O Tribunal Supremo sentencia que o Goberno galego non pode modular a duración da concesión “a conveniencia do solicitante” e lembra que os minerais teñen un carácter “público”
O Tribunal Supremo vén de emitir unha sentenza na que establece que en 2015 o daquela director xeral de Minas da Xunta, Ángel Bernardo Tahoces, investigado por varias decisións tomadas durante a década que estivo no cargo e agora recolocado noutro posto, outorgou unha concesión directa para a explotación da mina de volframio San Juan na Gudiña por 10 anos cando “o procedente sería denegar a solicitude”.
A lei fixa un prazo inamovible para ese tipo de concesións de 30 anos, que foi o que solicitou a concesionaria, European Tungsten Company, agora Tungsten San Juan, do grupo Sacyr. Pero fíxoo presentando un proxecto de explotación por 10 anos, polo que a Xunta debeu denegar a solicitude en lugar de outorgarlla por eses 10 anos. A propia empresa recorreu ante a xustiza reclamando unha concesión por 30 anos, pero agora o Supremo salienta que o carácter “público” dos minerais xustifica a rixidez da lexislación e rexeita os seus argumentos. En todo caso, como o recurso partiu da propia empresa e o sistema xudicial impide empeorar a situación de quen recorre se é a única parte da causa que o fai, o Supremo constata a ilegalidade cometida pola Xunta pero non anula a concesión por 10 anos á empresa.
Segundo o relato dos feitos que fai o Supremo a empresa solicitou á Xunta unha concesión “por un período de 30 anos, non obstante o cal, achega ao expediente unha documentación limitando as expectativas de explotación a un prazo de 10 anos, prazo ao que se refería tamén a Declaración de Impacto Ambiental”. O director xeral de Minas outorgou a concesión por 10 anos, pero o tribunal lembra a importancia que a lei dá ao proxecto de explotación, polo que considera que debía denegala.
A empresa recorreu ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra a decisión da Xunta reclamando unha concesión por 30 anos, pero non o logrou e volveu recorrer ante o Tribunal Supremo. E agora o alto tribunal dá a razón ao TSXG e confirma que a actuación da Xunta foi ilegal.
“Se a recorrente [a empresa] solicitou a concesión coa finalidade de limitar a súa explotación a un prazo de 10 anos e, a eses efectos, achegou o preceptivo proxecto de explotación referido ao antedito prazo, non era posible que se outorgara a concesión por un prazo superior”, di o Supremo, que engade que “o que procedía no caso de autos era denegar a concesión solicitada”.
O Supremo tamén di que “non é de recibo o argumento que se sostén pola parte recorrente [a empresa] de considerar que se poida realizar un permiso de explotación por un prazo inferior ao legalmente establecido, nunha interpretación de que o prazo dos 30 anos é de máximo, podendo, á conveniencia do solicitante, ampliar nun momento posterior dito prazo, porque non é ese o esquema que establece a lexislación examinada que, non se esqueza, está baseada no interese público que comporta o aproveitamento duns bens, os minerais, que teñen dita natureza pública”
Como o recurso contra a Xunta partiu da propia empresa, que quería unha concesión por 30 anos, e o sistema xudicial impide empeorar a situación de quen recorre, o Supremo constata a ilegalidade do pero non anula a concesión por 10 anos
Porén, malia considerar ilegal o xeito no que a Xunta outorgou a concesión por 10 anos, o Supremo, como previamente o TSXG, non a anula porque a única parte que recorreu neste caso foi a propia empresa: “Se non se decretou a nulidade da resolución foi porque se prexudicarían os intereses procesuais da única parte recorrente, a propia interesada, a quen se lle produciría unha reformatio in peius [reforma en prexuízo], proscrita no ámbito estritamente procesual”. Isto é, a empresa que tiña xa na súa man a concesión por 10 anos recorrera ante a xustiza para pedir 30 anos, polo que a xustiza non lle pode agora quitar toda a concesión.
O cargo que outorgou a concesión ilegal, Ángel Bernardo Tahoces, está a ser tamén investigado por outra mina de volframio, a de San Finx, en Lousame
No caso desta mina San Juan da Gudiña hai uns meses Ecoloxistas en Acción reclamou a caducidade da concesión pola súa falta de actividade desde o seu outorgamento. Para os ecoloxistas sería un exemplo máis de especulación coas expectativas mineiras dunha empresa que vén de vender os seus dereitos noutra explotación polémica tamén de volframio, a de San Finx, en Lousame, pola que está a ser investigado penalmente o ex-director xeral de Minas cuxa actuación na Gudiña agora censura o Supremo.