O PSdeG propón máis servizos públicos e menos "bonos regalo" para "rematar con este período tan desmoralizante"

Luis Álvarez, portavoz parlamentario do PSdeG, durante a súa intervención no debate de política xeral deste luns © Parlamento de Galicia

O portavoz socialista, Luis Álvarez, pide ao PP que deixe "de poñer o freo de man a este país" e asegura que "as forzas que se asocian para o ben non se suman, se multiplican"

Máis persoal na sanidade, máis escolas e residencias públicas ou máis "solidariedade fiscal" e "progresividade". Son algunhas das dez propostas coas que rematou a súa intervención inicial no debate de política xeral o portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, que contrapuxo as medidas socialistas cos "bonos regalo" anunciados polo presidente da Xunta. Unha remuda de políticas que propuxo Álvarez para os actuais "tempos de cambio, incertezas, de refundación dun modelo económico e social que se mostra caduco".

Álvarez pronunciou o seu discurso nunha xornada na que boa parte da dirección do PSdeG acompañou a José Ramón Gómez Besteiro no seu anuncio, nos corredores do Parlamento, poucos minutos antes do inicio do debate, de que quere ser candidato á presidencia da Xunta. Un anuncio que pairou sobre todas a intervencións do portavoz socialista no hemiciclo.

Luis Álvarez, á dereita, observa a José Ramón Gómez Besteiro no seu anuncio de que quere ser candidato á presidencia da Xunta, lanzado este mesmo luns no Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Tras o discurso inicial de Rueda que o presidente centrou en anunciar axudas directas e gabar a "seguridade" e "estabilidade" de Galicia, o portavoz socialista pediu mudanzas. "Deixen de poñer o freo de man a este país", dixo, ao tempo que se preguntou "se estamos avaliando o traballo dun executivo que leva dous meses, un ano, ou catorce".

"Quitan a quen menos teñen para perdoar cartos aos millonarios, é vostede Robin Hood ao revés", di o socialista

Álvarez comezou a súa refutación dos gobernos do PP lembrando que nos últimos anos eliminaron a tarxeta básica para alimentos e produtos de primeira necesidade ao tempo que "rebaixaron impostos ás casas de apostas". "Quitan a quen menos teñen para perdoar cartos aos millonarios, é vostede Robin Hood ao revés, Rueda Alfonso", dixo.

Vista do hemiciclo durante a intervención de Luis Álvarez, portavoz do PSdeG, o 9 de outubro de 2023 © Parlamento de Galicia

Canto ás propostas lanzadas este luns por Rueda, o socialista puxo o foco no bono de 5.000 euros para persoas con dependencia grave ou severa que sexan atendidas no domicilio. Álvarez asegurou que non é unha proposta nova senón que no fondo implica "recuperar" unha medida suprimida previamente polos populares. Segundo a súa argumentación, os sucesivos gobernos do PP reduciron as libranzas e cotizacións de persoas coidadoras e atascaron o proceso de recoñecemento da dependencia, decisións que cuantificou en perdas para as persoas afectadas superiores aos 5.000 euros que agora se anuncian.

Álvarez rematou a súa intervención asegurando que "son tempos cruciais" e pediu "estar á altura das circunstancias". Tras salientar no comezo do seu discurso que as maiorías absolutas xa son anómalas, e pedindo ao PP máis capacidade de diálogo, pero talvez apuntando tamén a un posible cambio de goberno pola esquerda cunha coalición de varias forzas, o socialista díxose "firme defensor da importancia da colaboración na política, do diálogo, da capacidade para derrubar as barreiras ideolóxicas e traballar xuntos para construír un país mellor". "Como ben dixo Concepción Arenal, as forzas que se asocian para o ben non se suman, se multiplican", concluíu.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.