O Executivo galego vén de aumentar en dúas as direccións xerais a respecto da estrutura anterior
Só dous dos dez conselleiros cos que Feijóo chegou en 2009 á Xunta seguen ocupando un posto no actual Goberno galego, o vicepresidente Alfonso Rueda e a titular de Mar, Rosa Quintana. Pero os cambios nestes anos tamén foron constantes no seguinte nivel do executivo, o das secretarías xerais e as direccións xerais, 57 na actual Xunta das que só 10 seguen a estar ocupadas polas mesmas persoas designadas en 2009, aínda que na maioría deses casos, como no dos conselleiros, con lixeiros cambios tanto na denominación dos postos como nas súas competencias. Se a conta se fai sumando conselleiros e conselleiras e o seguinte nivel, son só 12 de 68 os altos cargos que continúan.
Por outra banda, nestes anos a estrutura da Xunta foi mudando co traspaso a novos entes paralelos, especialmente axencias, de competencias que antes recaían en direccións xerais.
As remudas nas cúpulas de Educación, Sanidade e Política Social levaron por diante a José Manuel Pinal, director de Centros e Recursos Humanos de Educación desde 2009
As remudas nas cúpulas de Educación, Sanidade e Política Social coas que vén de comezar o cuarto mandato de Feijóo supuxeron que algúns dos cargos máis veteranos da Xunta deixasen os seus postos. Entre eles destaca o ata agora director de Centros e Recursos Humanos de Educación, José Manuel Pinal, no cargo desde 2009.
Coa súa saída, xa só son dez os altos cargos actuais que comezaron a exercer en 2009: o agora secretario xeral da Presidencia e antes director do gabinete de Feijóo, Álvaro Pérez; a secretaria de Vicepresidencia, Beatriz Cuiña; o director de Xustiza, Juan José Martín; o director de Relacións Exteriores, Jesús Gamallo; o director de Función Pública, José María Barreiro; a directora de Ordenación do Territorio, Encarnación Rivas; o director de Enerxía e Minas, Bernardo Tahoces; o secretario de Universidades, José Alberto Díez; o director de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto; e a directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez. Porén, en varios casos as súas competencias ou rango variou neste tempo.
Por outra banda, a nova estrutura da Xunta vén de aumentar de 55 a 57 as secretarías e direccións xerais coa creación de dúas novas direccións: de Relacións Laborais e de Atención Integral Sociosanitaria. O primeiro posto é para Elena Mancha Montero de Espinosa, ata agora inspectora de traballo na Coruña e mediadora no Consello Galego de Relacións Laborais, e o segundo para Antón Acevedo Prado, médico que era ata agora director de procesos da área sanitaria da Coruña.