A Xunta, que non fai públicos os detalles da incidencia da pandemia en Galicia, limítase a comunicar algún detalle da situación en cada zona na que toma unha nova decisión
Un Diario Oficial de Galicia (DOG) extraordinario publicado na noite deste mércores 9 de setembro fixo oficial as novas restricións ou o levantamento das previamente establecidas pola Xunta fronte ao coronavirus en determinados concellos, barrios ou comarcas. Son medidas que o Goberno galego, en liña coa súa política informativa opaca ao respecto da evolución da pandemia en Galicia, aplica sen apenas detallar a situación concreta deses territorios máis alá de datos moi puntuais, a diferenza da maioría do resto de comunidades autónomas que ofrecen datos diarios e abertos por concellos ou idade, entre outras variables. Estes son os argumentos que se ofrecen no DOG a respecto de cada zona.
Pontevedra
A Orde coa que Sanidade aplica en Pontevedra, entre outras, restricións de capacidade nos locais cita para facelo un informe sobre a situación epidemiolóxica na comarca elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública con data deste mesmo mércores 9 de setembro que, di, sinala o seguinte: “A incidencia na comarca leva en ascenso desde o 22 de agosto, mais esta incidencia aumenta máis rápido a partir do 30 de agosto. A taxa de incidencia tanto a 3 como a 7 días aumenta máis do dobre. O intervalo de confianza superior do número reprodutivo instantáneo supera o 1’5, o que indica que a transmisión pode ser importante. A maior parte dos casos produciuse no concello de Pontevedra. O brote mantén indicadores que o sitúan como de risco alto/medio”.
A Coruña
A Xunta decidiu este mércores manter restricións en barrios concretos da Coruña pero levantalas no resto da cidade e da maioría dos concellos veciños. Estes son os argumentos que, di, ofrece o correspondente informe epidemiolóxico: “a incidencia acumulada a 7 e 14 días mostra unha tendencia constante á baixa aínda que de forma lenta. No concello da Coruña, a taxa a 3días reduciuse ata chegar practicamente a igualarse coa taxa global da comarca. O feito fundamental é que a distribución dos casos non é uniforme no concello, detectándose a agrupación de casos en determinadas zonas da cidade. No concello de Arteixo, ben que as taxas permanecen altas, reducíronse ao longo do tempo. O número de casos diarios está tamén a reducirse desde hai 3 días”.
Bergantiños
A respecto da comarca de Bergantiños, a Xunta decidiu manter as medidas xa establecidas para Carballo e A Laracha e estendelas a Ponteceso baseándose nun informe epidemiolóxico do que resume o seguinte: “se observa [na comarca] unha diminución da incidencia, tanto a 3 como a 7 días. Non obstante, seguen a aparecer casos e a incidencia a 14 días é elevada nos concellos de Carballo, A Laracha e Ponteceso. Nesta comarca impuxéronse medidas restritivas nos concellos de Carballo e A Laracha pola súa alta incidencia. No momento actual, a taxa de incidencia a 3 días nestes dous concellos é inferior á taxa da comarca, o que significa que as medidas adoptadas están a funcionar. Respecto ao resto dos concellos da comarca, preocupan os datos de Ponteceso, polo número de casos detectados neste período. O brote segue a presentar indicadores de risco alto e de risco medio”.
Santa Comba
En Santa Comba a Xunta decidiu levantar as restricións territoriais establecidas indicando que o informe correspondente sinala que na comarca de Xallas “a incidencia acumulada a 3 días e a 7 días baixou de forma significativa e que o número reprodutivo instantáneo se mantén por debaixo do 1. No concello de Santa Comba a taxa a tres días xa está por debaixo da taxa xeral de Galicia. O informe considera que a redución de casos e taxas indica que as medidas restritivas tiveron efecto”.
Santiago
O informe epidemiolóxico citado na Orde que decide manter as restricións establecidas para Santiago sinala: “a incidencia acumulada a 3, 7 e 14 días está estabilizada con algunha oscilación. A porcentaxe de positividade das PCR mantense elevada. Os grupos de idade máis afectados están entre os 15 e os 24 anos, o que pode implicar un número importante de asintomáticos ou paucisintomáticos que facilitarían a transmisión. No concello de Santiago de Compostela detéctanse máis do 70 % do total de casos da comarca. O número de casos parece que está a baixar, pero é necesario continuar coa vixilancia ao respecto da efectividade das medidas tomadas”.
Ourense
A Orde que decide manter as medidas establecidas para a cidade de Ourense é a inclúe unha información máis limitada a respecto do que di o correspondente informe epidemiolóxico. Segundo reflicte, nese documento “indícase que a incidencia acumulada a 3 e 7 días está estabilizada na última semana. O brote concéntrase no concello de Ourense e mantén indicadores de alto risco e de medio risco”.
Lugo
En Lugo a Xunta decidiu retirar as medidas específicas establecidas para o barrio da Milagrosa e equiparar a súa situación ás restricións establecidas para o resto da cidade. Neste caso, a diferenza do resto de ordes, o informe epidemiolóxico que se cita non está datado neste mesmo mércores 9 senón no pasado venres día 4. Nel, di a Xunta, “indícase que o brote da cidade de Lugo, a pesar de que parece evolucionar de forma favorable, presenta aínda indicadores de alto risco, polo que se recomenda manter as medidas restritivas establecidas que parece que están a funcionar adecuadamente. O feito de que os casos xa non estean concentrados no barrio da Milagrosa fai que non teñan xustificación as medidas máis restritivas que afectan este barrio”.
Ademais da limitada información a respecto das características da pandemia que ofrece a Xunta en cada Orde coa que dita restricións, algún dato máis acaba transcendendo a través das decisións xudiciais que posteriormente veñen avalando esas decisións. Nos seus autos en ocasións os xuíces e xuízas reflicten elementos dos informes epidemiolóxicos esgrimidos pola Xunta para xustificar as súas medidas facilitando así unha información que o Goberno galego evita divulgar de xeito expreso.
Por esa vía foi como se soubo, durante o brote da Mariña en xullo, que a Xunta comunicara publicamente 34 casos menos dos que lle transmitiu ao xulgado para pedir a ratificación do confinamento. Tamén por esa vía sóubose a semana pasada que a Xunta decidiu as restricións para Santa Comba ao detectar que a incidencia alí nas dúas semanas anteriores era catro veces superior á do resto de Galicia.
Este mércores fixéronse públicos outros dous autos, relativos ás medidas establecidas para as comarcas da Coruña e Bergantiños, que ofrecen novos datos pero cun significativo atraso no tempo. Os autos foron divulgados polo Tribunal Superior de Galicia este mércores, pero están asinados o pasado venres 4 de setembro e reflicten datos de informes epidemiolóxicos do 30 agosto. Neles sinálase, por exemplo, que naquel momento a taxa acumulada de casos por 100.000 habitantes nos 14 días anteriores era de 211 na Laracha, de 239 en Carballo e de 365 en Arteixo. Como comparación, naquelas mesmas datas a cifra para Santa Comba era de 435 casos por 100.000 habitantes, mentres que a media de Galicia estaba en 123 e a estatal en 212. Este mércores 9, segundo os datos oficiais do Ministerio de Sanidade, a media en Galicia estaba en 128 e a estatal en 233.