Cando finalice a XII Lexislatura, que botou a andar este 18 de marzo de 2024 coa constitución do novo Parlamento, BNG e PSdeG acumularán case dúas décadas exercendo a oposición a sucesivos Executivos do PP con maioría absoluta. As formacións que durante a campaña electoral apelaron ao cambio e amosaron predisposición a gobernaren xuntas encaran o novo período dende puntos de partida ben distintos, pero cun obxectivo evidentemente común: que a esquerda logre apoio dabondo en 2028 para sumar maioría de Goberno. E para facelo prometen exerceren a oposición "en positivo" e con "ambición de país".
O Bloque ocupou este luns por primeira vez un total de 25 asentos no hemiciclo do Pazo do Hórreo, seis máis dos que tiña na anterior lexislatura. A súa dirección admite que ten por diante o reto nada menor de reter a maior proporción posible da "ilusión" xerada en torno á candidatura liderada por Ana Pontón o 18F.
Portando, como é tradición no Bloque, caraveis e exemplares do Sempre en Galiza de Castelao, as deputadas e deputados da formación tomaron posesión prometendo o cargo "por imperativo legal" e comprometéndose a "defender os dereitos nacionais e sociais do pobo galego". Iso, di Pontón, traducirase nunha oposición "centrada en mellorar a vida das persoas" e formular "alternativas" ás políticas do PP.
Pontón avanza que o Bloque se centrará en "mellorar a vida das persoas" e insta o PP a non "confundir a maioría absoluta co absolutismo"
Os problemas do país, sinala Pontón, non mudaron co paso polas urnas e por iso "estes 25 deputados e deputadas van servir para seguir defendendo a sanidade e a educación públicas, unha mellor atención ás persoas maiores, un cambio de modelo enerxético, o medio ambiente ou darlle futuro á mocidade". Neste sentido, a líder nacionalista coida que o Goberno do PP "faría mal" se non "quere escoitar" a "toda a cidadanía que apoiou a outras forzas políticas" e que é "case a metade" do electorado. Porque iso, conclúe, implicaría "confundir a maioría absoluta co absolutismo".
Besteiro estréase no Parlamento e promete procurar "elevar o nivel da Xunta"
O PSdeG parte nesta XII Lexislatura con cinco escanos menos que na anterior, un grupo de 9 agora liderado por José Ramón Gómez Besteiro, que se propón lograr a estabilidade no liderado que o partido non tivo dende a saída do presidente Emilio Pérez Touriño. Ás portas de volver ser secretario xeral da formación, Besteiro asegura que a súa será unha oposición "firme, responsable e construtiva", coa "ambición de país" que procura "defender os dereitos sociais, blindar os servizos públicos" e "apoiar iniciativas que xeren a mellora económica de Galicia".
Defende o parlamentario lucense que o PSdeG tamén buscara´no Parlamento "dar voz a todos os galegos e galegas", con independencia "do sentido do seu voto" e que, dende a oposición, poida "elevar o nivel da Xunta". Canda Besteiro estréanse tamén na Cámara deputadas e deputados procedentes en boa medida do ámbito municipal, tales como a ex-alcaldesa de Lugo, Lara Méndez ou os edís vigueses Elena Espinosa ou Carlos López Font.
Pontón defende que o BNG actuase "con xenerosidade" para ceder ao PSdeG un posto na Mesa e lograr así unha "representación máis plural". Besteiro agradéceo e coida que é "bo para todos", tamén pola "imaxe" que traslada este primeiro acordo
Alén de cadanseus obxectivos, a interrelación de BNG e PSdeG comeza a lexislatura marcada pola decisión do Bloque de ceder aos socialistas un posto na Mesa do Parlamento, que ocupa a tamén debutante Patricia Iglesias. "Sempre quixemos que houbese esa representación da pluralidade da sociedade galega" no órgano reitor da Cámara e "nós sempre actuamos con xenerosidade en política", defende Pontón, en cuxa opinión "o Parlamento gaña con esa representación máis plural, que sempre estivo na intención do BNG.
Besteiro, pola súa banda, agradece o xesto dos de Pontón. Para o líder socialista é "positivo" porque "recoñece a pluralidade política" do Parlamento e é "bo para todos", pola "imaxe" que esta cesión do BNG ao PSdeG "traslada á cidadanía" sobre o funcionamento do Parlamento.