Sanidade leva dous meses sen responsable de Epidemioloxía tras a xubilación do anterior

Xurxo Hervada, á dereita da imaxe, nunha comparecencia sobre o coronavirus co ex-conselleiro Almuiña antes de xubilarse CC-BY-SA Xunta

Tras 42 días sen reunión executiva, superando o récord de 41 días do verán de 2017, o Consello da Xunta deste xoves comezou a nomear os cargos intermedios do novo Goberno galego cunha remuda completa da cúpula de Educación

Ata a deste xoves 10 de setembro, coa primeira tras a investidura o luns do novo Goberno, a última reunión executiva do Consello da Xunta celebrárase o 30 de xullo, hai 42 días, superando así por un o récord existente ata agora de 41 días sen reunión do executivo galego rexistrado durante o verán de 2017. Con circunstancias moi distintas ás de aquel verán, e tras a promesa do candidato Feijóo nas pasadas eleccións de gobernar desde o día seguinte aos comicios, o encontro deste xoves tivo entre as súas principais decisións o nomeamento dunha decena de cargos intermedios do novo Goberno galego, apenas unha quinta parte dos que podería ter a súa nova estrutura, destacando especialmente a remuda completa da cúpula de Educación.

Porén, un nomeamento que non depende do Consello da Xunta -e polo tanto non requiría da súa reunión-, senón da Consellería de Sanidade, é o da Subdirección Xeral responsable de Epidemioloxía, cargo vacante malia a pandemia. Na Xunta as subdireccións xerais son o punto no que conflúen nunha mesma persoa os postos de carácter técnico cos de designación política, e a de Información sobre a Saúde e Epidemioloxía leva dous meses baleira en plena pandemia desde a xubilación do seu último responsable, Xurxo Hervada, segundo vén de revelar La Voz de Galicia. Aínda que as súas funcións ou nome puideran variar neste tempo, Hervada levaba no cargo dúas décadas, con varios gobernos.

Estrutura da Dirección Xeral de Saúde Pública, coa Subdirección de Información sobre a Saúde e Epidemioloxía CC-BY-SA Xunta de Galicia

Na estrutura da Xunta por baixo dos conselleiros e conselleiras están as secretarías xerais e as direccións xerais, postos de tipo político para os que o Goberno galego pode nomear discrecionalmente a calquera persoa, como fixo este xoves cunha decena deles (ao remate do pasado mandato a estrutura da Xunta, que pode ser modificada, incluía 55 altos cargos por baixo dos conselleiros e conselleiras).

Pero o seguinte nivel, o das subdireccións xerais, no que o executivo se reservou a posibilidade de nomeamentos a dedo, estes só se poden producir entre o funcionariado, o que os converte no antedito punto de confluencia entre o ámbito técnico e o político, con exemplos de nomes que permanecen durante anos malia os cambios de goberno e outros que varían cando muda cada director xeral.

No caso da Consellería de Sanidade, por baixo do conselleiro, e á espera de posibles cambios na nova estrutura de Goberno galego que se estableza nos próximos días, está a Dirección Xeral de Saúde Pública, con Andrés Paz-Ares no cargo desde 2016. E a continuación tres subdireccións xerais, entre as que se atopa a agora denominada de Información sobre a Saúde e Epidemioloxía. 

Saúde Pública é a Dirección Xeral que vén asinando e asumindo os informes de epidemioloxía nos que se basea a Xunta para establecer as diversas restricións polo coronavirus, pero o contido deses informes depende da subdirección xeral agora descabezada. Algo que a propia Xunta evidenciou en varias ocasións ao facer comparecer a Hervada xunto ao ex-conselleiro Almuiña ou ao director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, pero sen a presenza do seu superior, o director xeral de Saúde Pública.

Almuíña, o director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, e Hervada, na presentación sobre o informe para o paso á fase 2 do desconfinamento CC-BY-SA Xunta

Hervada foi tamén, xunto con Paz-Ares, quen asinou un dos informes sanitarios nos que se baseou Feijóo para convocar as eleccións o 12 de xullo e, no pasado, como responsable epidemiolóxico fíxose cargo doutras alertas como a do ébola

O equivalente ao posto a nivel estatal sería o do director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, como responsable desa unidade encargada de coordinar a información epidemiolóxica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.