En relación ao 2020, mentres que o censo de residentes diminúe en 17 mil persoas, o de residentes ausentes medra en 13 mil
Nas eleccións Galegas do vindeiro 18 de febreiro están chamadas a votar 2.693.624 persoas, das que 2.217.110 residen no Estado español (forman o chamado Censo Electoral de Residentes ou CER) e 476.514 no estranxeiro (e que constitúen o Censo Electoral de Residentes Ausentes ou CERA). Son os datos do censo electoral, que este venres publicou o INE na súa web
En relación ás eleccións de hai catro anos, celebradas en xullo de 2020, o censo total experimenta un leve descenso (pasa de 2.697.322 a 2.693.624 electores e electoras). Porén, mentres que o censo de residentes diminúe en 17 mil persoas (de 2.234.140 a 2.217.110), o de residentes ausentes medra en 13 mil (de 463.182 a 476.514).
Case un terzo do censo total de residentes (o 32,6%) ten máis de 65 anos e case 6 de cada 10 (o 59,45%) superan os 50 anos
O electorado chamado a votar o 18F é cada vez de maior idade. Analizando unicamente o censo de residentes no Estado (o INE non ofrece información por idade sobre o CERA), atopamos que case un terzo do total (o 32,6%) ten máis de 65 anos e que case 6 de cada 10 (o 59,45%) supera os 50 anos. A porcentaxe de menores de 35 anos é do 16,49%.
A porcentaxe de mocidade chamada a votar é algo máis alta en Pontevedra (17,85%). Ourense é a provincia cun electorado de maior idade, cun 38,7% de posibles votantes por riba de 65 anos e un 63,5% por riba de 50 anos.
79.072 mozos e mozas poderán participar por primeira vez nunhas eleccións ao Parlamento galego, por ter cumprido 18 anos desde o 12 de xullo de 2020.
O número de electores por riba de 65 anos elevouse en máis de 140 mil persoas dende as eleccións de 2001. E o de electores entre 50 e 65 medrou en case 130 mil
O peso da poboación de maior idade no censo electoral vén incrementándose de forma constante no que levamos de século. O número de electores por riba de 65 anos elevouse en máis de 140 mil persoas dende as eleccións de 2001. E o de electores entre 50 e 65 medrou en case 130 mil.
Pola contra, o de menores de 35 anos experimenta un rápido descenso e pasou de ser maioritario en 2001 (690 mil persoas) a sumar pouco máis da metade desa cifra na actualidade: 365 mil.
Os menores de 35 anos pasaron de ser maioritarios en 2001 (690 mil persoas) a sumar na actualidade apenas 365 mil
O segmento seguinte -de 35 a 49 anos-, que entre 2001 e 2016 fora medrando, nas últimas dúas convocatorias de eleccións ao Parlamento galego está nun claro descenso, sendo por primeira vez superada polos electores e electoras entre 50 e 65 anos.
A porcentaxe de mozos e mozas de menos de 35 anos chamadas a votar nas eleccións Galegas pasou en vinte anos do 30,1% ao 16,5% en vinte anos, case a metade. Pola contra, os maiores de 65 anos aumentaron do 25,3% ao 32,6%.
A porcentaxe de mozos e mozas de menos de 35 anos chamadas a votar nas eleccións Galegas pasou en vinte anos do 30,1% ao 16,5% en vinte anos, case a metade
O censo electoral de residentes en España poderá consultarse do 1 ao 8 de xaneiro nos concellos. A información tamén está dispoñible na Sede Electrónica do INE un servizo de consulta dos datos de inscrición no censo electoral previa acreditación da identidade co sistema Cl@ve; no caso dos electores e electoras residentes en España amosa ademais a mesa que lle corresponde.
Os electores e electoras poderán presentar reclamacións aos seus datos de inscrición nese mesmo prazo do 1 ao 8 de xaneiro.