Do colapso da Atención Primaria á falta de médicos en Urxencias: o que ten por resolver o novo conselleiro de Sanidade

Antonio Gómez Caamaño tras tomar posesión como conselleiro de Sanidade xunto ao conselleiro saínte, Julio García Comesaña CC-BY-SA Consellería de Sanidade

O novo titular de Sanidade ten sobre a mesa diferentes situacións conflitivas que complican a xestión da sanidade pública galega. En concreto, as que teñen que ver coa xestión dos recursos humanos

Antonio Gómez Caamaño, xefe do servizo de Oncoloxía radioterápica do Complexo hospitalario universitario de Santiago (CHUS) durante a última década, é o novo conselleiro de Sanidade do renovado equipo de goberno do presidente Alfonso Rueda. Son moitas as frontes abertas para Gómez Caamaño, que xa está a manter reunións a porta pechada cos xerentes das sete áreas sanitarias, e que colle o cargo nunha situación a priori máis tranquila que o seu predecesor, Julio García Comesaña, que xestionou a peor época da pandemia en Galicia nada máis acceder á Consellería.

Xa non estamos en pandemia, pero aínda así o novo conselleiro ten sobre a mesa diferentes situacións conflitivas que complican a xestión da sanidade pública galega. En concreto, as que teñen que ver coa xestión dos recursos humanos. A cuestionable planificación da Consellería no que respecta ás necesidades de persoal, sumada á escaseza de facultativos dalgunhas especialidades, está a ter graves consecuencias en toda Galicia, especialmente na Atención Primaria e nos hospitais comarcais. “Estarei aberto a escoitar a quen queira aportar no meu compromiso cunha sanidade pública de calidade”, manifestou Gómez Caamaño tras a súa toma de posesión.

Sede da Consellería de Sanidade e do Sergas en San Lázaro (Santiago) CC-BY-NC-SA CIG

O novo titular de Sanidade deberá dar resposta ao malestar provocado polos obxectivos do Sergas para este ano, que inclúen a accesibilidade da Atención Primaria como unha responsabilidade exclusiva dos médicos, médicas, pediatras, enfermeiras e enfermeiros. O considerado polo persoal sanitario dos centros de saúde como o enésimo menosprezo é a posibilidade de que se lle reduzan os complementos de produtividade do salario por acumular máis de catro días de lista de espera para unha consulta, sobre todo cando están a substituírse entre compañeiros debido á falta de médicos de Familia e pediatras. O atraso na negociación cos sindicatos do Plan de ordenación de recursos humanos de Atención Primaria, que estaba chamado a paliar as consecuencias da falta de profesionais, será un dos retos do conselleiro Gómez Caamaño.

O atraso na negociación cos sindicatos do Plan de ordenación de recursos humanos de Atención Primaria, que estaba chamado a paliar as consecuencias da falta de profesionais, será un dos retos do novo conselleiro

En Ourense as médicas, médicos e especialistas en Farmacia de Atención Primaria e mais do hospital uníronse nunha plataforma que xa lle dixo 'basta' ao seu xerente, Félix Rubial, que podería ser un dos primeiros movementos do novo conselleiro, segundo apuntan algunhas fontes, pois xa fora trasladado da área de Vigo á de Ourense en 2019, nun intercambio na dirección das áreas no que tamén estivo implicado García Comesaña. Pero un dos hospitais no que hai máis problemas internos por resolver é un que coñece ben Antonio Gómez Caamaño, o da capital do país.

As diferenzas internas pola xestión de Eloína Núñez na área sanitaria de Santiago e O Barbanza manteñen unha difícil coexistencia nalgúns departamentos do hospital Clínico da capital, cun servizo de Urxencias ao límite, mais non na situación “crítica” das Urxencias do hospital da cidade de Ourense, onde traballan con menos da metade do cadro de persoal e o Sergas tivo que autorizar que persoal doutras áreas vaia facer gardas para manter a atención aos doentes, cada vez máis envellecidos polo cambio na pirámide demográfica. O mesmo que está a suceder coas Urxencias do hospital comarcal de Burela, tan escaso de persoal que precisa do apoio dos profesionais do hospital da Coruña para manter a asistencia.

Concentración no hospital de Ourense este 10 de abril CC-BY-SA Facultativos independientes de Ourense Unidos

“Veño do ámbito asistencial e quero poñer o paciente no centro do sistema. E para coidar os pacientes hai que coidar tamén a quen coida ao paciente”, aseverou Gómez Caamaño na súa presentación oficial. O seu nomeamento causou sorpresa na súa contorna profesional máis próxima ao ser un facultativo de intensa actividade clínica, docente e investigadora, mais sen experiencia en cargos políticos nin de xestión. As súas primeiras decisións, e mais a conformación do seu equipo, darán pistas sobre o enfoque que lle quere dar ao seu tempo á fronte de Sanidade en San Lázaro. Os posibles cambios na dirección xeral de Recursos Humanos, na dirección xeral de Asistencia Sanitaria e na xerencia do Sergas, que son os postos de máis peso na estrutura da Consellería, marcarán o rumbo da sanidade pública galega nos vindeiros anos.

"Veño do ámbito asistencial e quero poñer o paciente no centro do sistema. E para coidar os pacientes hai que coidar tamén a quen coida ao paciente", aseverou Gómez Caamaño na súa presentación oficial

Na área sanitaria de Vigo, a máis complexa de Galicia polo alto índice de privatización asistencial co Hospital Álvaro Cunqueiro xestionado por unha empresa privada e máis de 120.000 persoas atendidas directamente por Ribera-Povisa, o centro hospitalario privado máis grande do Estado, a emerxencia volve recaer na negociación da renovación do concerto para garantir a asistencia desa parte da poboación que non é posible atender dentro do sistema público. A Consellería está obrigada a chegar a un acordo, pero a falta de profesionais tamén está a xerar unha crise en Ribera-Povisa, con varios sanitarios de Urxencias que dimitiron nos últimos meses, e iso complicará a negociación.

A Ribera-Povisa, propiedade dunha multinacional francesa, interésalle cada vez máis o reparto de probas de imaxe e intervencións cirúrxicas, polo que cada vez recibe unha parte máis importante do orzamento da sanidade pública para esta área. De como resolva a negociación con Ribera-Povisa se demostrará a aposta do novo conselleiro por manter o statu quo da privatización ou por reforzar a estrutura da sanidade pública.

Presentación do novo conselleiro de Sanidade no edificio central da Xunta CC-BY-SA Consellería de Sanidade

Antonio Gómez Caamaño terá a oportunidade de decidir se incorpora profesionais da Psicoloxía clínica aos centros de saúde

Outro aspecto que definirá o perfil de Antonio Gómez Caamaño será como xestione a transformación das fundacións de investigación sanitaria en fundacións públicas, como xa recolle a lei, e a integración do seu persoal na sanidade pública. O novo conselleiro destacaba, como xefe de servizo de Oncoloxía Radioterápica, polo seu perfil investigador.

O Plan galego de saúde mental elaborado despois do peor da pandemia caduca este ano, polo que cómpre a elaboración dun novo e telo en conta no deseño dos orzamentos de Sanidade para 2025. O novo conselleiro terá a oportunidade de decidir se incorpora profesionais da Psicoloxía clínica aos centros de saúde. Por outra banda, no programa electoral do PP para as eleccións galegas figuraban dúas leis destacables: a lei de protección da saúde dos menores e unha lei de saúde pública galega, que regule todos os mecanismos de vixilancia epidemiolóxica e prevención de enfermidades, aspectos de especial relevancia tras a experiencia da COVID-19.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.