A Xunta estende as restricións especiais pola COVID-19 aos concellos de Pontevedra e Ponteceso e, pola contra, levanta as limitacións nos concellos de Santa Comba, Arteixo e na Coruña agás nos barrios da Agra do Orzán, Ventorrillo, Sagrada Familia, Vioño, Sardiñeira, Os Mallos e Estación, porque " a afectación ten baixado e a evolución é boa", segundo indica a Consellería de Sanidade. O comité clínico decidiu tamén que o uso obrigatorio de máscara nos ximnasios afecte a toda Galicia.
O comité clínico decide levantar as limitacións nos concellos de Santa Comba, Arteixo e nalgúns barrios da Coruña polos datos epidemiolóxicos que manexa
Alberto Núñez Feijóo volveu presidir este mércores a xuntanza do comité clínico que asesora á Xunta de Galicia coa pandemia da COVID-19, mais hoxe non compareceu para explicar as decisións adoptadas neste foro, como acostuma a facer. Tampouco o fixo o novo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que xa participaba nestas reunións como xerente da área sanitaria de Vigo, nun día no que a Consellería de Sanidade trasladou unhas cifras con 332 novos positivos en coronavirus.
Sanidade traslada que situación do barrio da Milagrosa mellora e pasa a contar coas mesmas restricións que o resto da cidade de Lugo
Os concellos de Santiago, Ourense, Carballo e A Laracha mantéñense coas restricións especiais que adoptaran a semana pasada, ao igual que o fai o concello de Lugo, coa salvedade de que o barrio da Milagrosa xa non será un punto con máis controis, pois os datos epidemiolóxicos que manexa o comité clínico permiten equiparar as súas limitacións ás do resto da cidade.
No caso da área da cidade da Coruña, un portavoz da Consellería de Sanidade trasladou a Praza.gal que ficarían sen restricións os barrios da "Agra do Orzán, Ventorrillo, Sagrada Familia, Vioño, Sardiñeira, Os Mallos e Estación". Estes son algúns dos que viñan presentando maior incidencia da doenza, dato que o Goberno galego tampouco fai público. Con todo, pode que a delimitación das rúas sometidas a restricións non se corresponda estritamente coa delimitación dos barrios, tal e como indican desde a Sanidade. Isto foi posteriormente detallado na publicación das medidas no Diario Oficial de Galicia (DOG).
O Concello da Coruña indica que o Sergas lle adiantou que as zonas onde seguen as restricións son Agra do Orzán, Sagrada Familia, Os Mallos, As Conchiñas e O Ventorrillo
Pola contra, a últimas horas da tarde este propio mércores, o Concello da Coruña explicou nun comunicado oficial que a propia Consellería lle viña de indicar que son estas zonas ("Agra do Orzán, Sagrada Familia, Os Mallos, As Conchiñas e O Ventorrillo") as que "continuarán con restricións" polo "seu elevado número de contaxios". O Concello revela tamén que o Sergas lle indicou que a cidade ten 678 casos "activos" de coronavirus, dato que a Xunta non divulga.
A información que manexa Sanidade sobre o incremento das posibilidades de contaxio do coronavirus nos espazos interiores, e mais os brotes como o vencellado ao Multiusos Fontes do Sar de Santiago, levou a decretar este mércores a obrigatoriedade da máscara de protección en todos os ximnasios galegos. Porén, a Xunta elevou do 50% ao 75% os aforos en terrazas naquelas zonas con especial restricións.
As mesmas medidas, agás a mudanza nas terrazas
Estas restricións especiais ás que agora se incorporan os concellos de Pontevedra e Ponteceso non mudaron, coa excepción do incremento nas capacidades das terrazas, segundo o avanzado pola Xunta. Así, as reunións sociais, "tanto privadas como na vía pública", fican limitadas a un máximo de 10 persoas e quedan prohibidas as celebracións e as verbenas. O aforo nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería permanece reducido nun 50% no interior dos locais e mantense a prohibición do consumo na barra.
As reunións "tanto privadas como na vía pública" fican limitadas a 10 persoas nas zonas restrinxidas
A mesma limitación de capacidade afecta ás bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado. Desta maneira, tamén ficarán pechados os centros de día e as residencias de maiores, que verán restrinxidas as visitas e as saídas. A Xunta traslada que a situación dos centros sociosanitarios foi "un dos puntos centrais que se abordou" na reunión deste mércores.

No caso das celebracións como vodas, bautizos ou comuñóns seguen en vigor as limitacións para non superar o 50 % do aforo do salón de banquetes, nin o número máximo de 50 persoas para lugares pechados e de 100 persoas no caso de celebrarse en espazos ao aire libre. Limitacións que, da mesma maneira, atinxen aos velorios e aos lugares de culto.
A Xunta non especifica o momento no que entran en vigor as medidas avanzadas tras a xuntanza do comité clínico, mais o habitual nas últimas semanas foi que a publicación dun DOG extraordinario e que entren en vigor ás cero horas.