As eleccións, que non a elección. O proceso electoral enúnciase en plural. E é o xeito máis preciso de facelo non só porque sexan case catro mil as mesas nas que destinar o voto. Senón porque, en rigor, a composición do Parlamento de Galicia depende de catro eleccións: as que este domingo 18 de febreiro se celebran en cada unha das provincias galegas, cuxo territorio é o das circunscricións electorais. Cada unha cunha lóxica política, cada unha con variables que poden valer un Goberno se, como apuntaban algunhas enquisas, o escenario deste 18F é moito máis axustado do que podía preverse cando, a finais de decembro, Alfonso Rueda premeu o botón do adianto electoral.
A publicación de sondaxes está prohibida ata o peche das urnas, pero séguense realizando e son clave na toma de decisión dos partidos para as catro eleccións galegas, unha por provincia
Dende o pasado martes, día 13, está prohibido publicar sondaxes sobre as eleccións galegas ata que, o propio 18F, pechen os colexios electorais. Ese silencio demoscópico nos cinco días previos ás votacións, fixado no artigo 69 da lei electoral xeral, atinxe só á difusión das enquisas, pero non á súa realización. As empresas de inquéritos seguen traballando -mesmo con máis intensidade- para medios de comunicación e partidos políticos tanto para as publicacións do serán do domingo como para obteren radiografías do que pode suceder. Eses datos son clave na toma de decisións en cada unha desas catro eleccións.
Catro eleccións nunha e a barreira do 5%
Os 75 deputados do Parlamento non se reparten de maneira homoxénea entre as catro circunscricións. En virtude da lei de eleccións, cada unha ten un mínimo fixo de 10 escanos e os restantes 35 distribúense en función da poboación. Isto provoca que a provincia da Coruña elixa ata un terzo do lexislativo galego e as dúas circunscricións atlánticas sumen un total de 47, pero tamén que Lugo e Ourense pesen máis na Cámara do que lles correspondería por poboación.
O limiar do 5% para optar a ter representación ou a menor proporcionalidade en Lugo e Ourense son elementos clave nun contexto no que os escanos finais de cada circunscrición poidan acaba determinando se o país é gobernado pola esquerda ou a dereita
Ese marco legal ten outro elemento de alta relevancia política: o limiar do 5% imposto en 1992 polo PP de Manuel Fraga. Rachando o consenso que abeirou a normativa nos primeiros anos da autonomía, os populares aludiran á necesidade de frear a "atomización" política no país para elevar do 3% ao 5% o mínimo de votos que as forzas políticas deben obter nunha circunscrición para optar ao reparto de escanos.
Isto, ao contrario do que adoitan apuntar algunhas análises recorrentes en vésperas electorais, non significa necesariamente que todas as forzas que superen o 5% logren cando menos un escano. De feito, o limiar real nas circunscricións lucense e ourensá adoita ser maior -por exemplo, o BNG logrou un único escano en Lugo en 2016 malia lograr un 7,4% dos sufraxios- ao combinarse as dinámicas políticas coas características poboacionais e a aplicación do método d'Hondt de asignación de escanos.
Esta regra -que non lei- é un modelo matemático que, en xeral, é máis proporcional nas provincias máis poboadas e que reparten máis escanos. Dá lugar a circunstancias como que, por exemplo, en cada provincia a forza menos votada entre as que teñen dereito a entrar no reparto de escanos poida acabar disputando un último posto ao partido con máis votos. Esta posibilidade pode ser especialmente decisiva en contextos electorais axustados, ata o punto de acabar ditaminando a cor política do Goberno. De aí a importancia dos datos das enquisas non publicadas durante o silencio demoscópico oficial e tamén o peso doutro factor: o voto exterior dos chamados "residentes ausentes", o CERA.
Medos polo CERA
Hai catro anos o voto exterior moveu un escano, pero as consecuencias políticas foron escasas ao ter o PP unha ampla marxe para reter a absoluta. Algunhas forzas non ocultan nos últimos días o temor a que o CERA volva influír, pero desta volta podendo condicionar o Goberno
Hai catro anos, por exemplo, o reconto provisional da noite electoral outorgou 41 escanos ao PP, 19 ao BNG e 15 ao PSdeG. Pero o décimo quinto escano socialista, o derradeiro da provincia de Pontevedra, quedou pendente de apenas 45 votos sen os cales sería do PP. Ao incorporarse ao escrutinio o voto procedente do estranxeiro -daquela, co sistema de voto rogado aínda vixente-, a correlación inverteuse e os populares conseguiron o asento con 96 sufraxios de marxe sobre os socialistas.
Naquel 2020 esta circunstancia tivo un impacto relativamente menor, dada a marxe do PP sobre os 38 escanos que implican maioría absoluta da Cámara. Cuestión distinta sería se, como no ano 2005, a maioría de goberno dependese dun único escano: naquela altura, PSdeG e BNG sumaban 38 e o escano final de Pontevedra tamén quedou pendente do exterior, aínda que non chegou a moverse de sitio unha vez finalizado o escrutinio definitivo.
Algunhas forzas políticas non ocultan nos últimos días os seus temores a que este 18F Galicia poida vivir unha mestura de ambos escenarios: unha maioría de goberno axustada, como en 2005, e un baile dalgún dos escanos finais dalgunha das circunscricións, como en 2020, pero que neste caso sexa determinante para que o país estea gobernado ata 2028 pola esquerda ou pola dereita.
A visión dos partidos
Estes elementos son clave para entender, por exemplo, as chamadas do PP a non dar por feita a vitoria. Tamén as mensaxes da súa contorna máis dereitista destinadas a desincentivar posibles votos a Vox, formación de extrema dereita con remotísimas posibilidades de obter representación parlamentaria. O medo é maior nas circunscricións atlánticas, de aí movementos como a presenza da madrileña Isabel Díaz Ayuso este xoves en Vigo nun mitin con Rueda. Os ultras, temen, poderían rabuñar sufraxios clave para eses escanos finais.
As chamadas a concentrar o voto ou contra a abstención cobran protagonismo nas mensaxes dos partidos na recta final da campaña
Este temores non son, nin de lonxe, exclusivos da dereita. Pola banda esquerda, o BNG repite dende hai días con intensidade as súas chamadas a "concentrar" os sufraxios progresistas en Ana Pontón para que "non se perda ningún voto do cambio". Esas apelacións poderían prexudicar potencialmente ao PSdeG pero, sobre todo, a formacións como Sumar, que vén poñendo precisamente eses escanos finais da Coruña e Pontevedra no centro da súa campaña. A formación que encabeza Marta Lois asegura que é a principal aspirante a conseguilos e, po extensión, a ser clave no cambio político cara á esquerda. Esta formación exclúe dos seus cálculos a Lugo e tamén Ourense, circunscrición esta última no que existe un elemento adicional: o peso que poida chegar a ter Democracia Ourensana.
Os socialistas, pola súa banda, procuran esconxurar ese risco poñendo o foco no electorado indeciso. No equipo de José Ramón Gómez Besteiro manéxanse datos que apuntan a que o groso desa indecisión corresponde a persoas que habitualmente optan pola papeleta do PSdeG en eleccións municipais ou xerais, pero que adoita absterse nas galegas. Un último empurrón, coidan, pode animalos a saír da casa o 18F, votar socialista e, ao tempo, compensar posibles votos sen representación a Sumar ou, en menor medida, a Podemos.