A xustiza avala as novas restricións da Xunta tras comunicarlle esta para a vila do Xallas unha taxa de 435 casos por 100.000 habitantes nas dúas últimas semanas, fronte aos 123 da media galega ou os 212 estatais
A diferenza de boa parte do resto de comunidades, a Xunta non está a difundir datos da incidencia do coronavirus a nivel municipal. Estes coñécense se os propios concellos teñen acceso a eles e deciden divulgalos ou nas poucas ocasións en que a Xunta os revela de xeito puntual. Así o vén de facer, de xeito indirecto, ao xustificar ante a xustiza as medidas restritivas impostas o mércores en Ourense, Santiago, Santa Comba, Carballo e A Laracha.
Os xulgados veñen avalando esas decisións en autos públicos pero que non sempre reflicten, máis alá de xeneralidades, os datos concretos que lles comunica a Xunta para defender a súa postura, algo que agora si fai un xulgado co caso de Santa Comba revelando así que a incidencia do coronavirus nesa localidade é catro veces superior á media galega.

A incidencia de Santa Comba, 435 casos por 100.000 habitantes, aproxímase á da comunidade de Madrid, 479
O auto do xulgado Contencioso-Administrativo número 2 de Santiago que este venres avalou as restricións impostas en Santa Comba ampárase nun informe elaborado pola Xunta “que describe que a situación na comarca do Xallas desde o 18 de agosto ao 31 do mesmo mes, cunha taxa de incidencia acumulada moi alta no Concello de Santa Comba (435 por 100.000 habitantes os últimos 14 días)”. A Xunta non fai públicos os seus datos globais de incidencia acumulada, pero si o fai o Ministerio de Sanidade, que no seu informe do 1 de setembro, no que se recollen os datos máis próximos a ese 31 de agosto que cita o auto, sinala que a incidencia acumulada nos anteriores 14 días en Galicia era 123,02 casos por 100.000 habitantes (121,43 segundo o informe estatal deste venres día 3).
A incidencia do coronavirus en Santa Comba que agora se coñece é moi próximas á cifra que presenta a comunidade autónoma en peor situación, Madrid, con 479,44 o 1 de setembro. E duplica a media estatal desa mesma data, con 212,41.
A taxa de positividade das probas PCR realizadas na vila é o dobre que no resto de Galicia e o grupo de idade máis afectado o de 50 a 59 anos
O auto xudicial tamén sinala que o informe da Xunta “considera que a taxa de incidencia no Concello de Santa Comba é elevada, con 41 dos 43 casos da comarca, e das 246 PCR realizadas os últimos 14 días, arroxaron positividade o 16,3%”, fronte a cifras que veñen oscilando entre o 5% e o 7% no global de Galicia. O grupo de idade con positividade máis elevada, engade, é o de 50 a 59 anos.
Ningún destes detalles foron feitos públicos pola Xunta tampouco no Diario Oficial de Galicia extraordinario que publicou o mércores pola noite coas restricións para Santa Comba, ao igual que tampouco concretou nada do tipo de incidencia en Carballo e A Laracha, como pola contra si fixo no caso de Ourense (onde apuntou á idade máis elevada das persoas afectadas como un factor de risco) ou no de Santiago (onde advertiu da capacidade de expansión do brote pola súa orixe nunha instalación deportiva).
