Reunións dun máximo de 10 persoas, capacidade do comercio e a hostalaría reducida ao 50%, tamén nas terrazas, e peche de centros de día, entre as medidas aprobadas
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, apuntou este mércores tras reunirse co comité clínico que asesora á Xunta coa COVID-19 cara a un "caracter selectivo" nas restricións aplicadas para frear o coronavirus. Este criterio, sumado ao da "anticipación", fai que as limitacións que se están a aplicar nas cidades da Coruña e Lugo se estendan aos concellos de Santiago, Ourense, Santa Comba, Carballo e A Laracha.
As restricións, que entran en vigor este xoves 3 de setembro, supoñen que as reunións sociais fican limitadas a un máximo de 10 persoas e non se poderán celebrar festas nin verbenas. Decrétase unha redución do aforo nos establecementos comerciais e na hostelería ata un 50%, tanto no interior dos locais como nas terrazas, así como a prohibición do consumo na barra. A mesma limitación de capacidade afectará ás bibliotecas e centros de ensino non regrados. Desta maneira, tamén ficarán pechados os centros de día e as residencias de maiores, que verán restrinxidas as visitas e as saídas.
A partir do luns, día 7, as celebracións como vodas, bautizos ou comuñóns non poderán superar o 50 % do aforo do salón de banquetes nin o número máximo de 50 persoas para lugares pechados e de 100 persoas no caso de celebrarse en espazos ao aire libre. Limitacións que, da mesma maneira, atinxen aos velatorios e lugares de culto. Todas as medidas concrétanse nun DOG extraordinario publicado na noite deste mércores.
O conselleiro de Sanidade pon o foco nas reunións familiares e nos espazos interiores, con novas medidas para os ximnasios
"A maiores, e constatando que un dos focos principais son os ximnasios, pois varios dos brotes apareceron en correlación clara con estes espazos como foi o caso do de Meicende na Coruña ou do último que xurdiu en Santiago, vanse establecer novas restricións e medidas específicas para estes establecementos", salientou Almuiña.
Por tanto, fica establecida a orde de uso obrigatorio da máscara de protección nos ximnasios na Coruña, Lugo, Ourense, Santiago, Carballo, A Laracha e Santa Comba. "Nas vindeiras datas estenderáse ao resto de Galicia, pero imos facer unha revisión global e nos próximos días se comunicará", engadiu o conselleiro.
Levantan restricións na área da Coruña
A Xunta levanta as restricións en Abegondo, Bergondo, Carral e Sada e mantenas no resto da área da Coruña e na cidade de Lugo
Na área sanitaria da Coruña-Cee, o conselleiro certificou "unha tendencia estable" cunha melloría nos concellos da área metropolitana. Así, Almuiña trasladou que o comité clínico decidiu levantar as restricións en Abegondo, Bergondo, Carral e Sada, onde se estableceran as mesmas medidas que na propia capital da comarca.
A respecto da área sanitaria de Lugo, o titular de Sanidade trasladou que "mantivo unha tendencia ascendente ata hai dous días", polo que "de momento" manterán as restricións aplicadas hai cinco días durante unha semana máis. Tamén no barrio da Milgrosa, que concentra a incidencia do municipio lucense.
Contaxio en interiores
"É fundamental ver a incidencia nos últimos tres ou catro días para seguir a tendencia, tratar de anticiparnos, e facer unha actuación o máis circunscrita posible no menor tempo posible", aseverou Almuiña, quen constatou que "os problemas de contaxio se concentran nos espazos interiores".
A "confianza" que se xenera nas reunións familiares ou de amizades entre as persoas que non conviven xuntas normalmente centra os novos contaxios, segundo a experiencia acumulada que esgrimiu o conselleiro. "Hai que extremar as precaucións en interiores e non baixar a garda nas reunións familiares", dixo.
Nesta liña, o comité clínico avaliou a situación nos cines, onde incide na importancia da separación ademais das limitacións do aforo. "Os convivintes poderían estar nun cine sentados de forma contigua, pero o resto de persoas deben estar á distancia física de seguridade".
"As reunións familiares con persoas non convivintes, se non son estritamente necesarias, evitémolas. Esa reunión cos amigos podemos facela máis adiante, cando a situación epidemiolóxica sexa mellor", sostivo o xefe de servizo de urxencias do hospital de Pontevedra e membro do comité clínico, Tato Vázquez Lima, que participou na comparecencia por videoconferencia, da mesma maneira que o fixeron o xerente da área sanitaria de Vigo, Julio García Comesaña; o xefe de Microbioloxía do Chuvi, Benito Regueiro; e o xefe de Oncoloxía do Hula, Sergio Vázquez Estévez.
Protocolo de visitas nas residencias de maiores
A Xunta anuncia outro protocolo para as residencias de maiores
Ante a posibilidade de que as restricións nas visitas ás residencias de maiores se vaian repetindo no tempo pola incidencia do coronavirus, Jesús Vázquez Almíña avanzou que o comité clínico que asesora á Xunta abordará xunto á Consellería de Política Social a elaboración dun "protocolo moi estricto" para que si poida haber contacto coas persoas maiores que residen nestes centros, mais este se produza "en condicións de máxima seguridade".