Promesas "enlatadas" dun candidato sen "ambición": o discurso de Rueda na ollada de BNG e PSdeG

Pontón e Besteiro, con integrantes de cadanseus grupos do BNG e do PSdeG, na primeira sesión do debate de investidura de Rueda, este 9 de abril CC-BY-NC-SA BNG | PSdeG

O debate de investidura de Alfonso Rueda, que principiou este martes coa intervención do candidato do PP á presidencia, é tamén a primeira sesión parlamentaria para escoitar nos seus novos roles a Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro. A portavoz nacional do Bloque, como líder dun grupo do BNG reforzado, o máis numeroso da historia da formación e o máis amplo da esquerda dende os socialistas de Touriño. O voceiro e vindeiro secretario xeral do PSdeG, como parlamentario debutante e aspirante a recuperar o partido do duro pau electoral o 18F.

Á espera dos seus discursos do vindeiro xoves, Pontón e Besteiro coinciden en analizar a intervención inicial de Rueda como "decepcionante". Propia, consideran, de quen se limita a repetir o xa dito, sen grandes novidades ou proxectos que volver formar un Goberno do PP marcado pola inercia.

Ana Pontón avalía o discurso de investidura de Rueda, este martes no Parlamento CC BY-NC-SA BNG

"O día da marmota", ironiza a líder do Bloque. Pontón ve "preocupante" que Rueda construíse o discurso inicial da lexislatura sobre "promesas enlatadas" e "receitas fracasadas de sempre". A intervención, di, ben puido ser "a de hai dous anos, catro ou oito anos", porque nela non se albisca "ningún proxecto de país, ningunha idea nova", ningún "proxecto estratéxico" mentres o contexto é  de "cambio acelerado en toda a nosa contorna".

Pontón ve a Rueda instalado no "día da marmota", sen ningún "proxecto de país" e "confundindo a realidade coa visión idílica que constrúe a TVG"

Se cadra, ironiza Pontón, o candidato do PP xa "desconectou" ata "confundir a realidade coa visión idílica que constrúe a TVG para maior gloria do propio PP". Por iso debuxa un país "sen listas de espera en Atención Primaira, sen nenos e nenas sen pediatra" ou sen "milleiros de persoas agardando por unha praza nunha residencia". 

Custa crer, coida a líder do Bloque, que o PP vaia facer "en catro anos o que non foron capaces de construír en quince" nun momento no que, defende, o que precisaba Galicia era "un Goberno á altura dos retos que temos por diante no século XXI". Esa "alternativa", avanza, será a que tente debuxar no seu discurso do xoves.

"Fáltalle proxecto, sóbralle hostilidade"

José Ramón Gómez Besteiro valora o discurso de investidura de Rueda CC BY-NC-SA PSdeG

Por parte do PSdeG, Besteiro observa o "decepcionante" discurso de Rueda como "máis propio da oposición" ao Goberno de España que "dun candidato a presidente da Xunta". O líder do PPdeG, sinala, "perdeu unha enorme oportunidade" coa súa "pouco ilusionante e pouco ambiciosa" intervención, na que ve especialmente significativo que dedicase ata 35 minutos ao "ataque constante ao Goberno de España". Semella avanzar unha lexislatura baseada na "relación hostil" co Estado, lamenta.

Besteiro lamenta que Rueda bosquexe unha lexislatura baseada no "ataque constante ao Goberno de España" e pon o foco en que "evitase deliberadamente" falar da transferencia das competencias pendentes

Alén de non ser "enriquecedor" nin "construtivo", que Rueda manteña a senda da confrontación co Estado, di Besteiro, amosa que Galicia queda "abocada" a catro anos sen "impulso político", sen "ambición" nin "grandes retos de país". Neste sentido, resúltalle elocuente que "o candidato do PP evitase deliberadamente citar unha soa das competencias que Galicia pode e debe reclamar" en canto "sexa convocada a Comisión de Transferencias co Estado.

Sobre os cambios na estrutura do Goberno anunciados por Rueda, tanto Pontón como Besteiro cadran na escolla do adxectivo: serán estritamente "cosméticos". "É un intercambio de cromos entre consellerías que o único que demostra é a incapacidade para enfrontar un momento tan importante", coida a portavoz nacional do BNG. Non traerán consigo "ningunha evolución", se ben son coherentes co ton "decepcionante" do conxunto do discurso, agrega o líder socialista.

Alén dos dous grupos da esquerda, o deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, tamén se mostrou decepcionado co "plúmbeo" discurso de Rueda, ao que achaca un exceso de "vaguidades" e, sobre todo, falta de mencións a compromisos coa provincia de Ourense. Así e todo, o parlamentario de DO cre pertinente outorgar certa "marxe de confianza" e por iso anuncia que finalmente se absterá nun contexto no que, admite, o seu único voto carece de relevancia para a elección de Rueda.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.