A oposición critica o continuísmo e a perda de peso das mulleres no novo Goberno de Feijóo, ao que piden “impulso” fronte ao coronavirus

Ana Pontón e Gonzalo Caballero, no debate de investidura do pasado xoves CC-BY-SA Praza Pública - Parlamento de Galicia

Pontón e Caballero reclaman que os cambios non se queden “nas caras”

“Continuista” fronte ao “impulso” que se precisaría para loitar contra o coronavirus e coas mulleres perdendo peso a respecto dos homes. Nesa análise coincidiron na tarde deste domingo os líderes de BNG e PSdeG, Ana Pontón e Gonzalo Caballero, ao coñecer a composición do novo Goberno co que Feijóo iniciará o seu cuarto mandato á fronte da Xunta.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG CC-BY-NC-SA Praza Pública

“Que se nomeen dous vicepresidentes e sexan homes, demostra até que punto falta compromiso coa igualdade e cunha participación paritaria das mulleres”, di Pontón

“Que se nomeen dous vicepresidentes e sexan homes, demostra até que punto falta compromiso coa igualdade e cunha participación paritaria das mulleres”, salientou a portavoz nacionalista, para quen “de nada vale cambiar ao conselleiro de Sanidade e a de Educación se non cambian as políticas”, engadindo que “once anos de recortes dos servizos públicos necesitan máis que un cambio de caras”.

Para Pontón, o de Feijóo é “no esencial, un goberno continuísta, sen perfís de peso político e que vai na liña do esperado: continuísmo puro e duro, xusto nun momento en que a COVID acelera un fin de ciclo e se necesitan novas ideas e impulso”.

“Os relevos en Sanidade e Educación evidencian o recoñecemento do fracaso da Xunta nas súas competencias principais”, di Caballero

Similares expresións empregou tamén o socialista Caballero, quen valorou o novo executivo como “continuísta” a pesar da importancia que lle dá a contar cun equipo “con ideas, con impulso” para afrontar a crise sanitaria, económica e social provocada polo coronavirus. Caballero tamén lamentou “a falla de peso das mulleres” ao crearse unha nova vicepresidencia que tamén recae nun home e que “só cinco dos doce integrantes” da Xunta, incluíndo o propio Feijóo, sexan mulleres.

O socialista considera que “os relevos en Sanidade e Educación evidencian o recoñecemento do fracaso da Xunta nas súas competencias principais” e reclamou que os cambios “non poden limitarse ás caras” senón que teñen que implicar “novas políticas”.

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG © PSdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.