de Residentes Ausentes ou CERA. O seu número aumentou un 3% dende a convocatoria de 2020 e pasou de 463.182 a 476.514, trece mil máis.
Nas eleccións do ano 2005, hai 19 anos, o Censo CERA estaba formado por 305.017 persoas. Dende entón, cinco convocatorias despois, a cifra aumentou nun 56%
O seu peso é, polo tanto, maior que hai catro anos e máis aínda se o comparamos con outros comicios anteriores. Por exemplo, nas eleccións do ano 2005, hai 19 anos, o Censo CERA estaba formado por 305.017 persoas. Dende entón, cinco convocatorias despois, a cifra aumentou nun 56%.
Porén, máis aló do incremento do seu peso na cifra total de electores e electoras chamadas ás urnas o 18F, a convocatoria deste ano é singular pois estamos ante as primeiras eleccións ao Parlamento galego dende o ano 2009 na que no existe a obriga de rogar previamente o voto, o que facilita o exercicio do sufraxio e, polo tanto, podería incrementar a participación do chamado voto emigrante.
Nas eleccións Xerais do pasado 23 de xullo a participación aumentou, pero unicamente pasou do 3,64% de 2019 ao 6,32%, un incremento notable, pero moi afastado das cifras anteriores a 2011
Cómpre lembrar que a participación do censo CERA nas eleccións galegas se moveu entre o 24% e o 34% entre os anos 2001 e 2009 para despois descender -coa aplicación do voto rogado- a valores entre o 1% e o 3%. Con todo, nas eleccións Xerais do pasado 23 de xullo, primeira convocatoria na que se aplicou o novo sistema que facilita o voto no exterior, a participación aumentou, pero unicamente pasou do 3,64% de 2019 ao 6,32%, un incremento notable, pero moi afastado das cifras anteriores a 2011.
O 'rogo' do voto, unha medida de ida e volta
Nas eleccións xerais de 2011 introduciuse a necesidade de rogar o voto para os electores que se atopasen no estranxeiro e formasen parte do Censo de Residentes Ausentes (CERA), é dicir, a obriga de solicitar previamente participar en cada convocatoria electoral. O obxectivo desta medida era incrementar as garantías de limpeza no proceso e evitar posibles fraudes. Porén, o voto rogado tamén supuxo un prexuízo para moitas persoas que desexaban exercer o seu voto e quedaron sen poder facelo ou fixérono despois dun gran esforzo administrativo e mesmo económico.
En 2022 aprobouse unha reforma da lei electoral que implica a eliminación do voto rogado -unha vella demanda dos colectivos de emigrantes novos no estranxeiro- pero que introduce algúns elementos que buscan asegurar a limpeza no proceso, como unha depuración do censo e o traslado dos votos en valixa diplomática.
Galegos e galegas con dereito ao voto en 142 países
As 476.514 persoas que integran o CERA distribúense por 142 países dos cinco continentes. Entre eles destaca Arxentina, principal punto de destino da emigración galega no pasado, que suma un total de 166.289 electores e electoras, un 35% do total
As 476.514 persoas que integran o CERA distribúense por 142 países dos cinco continentes. Entre eles destaca Arxentina, principal punto de destino da emigración galega no pasado, que suma un total de 166.289 electores e electoras, un 35% do total. Cuba, Brasil e Uruguai son os seguintes na lista, cun total de 128 mil posibles votantes entre os tres, nunha relación na que tamén aparecen en América Estados Unidos, Venezuela e México.
Nos primeiros lugares aparecen tamén varios países europeos, como Suíza (34 mil electores e electoras), Francia, Alemaña e Reino Unido, por riba dos dez mil electores cada un.
Na relación de países con galegos e galegas no exterior con dereito ao voto aparecen mesmo Iraq, Iemen, Laos, Sri-Lanka, Brunei, Haití ou Vanuatu, cun elector chamado ao voto o 18 de febreiro. Ou Palestina, con dous.