A Xunta vén de confirmar que o resultado da primeira analítica feita ao paciente con sospeita de estar infectado polo virus do ébola foi negativo. Este xoves, segundo informa a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade, enviaranse novas mostras ao Centro Nacional de Microbioloxía de Madrid, para obter novos resultados que previsiblemente se coñecerán o venres. No caso de que esta segunda analítica tamén dea resultado negativo, "poderá descartarse completamente a sospeita de infección por ébola" e unha vez que se cumpran os criterios establecidos polos protocolos que prevén dous analíticas negativas.
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) activou este mércores o protocolo para facer fronte a un posible caso de ébola detectado no servizo de urxencias do Hospital da Coruña. A Xunta confirmou a primeiras horas que na tarde do martes o CHUAC "recibiu un paciente proveniente do seu domicilio" e, "tras comprobar que cumpría criterios epidemiolóxicos e clínicos compatibles con infección polo virus do ébola", decidiu "activar o protocolo de actuación" en "coordinación e comunicación" co Ministerio de Sanidade. Pero advirte tamén que é "simplemente unha sospeita".
A Xunta advirte de que a probabilidade de que se confirme o caso de ébola "é moi pequena" e manda unha mensaxe de "tranquilidade"
"A probabilidade de que sexa un caso de ébola é moi pequena porque case non hai casos en Guinea Conakry", país de onde procedeu o paciente, tal e como advertía xa o subdirector xeral de información sobre saúde, Xurxo Hervada. Ademais, nunha comparecencia pública, a Xunta asegurara tamén que o presumible "negativo" non descartaría a sospeita, polo que o home deberá permanecer "illado e ingresado" no hospital Meixoeiro de Vigo, a onde foi traslado durante esta mañá e que fora designado polo Sergas como centro de referencia en Galicia para tratar os "casos de sospeita" deste virus.
O paciente é un home de 24 anos que acudiu ás Urxencias do Hospital da Coruña
Antes, responsables de Saúde Pública desprazados ao centro coruñés decidiran, "conxuntamente co equipo" do hospital coruñés, "tomar as mostras necesarias para confirmar ou descartar unha infección" por ébola. Mentres se espera polos resultados, que chegarán esta tarde, o paciente, de 24 anos, atópase xa no Meixoeiro de Vigo.
Tal e como explicou Hervada, o protocolo activouse logo da chegada deste home ao servizo de urxencias da Coruña con "febre, vómitos e diarrea", unha "sintamotoloxía" que fixo que fose "illado" e se levase a cabo "un manexo axeitado" do seu caso. Agora, no entanto, as súas condicións clínicas "son boas", non ten febre, está consciente e está a colaborar co profesional sanitario.
Á súa chegada, o persoal sanitario da Coruña contactou coa súa familia para intentar confirmar os últimos movementos da persoa. O feito de que "non se puidese descartar que tivese contacto cun posible caso" provocou que se activase o protocolo, aínda que desde o Sergas insístese en que as probabilidades de positivo por ébola son baixas. "A semana pasada case non houbo casos en Guinea Conakry", engadiu, Hervada, que lembrou tamén que no conxunto do Estado xa se activou o protolo por posibles casos de ébola en "60 ocasións" sen que en ningunha das últimas, agás no caso da enfermeira galega, se confirmasen positivos. Ademais, advertiu que, na maioría dos casos, estas sospeitas acaban sendo debidas á malaria, enfermidades tropicais ou mesmo procesos catarrais.
O paciente xa non ten febre, as súas condicións clínicas "son boas" e está a colaborar co profesional sanitario
Ao tempo, Hervada aclara que o virus non se pode detectar ata que hai unha sintamotoloxía, e volveu advertir que esta primeira análise "non vai ser defintivia". Por outra banda, incidiu no "contaxioso" do virus, pero sobre todo "segundo avance a enfermidade" e non nos primeiros días, onde as posibilidades de contaxio son moi pequenas.
Na Coruña, os traballadores que atenderon o home non acudiron este mércores a traballar e recibiron instrucións para que quedasen na casa e malia que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, destaca o "bo funcionamento" do protocolo, a xunta de persoal alude ao "caos e desconcerto" dos primeiros momentos. "Todos os sanitarios [que trataron o paciente] están identificados e xa se lles informou sobre o proceso a seguir", informou Hervada, que explicou tamén que o paciente chegou desde Guinea a Lisboa o domingo, trasladándose en bus ata A Coruña, a onde chegou o pasado luns para visitar a súa muller, que permanece na casa. Entre sanitarios e non sanitarios, sobre unha ducia de persoas terán que pasar polo seguimento que require o protocolo.
No caso improbable de confirmarse que o paciente está infectado por ébola, as autoridades sanitarias determinarán o traslado desde Vigo ata "un dos hospitais que se fixaron no Consello Interterritorial de Saúde como unidade de referencia para o tratamento de casos confirmados". Previsiblemente, o destino sería Madrid.
Así, Víctor del Campo, responsable da coordinación da unidade de referencia no Meixeiro, lembrou que, no caso de que as análises ao paciente desen positivo por virus do ébola, "hai outros hospitais no Estado que son a referencia para a hospitalización dos casos confirmados". Ademais, aclarou que, aínda que todos os profesionais de urxencias de Galicia recibiron formación específica sobre como tratar un caso sospeitoso, foi en Vigo onde se formou os profesionais "para o manexo específico en hospitalización".
Sindicatos médicos como Omega e CESM cren que no Meixoeiro "hai preparación" pero consideran "escaso" o persoal designado, que desde o Sergas lembran que é de preto dun cento de persoas que elaboran os eu traballo "sempre por parellas".