A tendencia á desaceleración no número de novos casos do coronavirus rexistrados en Galicia detense este mércores en Galicia. Os datos divulgados pola Consellería de Sanidade este 9 de setembro, correspondentes á xornada anterior, permiten calcular -a Xunta non divulga este dato directamente- que foron detectados 332 novos positivos nun só día, a cifra máis alta nunha única xornada dende o pasado abril, disparada en boa medida polo brote da residencia DomusVi Lugo, en Outeiro de Rei, intervida pola Xunta dende o martes.
A tendencia á desaceleración frea tras rexistrarse 332 novos casos nunha día con cinco falecementos máis, tres deles de persoas que vivían en residencias de maiores
A media semanal de novos casos diarios regresa así á senda ascendente nunha xornada na que o número de casos "activos", indicador de referencia para a Xunta, experimenta un forte ascenso (+134), ata os 4.364, impulsado sobre todo pola área sanitaria de Lugo (+119), na que se produciron ata tres dos cinco novos falecementos de persoas coa COVID-19 que o Sergas rexistra este mércores. O total de mortes ligadas á pandemia chega así ás 668.
Tres destas cinco novas mortes correspóndense con persoas que vivían en residencias de maiores. Trátase dunha residente de DomusVi en Outeiro, de 89 anos, e dun home e unha muller que vivían na residencia da Fundación San Rosendo no Inicio, de 90 e 96 anos, respectivamente, indica o Sergas. Dous dos falecementos producíronse nas propias residencias, que acumulan 139, se ben a Xunta non aclara en cal delas.
Os outros dous falecementos rexistráronse en hospitais. Trátase dun paciente de 81 anos que estaba ingresado no Clínico de Santiago e doutro home de 71 que estaba a ser atendido no Lucus Augusti de Lugo.
Os novos casos equivalen ao 7% das PCR realizadas
O incremento no número de novos casos detectados correspóndese tamén cun forte incremento na cifra de probas PCR realizadas nunha única xornada, pero ambos indicadores aumentan a un ritmo diferente que apunta a un empeoramento da situación xeral. Así, mentres que os novos casos coñecidos o pasado martes equivalían ao 6% das 2.658 PCR feitas o día anterior, este mércores os 332 novos positivos son equivalentes ao 7,2% das PCR. A Organización Mundial da Saúde sitúa no 5% o limiar de positividade para dar a epidemia por controlada nun territorio.
Cómpre ter en conta, en calquera caso, que a Xunta continúa sen publicar a súa serie histórica completa sobre a evolución da pandemia en Galicia, o que dificulta a observación deste indicador. Non é posible asegurar que todos os casos novos e todas as PCR sexan da mesma xornada e, ademais, os partes da Consellería inclúe tamén casos positivos en test de anticorpos sen síntomas, que pasan a ser computados directamente como "curacións", cifra que acada este mércores as 14.158 persoas.
A hospitalización, lonxe do pico malia o incremento nas UCI
O número de novos casos da COVID-19 rexistrados cada día en Galicia sitúase agora en niveis semellantes aos do pasado abril, en pleno confinamento, pero as cifras de hospitalización amosan que esta segunda vaga da pandemia está a ser diferente á primeira. Nestas diferenzas inflúen varios factores: dende o maior número de probas realizadas ata as franxas de idade máis afectadas polo virus, dato este último que a Xunta manexa pero non fai público, se ben llo proporcionou a un único medio de comunicación nos últimos días.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, as persoas ingresadas nos hospitais galegos -tanto públicos como privados- con test positivo da COVID-19 son agora 206, tres menos que o día previo (o cal non implica necesariamente que non houbese hospitalizacións novas, xa que as altas inflúen tamén neste indicador e o Sergas tampouco ofrece datos ao resepcto). Non obstante, as seis persoas menos en unidades de hospitalización ordinaria -agora son 181- contrastan coas tres máis na UCI -agora son 25-.
A peor evolución, en Lugo
A área lucense pasa a ser a que rexistra un maior número de "positivos activos" por cada 100.000 habitantes, por riba da Coruña
O brote na residencia DomusVi Outeiro de Rei, pero tamén os casos na unidade de maiores do hospital privado Polusa, entre outros focos, contribúen a que a área sanitaria con peor evolución nesta xornada sexa a de Lugo, que abrangue a totalidade da provincia. A área lucense chega aos 920 "positivos activos", o que implica que rexistra un mínimo de 119 casos novos, que poden ser máis en función das altas que se producisen -os partes xerais do Sergas non o especifican-.
Eses 920 "activos" implican ademais que a área de Lugo pase a ser a que rexistra unha maior incidencia -activos por cada 100.000 habitantes- en toda Galicia, con 288,72. Mentres, a área sanitaria con máis "activos" en termos absolutos, a da Coruña-Cee, segue moderando o seu crecemento malia rexistrar ata 57 casos novos nas últimas vinte e catro horas, cun incremento de só 11 "activos" por mor das 45 altas rexistradas, segundo confirman dende a área sanitaria.