A supresión do voto rogado apenas sobe a participación no exterior, que apunta a clave nas autonómicas

Homenaxe a Castelao no Centro Galego de Bos Aires, no seu 70º cabodano © CGBA

A participación do electorado galego no exterior apenas superou o 6% nas últimas eleccións xerais. Malia a supresión -por primeira vez desde 2009- da necesidade de rogar o voto para as persoas que formen parte do CERA (Censo de Residentes Ausentes), a porcentaxe de participación incrementouse menos de tres puntos con respecto aos comicios ao Congreso de 2019 e quedou moi lonxe das últimas eleccións estatais sen voto rogado, as celebradas en 2008 e que sobrepasaran o 35%.

Daquela, hai quince anos, a participación batera marcas en Galicia e no Estado -case o 32%- pero as eleccións no exterior estiveran inzadas de sospeitas pola falta de control duns sufraxios sobre os que pairaba a sombra da fraude e os electores resucitados. 

Foi uns anos despois, nas eleccións xerais de 2011, cando se introducira a necesidade de rogar o voto, é dicir, a obriga de solicitar previamente participar en cada convocatoria electoral. 

O obxectivo desta medida era incrementar as garantías de limpeza no proceso e evitar posibles fraudes. Porén, o voto rogado tamén supuxo un prexuízo para moitas persoas que desexaban exercer o seu voto e quedaron sen poder facelo ou fixérono despois dun gran esforzo administrativo e mesmo económico.

A aplicación do voto rogado fixo baixar a participación de entre o 25% e o 35% a entre o 1% e o 4%; nestas xerais, en Galicia quedou no 6,3% e chegou ao 10% no Estado

A principal consecuencia da aplicación do voto rogado é que a porcentaxe de participación do voto emigrante pasou de moverse entre o 25% e o 35% a caer ata niveis entre o 1% e o 4%. O pasado ano as cámaras aprobaron unha reforma da lei electoral que implica a eliminación do voto rogado -unha vella demanda dos colectivos de emigrantes novos no estranxeiro- aínda que introduce algúns elementos que buscan asegurar a limpeza no proceso, como unha depuración do censo e o traslado dos votos en valixa diplomática. Porén, a reforma tamén fai agromar os vellos interrogantes sobre o voto exterior.

A supresión da necesidade de rogar o voto provocou que desta vez a participación aumentase algo en Galicia, aínda que sen acadar os niveis previos á aplicación deste requirimento. Finalmente, votaron o 6,32% das persoas inscritas no CERA nas circunscricións galegas, menos de 30.000 das máis de 472.000 inscritas, segundo os datos das xuntas electorais -aínda provisionais e non oficializados- aos que tivo acceso Praza.gal. 

Pola súa banda, no conxunto do Estado, a participación situouse no 10%, cun total de 233.688 sufraxios de residentes no estranxeiro dun total de máis de 2,3 millóns rexistrados. 

Os resultados en Galicia supuxeron unha clara vitoria do PP, que case dobrou en votos a segunda forza, o PSdeG, pero non mudou a repartición de escanos que determinaran xa as votacións do pasado 23X no país. No entanto, o peso deste electorado, a relevancia da diáspora galega en moitos países de América, o asociacionismo consolidado da emigración e as escasas diferenzas entre os bloques da dereita e da esquerda en Galicia deixan clara a importancia que este voto exterior pode ter nas vindeiras eleccións autonómicas. 

Porque a importancia do censo emigrante en Galicia non é nin moito menos pequena: o CERA para as catro circunscricións galegas ascende a case medio millón de electores e electoras (máis de 472.000, un máximo histórico) e un nivel de participación do 25% (nas Xerais de 2008 foi moi superior, ao redor do 35%) tería suposto a introdución nas urnas de preto de 120 mil votos, que poderían ser determinantes para decidir o destino do derradeiro deputado ou deputada nalgunha das provincias galegas e que o poden ser tamén nunhas autonómicas. 

De feito, nos últimos comicios autonómicos que a esquerda gañou en Galicia, en 2005, o resultado estivo en dúbida ata que se completou o escrutinio do voto exterior, co PP confiando en obter un deputado máis que lle tería dado a reelección a Manuel Fraga. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.