Rubial marcha, o conflito sanitario queda en Vigo: "A Xunta tenta reconducilo, pero chega tarde"

Félix Rubial, actual xerente da área sanitaria de Ourense © Xunta

A pouco de empezar este mes de xullo, a Consellería de Sanidade anunciaba a mudanza nas xerencias de dúas áreas sanitarias. O ata daquela xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, pasaba a dirixir a de Ourense, mentres que o responsable da ourensá, Julio García Comesaña, ocupaba o cargo do discutido responsable da área viguesa. 

Dominguez Sardiña, membro da Asemblea e un dos xefes de servizo dimisionarios, cre que a marcha de Rubial é "un intento da Xunta por reconducir o conflito". "Pero chega tarde", di

O troco chegou logo de meses de conflito na sanidade galega, nomeadamente na área viguesa, e con continuas peticións de dimisións que afectaron a Rubial, sinalado nas manifestacións en defensa do sistema público, nos conflitos con diversos colectivos sanitarios, nas folgas nos centros de saúde, nas múltiples controversias arredor do método público-privado co que o Hospital Álvaro Cunqueiro foi impulsado ou na dimisión conxunta de case todos os xefes de servizo dos ambulatorios da zona de Vigo. Foron eles quen deron pulo ás protestas pola sobrecarga asistencial e a falta de recursos na Atención Primaria, xeneralizadas tamén en toda Galicia.

Manuel Domínguez Sardiña, membro da Asemblea de Médicos de Vigo e un dos xefes de servizo que dimitiu en decembro de 2018, considera que a marcha de Rubial é “positiva” para tender “pontes que estaban rotas”. E mesmo considera “reversibles” as dimisións del e dos seus compañeiros no caso de que as cousas muden de vez a partir de agora. 

Mobilización na Atención Primaria en Vigo © Primaria Digna

“A decisión é positiva porque Félix Rubial non só non tiña sensibilidade coas nosas reclamacións, senón que mesmo as negaba; non vía os problemas que había”, explica Domínguez Sardiña, que considera “bo” que chegue á xerencia “unha persoa cunha actitude distinta”, pero que advirte de que “non só se lle pide iso”. “Queremos solucións e non só boas palabras e boa actitude; precisamos mudanzas de verdade, obxectivables”, insiste. 

“Queremos solucións e non só boas palabras e boa actitude; precisamos mudanzas de verdade"

Para Domínguez Sardiña, a marcha de Rubial da área sanitaria de Vigo é “un intento da Xunta por desbloquear ou reconducir” o conflito e por “establecer pontes de diálogo que co anterior xerente estaban rotas”. No entanto, cre que a decisión da Consellería “chega moitos meses tarde”. Agora, con todo, a Asemblea de Médicos daralle un tempo a García Comesaña para que “faga unha análise da situación” antes de retomar as negociacións. “Esperamos reunirnos antes de que finalice o verán”, engade. 

Será daquela cando formulen as demandas e reivindicacións que levan meses facendo, tamén a través de folgas e masivas manifestacións xunto á cidadanía. Máis medios, máis recursos, menos sobrecarga asistencial e máis persoal para a Atención Primaria, ademais de procurar solucións ás longas listas de espera ou impulsar as consultas preferentes. “Pero tamén máis recursos na Atención Hospitalaria”, aclara o doutor. 

"A situación segue a ser mala. en verán non hai substitutos e chéganse a atender 60 pacientes ao día nunha consulta"

Con todo, Domínguez Sardiña espera que “a Atención Primaria sexa unha prioridade” para o novo xerente porque “a situación segue a ser mala”. “Pode que mellorase algo ultimamente polas teleconsultas, pero en verán o problema agrávase, non só na área de Vigo, senón en toda Galicia. Faltan compañeiros, non hai substitutos e estanse chegando a atender ata 60 pacientes nunha consulta durante unha mañá”, explica quen cre que unha mudanza na actitude por parte do novo responsable e a chegada de “cambios obxectivables” podería mesmo reverter as dimisións masivas de xefes de servizo. 

“Non é bo para os centros de saúde estar sen xefes porque así as cousas non funcionan ben. Todo é reversible se a situación se arranxa ou se ven os cambios porque nos centros ten que haber xefes, sexamos nós ou outros”, aclara quen di tamén que é necesario que estes postos sexan ocupados por xente “recoñecida polo persoal, con prestixio ou liderado”. “Non pode ser que ocorra como cando Rubial nomeou algún que carecía do perfil necesario para exercer esa función”, aclara. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.