- DOCUMENTO | Orde de Sanidade coas restricións establecidas para Lugo
- DOCUMENTO | Orde de Sanidade coas restricións establecidas para Arteixo
As reunións sociais estarán limitadas a un máximo de dez persoas en toda a cidade lucense, onde todas as festas quedan suspendidas, os centros de día pechados e prohibidas as visitas a residencias
A situación epidemiolóxica na cidade de Lugo e no concello de Arteixo experimentou un empeoramento moi preocupante nos últimos días, superando amplamente unha incidencia de 100 casos por cada 100.000 habitantes. Ante a posibilidade de que os gromos detectados seguisen medrando de forma exponencial, a Consellaría de Sanidade vén de anunciar a imposición de medidas máis restritivas nestes dous concellos, semellantes ás que dende hai unhas semanas se aplican en toda a comarca da Coruña.
A partir deste sábado en toda a capital lucense as reunións sociais fican limitadas a un máximo de 10 persoas e non se celebrarán festas nin verbenas. Ademais, a capacidade máxima de establecementos comerciais e hostalaría fica limitada ao 50%, o mesmo que a de bibliotecas e centros de ensino non regrados. De igual xeito, os centros de día permanecerán pechados e as visitas ás residencias de maiores estarán restrinxidas, o mesmo que as saídas.
No barrio lucense da Milagrosa, ao igual que no concello de Arteixo, que nos últimos días están a rexistrar un elevado número de casos, as medidas serán máis duras
No caso de celebracións como bodas, bautizos e comunións non poderán superar o 50 % do aforo do salón de banquetes nin o número máximo de 50 persoas para lugares pechados e de 100 persoas no caso de celebrarse en espazos ao aire libre, se ben este apartado da norma tardará tres días en entrar en vigor, polo que non afectarán aos eventos previstos para estar fin de semana.
No barrio lucense da Milagrosa, ao igual que no concello de Arteixo, que nos últimos días están a rexistrar un elevado número de casos (Arteixo suma 121 casos activos), as medidas serán máis duras. Ademais das restricións anunciadas para o conxunto da cidade de Lugo, as reunións sociais serán de 5 persoas como máximo. Así mesmo, os bares non poderán servir no seu interior, ficando limitada a súa actividade ás terrazas, con só 5 persoas por mesa. Os restaurantes si poden servir no interior, a un máximo de 5 persoas por mesa.
Todas estas medidas serán revisadas dentro de 5 días, para valorar o seu efecto e a situación epidemiolóxica existente nese momento. Todos os detalles das restricións anunciadas, así como os lugares (rúa por rúa no caso do Barrio da Milagrosa) nos que se aplican publicáronse na tarde deste venres no DOG.
O conselleiro de Sanidade subliñou que tanto o ocio nocturno coma as reunións familiares e de amizades son as responsables do maior número de contaxios en Galicia nestes momentos
O Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, subliñou a importancia de aplicar medidas decididas cando se detecta un incremento importante do número de positivos, para así evitar a expansión dos gromos e o cremento exponencial do número de casos nunha zona e cortar as cadeas de transmisión.
De igual xeito, apuntou que nas vindeira semanas a política de control da enfermidade establecida pola súa consellaría estará baseada na aplicación de medidas concretas en espazos xeográficos delimitados, é dicir, concellos e mesmo barrios no interior de determinadas localidades, coma no caso do barrio lucense da Milagrosa.
Almuíña destacou que no caso de Lugo o número de casos comezou a medrar a partir do gromo declarado a partir dunha festa celebrada nun pub da cidade. A partir dos contaxios que tiveron este foco como orixe, as infeccións foron estendéndose posteriormente a traves de reunións familiares e sociais, como comunións. O conselleiro de Sanidade subliñou que tanto o ocio nocturno coma as reunións familiares e de amizades son as responsables do maior número de contaxios en Galicia nestes momentos.
En Lugo, ademais das medidas de control anunciadas, a Consellaría de Sanidade levará a cabo un cribado masivo entre os traballadores municipais que están en contacto con moita poboación, coma o persoal da Policía Local ou de servizos sociais.