Unha norma permite cirurxías na privada pagadas polo Sergas se este tarda máis de 140 días, pero a unha muller que ía facelo así tras agardar 247 días a Xunta revogoulle o permiso 5 días antes sen explicacións. 546 días despois seguía agardando.
A Xunta non só se reserva a posibilidade de ser ela a que decida derivar un doente do Sergas a un centro privado para que sexa operado alí se así o considera, situación na que unha negativa por parte do doente pode supoñer unha demora na súa intervención no sistema público. Xunto con esa posibilidade o Goberno galego ten regulada a opción de que os doentes que agardan por unha operación no Sergas poidan solicitar eles ser intervidos nun centro privado se o sistema público non os atende antes de que pasen 140 días desde a súa inclusión na lista de espera. Porén, a Valedora vén de revelar o caso dunha muller que se acolleu a ese procedemento e á que a Xunta revogou sen explicacións a súa autorización só cinco días antes da operación programada nun centro privado 247 días despois da súa inclusión na lista de espera do Sergas.
Segundo a Valedora, a Xunta "quebrou as expectativas da doente" e o "principio de confianza lexítima". 546 días despois de entrar na lista de espera do Sergas a muller seguía agardando pola súa intervención.
Segundo o expediente agora feito público pola Valedora, a muller de 55 anos, cun problema nas vértebras que restrinxe a súa mobilidade, foi incluída o 21 de marzo de 2022 na lista de espera do Sergas para ser operada. Pasados 140 días sen ter aínda data para a operación, e tal e como contempla a normativa do Sergas, a doente iniciou o procedemento para solicitar a súa derivación a un centro privado e que esa intervención fose asumida economicamente pola Xunta.
A Valedora mesmo recolle no seu expediente unha captura da web do Sergas que reflicte que se non responde en 30 días a unha petición de derivación á privada "entenderase que se autoriza"
A Valedora recolle no seu expediente unha captura da web do Sergas na que se reflicte o procedemento a seguir, empregado pola doente. Segundo este, unha vez que un doente leva agardando máis de 140 días e comunica o seu desexo de ser intervido nun centro privado, o Sergas ten 30 días para autorizar esa derivación ou comunicarlle unha data concreta para a súa operación nun centro público nun prazo que non pode ser superior ao que lle desen no privado. O propio Sergas sinala que "se non se lle resposta de xeito expreso, entenderase que se lle autoriza a atención no centro elixido".
Neste caso a doente, tras entrar en lista de espera o 21 de marzo, formulou a súa solicitude en agosto, pasados os 140 días en lista de espera contemplados na normativa. Non recibiu resposta do Sergas, polo que a Valedora entende que co seu silencio autorizou a operación no centro privado. Esta foi fixada para o 23 de novembro, 247 días despois de que a muller entrase en lista de espera do Sergas. Pero cinco días antes da intervención, superado amplamente o prazo dun mes que tiña, o Sergas comunicoulle que non autorizaba a intervención no centro privado.
A Valedora critica que o Sergas xerou "unhas expectativas cualificadas na paciente e nos seus familiares, unhas esperanzas lexítimas de que a intervención se realizaría na data sinalada", pero a cinco días da operación "quebrou as expectativas"
A Valedora pediu explicacións á Xunta sobre o caso, pero esta limitouse a argumentar xenericamente que a muller será operada o antes posible na pública e "nada traslada, no informe remitido, sobre a solicitude de intervención [nun centro privado] nin os motivos do rexeite da autorización concedida inicialmente".
"Estamos ante un suposto no que esa administración sanitaria, a través da autorización tácita, conforme o contido reflectido na páxina web do Sergas", di a Valedora, "xera unhas expectativas cualificadas na paciente e nos seus familiares, unhas esperanzas lexítimas de que a intervención se realizaría na data sinalada do 23 de novembro de 2022 no centro elixido". "Porén, esa autorización foi revogada posteriormente de xeito que a conduta final desa administración sanitaria, ao non autorizar a intervención nin tampouco programala no seo da rede Sergas, quebrou as expectativas da doente", censura a Valedora.
A defensora do pobo incide en que "as expectativas xeradas á doente" ampáranse "no principio de confianza lexítima, principio reitor da actividade administrativa", como así recolle a lei xeral de réxime xurídico da administración.
546 días despois de entrar na lista de espera do Sergas e 295 días despois de que a Xunta lle revogase sen explicacións o permiso para operarse na privada, a muller seguía agardando pola intervención.