O Goberno galego publicitou a elaboración do estudo polo Colexio de Xeólogos e presentouno como exemplo da súa “aposta por unha minaría sostible”, pero considérao confidencial ata que ela mesma deseñe unha estratexia para o sector
O pasado 15 de decembro a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta (antiga dirección xeral de Minas), Paula Uría, deu unha rolda de prensa de “presentación” dun “informe sobre o potencial mineiro de materias primas críticas en Galicia”. Ese estudo sobre recursos escasos que condicionan a actividade de diversas industrias foi presentado como unha ferramenta que permitirá ao Goberno galego afondar na súa “aposta por unha minaría sostible”, afirmación que vén sendo contestada por diversos pronunciamentos xudiciais.
A propia Xunta publicitou a elaboración do informe malia que podía non facelo. Porén, mantén o seu contido en segredo e rexeita facelo público porque “podería dar lugar a movementos especulativos consistentes na reserva anticipada das zonas nas que potencialmente poden explotarse esas materias primas críticas”.
Tras a rolda de prensa na que anunciou o informe a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, da que depende o departamento de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e á cuxa fronte está o vicepresidente Francisco Conde, recibiu unha petición oficial de acceso ao documento. A súa resposta foi denegala amparándose en varias das excepcións que contempla a Lei de Transparencia para os casos en que divulgar un documento pode afectar ás funcións de vixilancia, inspección e control da administración, á política económica e á garantía de confidencialidade ou o segredo requirido na toma de decisións.
A Xunta nin sequera garante que cando remate o seu proceso de toma de decisións sobre o sector vaia transparentar ningún dos seus pasos senón que só o fará "se procede"
A resolución da Xunta foi analizada pola Valedora do Pobo, responsable da Comisión da Transparencia de Galicia, que deu por válidas as explicacións que lle deu o Goberno galego para non facer público o documento. Entre eses argumentos figuran o de que o documento publicitado por ela mesma forma parte dunha fase inicial de diagnose do sector “de carácter confidencial”.
O estudo, explicou, “servirá como un documento previo de traballo para tomar decisións e realizar propostas de actuación que se adopten respecto das súas conclusións, que se procede, serán obxecto de exposición e avaliación polo público en xeral unha vez que sexan elaboradas”. Isto é, nin sequera cando se remate o proceso está garantido que algún dos seus pasos vaia ser transparentado senón só “se procede”.
Segundo o Goberno galego, facilitar o acceso ao informe “suporía un prexuízo para as funcións administrativas de control da actividade mineira, a política de desenvolvemento mineiro como parte da política económica, así como para a garantía de confidencialidade requirida na toma de decisións”. Iso sería así porque, se o estudo se coñece antes que a Xunta elabore unha estratexia para o sector, argumenta, “podería dar lugar a movementos especulativos consistentes na reserva anticipada das zonas nas que potencialmente poden explotarse estas materias primas críticas, dificultando o desenvolvemento ordenado posterior e incidindo negativamente na política económica”.
O Goberno galego chega a argumentar que facer público o contido do informe podería afectar ás "funcións de control dos recursos minerais" da dirección xeral que decidiu desvelar a existencia do documento
A propia Xunta chega a argumentar que o coñecemento do contido do informe podería afectar ás “funcións administrativas de control dos recursos minerais” da dirección xeral que paradoxalmente decidiu facer pública a existencia do informe cunha rolda de prensa específica.
Naquela convocatoria aos medios de comunicación a Xunta presentou o estudo como “ferramenta para situar á Comunidade como territorio estratéxico para cubrir as necesidades de materiais fundamentais a través dos recursos propios e impulsar a reindustrialización do territorio ao tempo que contribúe a diminuír a dependencia co exterior”. A directora xeral, que a finais de 2020 substituíu no cargo ao histórico Ángel Bernardo Tahoces, fixo referencia nesa rolda de prensa, segundo salientou o propio Goberno galego, a “unha minaría que permita o desenvolvemento industrial e sexa compatible co medio ambiente, favoreza o emprego de calidade e xere oportunidades económicas e sociais no rural”.