Idade máis elevada e “capacidade para expandirse” fan de “alto risco” os gromos de Ourense e Santiago, segundo Sanidade

Casa do Concello de Ourense © Concello de Ourense

No caso de Compostela o informe epidemiolóxico apunta que o brote detectado nas instalacións deportivas do Sar, ao que “acoden persoas diseminadas por toda a cidade”, eleva a súa perigosidade

As ordes coas que a Xunta establece novas restricións nas cidades de Ourense e Santiago fronte ao coronavirus, publicadas nun Diario Oficial de Galicia extraordinario na noite deste mércores, apenas unha hora antes da súa entrada en vigor, argumentan os motivos epidemiolóxicos da súa aplicación, apuntando no caso da primeira cidade especialmente á idade superior á media do resto de Galicia das persoas afectadas e no da capital á “capacidade para expandirse”. 

No caso de Ourense, Sanidade sinala que “a maioría dos casos” están a rexistrarse na propia cidade. “Neste gromo existe unha circunstancia preocupante, que a media de idade das persoas máis afectadas é superior á do resto de Galicia”, di, e engade que “o gromo ten características dun gromo de alto risco, tendo en conta a taxa de incidencia, o número de cadeas de transmisión e a porcentaxe de probas PCR positivas”.

A praza do Obradoiro deserta durante o confinamento CC-BY-SA Praza Pública

No caso de Santiago sinálase que “a taxa de incidencia nesta comarca está a medrar, fundamentalmente á custa do aumento de casos no concello de Santiago”. A diferenza de Ourense, neste caso “o grupo de idade que presenta a taxa de positividade máis elevada é o de 20 a 24 anos” pero “non está controlado” e “os indicadores que definen este gromo sitúano como potencialmente de alto risco, con múltiples cadeas de transmisión e unha alta porcentaxe de probas PCR positivas entre os contactos estreitos dos casos detectados”. 

En Compostela o Sergas engade outra consideración: “Nos últimos días xerouse un gromo vinculado a un complexo deportivo [o Multiusos Fontes do Sar], con varios casos positivos, tanto entre os traballadores como entre os clientes deste centro. A circunstancia de que acoden persoas diseminadas por toda a cidade fai que o gromo teña moita capacidade para expandir a transmisión do virus”.

No caso de Lugo o gromo “considérase que está bastante delimitado e, polo tanto, pode ser controlado se se toman as debidas medidas”

Sanidade non concreta características especiais á hora de xustificar as novas restricións en Santa Comba, Carballo e A Laracha. Pola súa banda, o informe sobre A Coruña levanta as restricións en Abegondo, Bergondo, Carral e Sada por considerar que a situación foi mellorando pero mantenas no resto da área, así como as máis duras para Arteixo, porque a melloría aínda non é suficiente. No caso de Lugo, mantéñense as restricións xerais para a cidade e as máis duras para o barrio da Milagrosa porque o gromo “considérase que está bastante delimitado e, polo tanto, pode ser controlado se se toman as debidas medidas”. 

O barrio da Milagrosa, en Lugo © Google Maps

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.