Menos perfil político para Sanidade, o departamento do 'conselleiro' Feijóo

Julio García Comesaña promete o seu cargo como conselleiro de Sanidade ante Feijóo, este 7 de setembro de 2020 en San Caetano CC-BY-SA Ana Varela - David Cabezón / Xunta

Comesaña sucede a tres persoas ‘do partido’ nun momento en que o presidente reclama para si todo o protagonismo da xestión sanitaria

“A sanidade pública segue a ser a miña máxima principal vocación e compromiso”. A frase é de Feijóo no seu discurso de investidura do pasado martes, no que volveu lembrar de xeito implícito as súas orixes como xestor sanitario en segundos niveis da Xunta ou o Goberno central hai dúas décadas á fronte do Sergas e o Insalud. Nos últimos seis meses a pandemia do coronavirus e as súas comparecencias públicas deixaron ben claro a quen aínda non o soubese que o propio Feijóo é na práctica o conselleiro de Sanidade, un departamento á cuxa fronte puxo durante a última década a tres persoas do partido pero que agora, ao asumir el aínda máis protagonismo, rebaixa politicamente co perfil máis técnico de Julio García Comesaña.

A primeira conselleira de Sanidade de Feijóo, Pilar Farjas, no cargo dous anos e medio entre abril de 2009 e decembro de 2011, ocupara diversos postos políticos e mesmo fora concelleira do PP na Coruña. Deixou o cargo para ser a número 2 do Ministerio de Sanidade do Goberno de Rajoy. A súa sucesora, Rocío Mosquera, durou case catro anos, ata outubro de 2015, e malia ter un perfil político algo menos marcado que Farjas, tamén ocupara postos de designación na Xunta de Fraga. 

Almuiña, de costas, ante Feijóo, nunha imaxe de arquivo © Xunta

Almuiña, agora substituído tras cinco anos no cargo, segundo asegurou Feijóo este luns por petición propia -varias fontes sinalan un agotamento persoal e familiar pola crise do coronavirus-, chegou a Sanidade tras ser alcalde de Baiona durante máis dunha década e home forte do PP no Val Miñor, pero previamente xa fora director provincial do Sergas. Durante a súa xestión á fronte da consellería apareceron novos conflitos, como o do hospital de Verín, pero amainaron outros como o do novo hospital de Vigo, área na que en varias ocasións recorreu ao seu agora sucesor para ocupar diversos postos intermedios. 

Julio García Comesaña (Vigo, 1968) -primeiro conselleiro de Sanidade desde 1996, con Romay Beccaría, que non é médico de carreira, malia que a súa traxectoria sempre estivese ligada á actividade asistencial- chegou a postos inferiores de xestión e dirección hospitalaria en Vigo en 2005 e, tras pasar tamén por cargos centrais no Sergas, en 2015, coa entrada de Almuiña en Sanidade, foi nomeado director de Procesos Asistenciais da área viguesa. Seguíu ascendendo e en marzo de 2018 asumía a xerencia da área sanitaria de Ourense, posto no que estaría pouco máis dun ano ata que en xullo de 2019 volvía novamente a Vigo xa como máximo responsable da área, nunha operación na que intercambiou o posto co seu antecesor e previamente xefe Félix Rubial, moi contestado. 

As ex-conselleiras Farjas e Mosquera, nunha imaxe de arquivo © Xunta

Feijóo deixou claro na investidura que o protagonismo vai seguir sendo seu cunha combinación de constante presenza mediática e restricións informativas entre as que Comesaña terá que atopar o seu posto

A traxectoria de progresivos ascensos de Comesaña ata agora ocupar a consellería preséntase moi diferente das dos seus antecesores, en cuxas carreiras alternan postos de xestión e cargos políticos. Un perfil máis técnico o seu non exento de polémicas, como a destitución da xefa do servizo de Cirurxía Plástica de Vigo por criticar a falta de protección do persoal sanitario ao comezo da pandemia.

Con Comesaña á fronte a área sanitaria de Vigo impulsou nesta pandemia iniciativas como a extracción de mostras sen baixar do coche ou a futura proba a partir da saliva que poderá realizar cada persoa no seu domicilio, anunciada por Feijóo na súa investidura. Agora chega a unha consellería na que o seu xefe inmediato, Feijóo, vén de deixar claro que o protagonismo vai seguir sendo seu cunha combinación de constante presenza mediática e restricións informativas entre as que Comesaña terá que atopar o seu posto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.