O Consello de Contas revela que a rebaixa de impostos a varios xogos de azar tivo no seu primeiro ano un impacto nos ingresos un 45% superior ao comunicado polo Goberno galego, que mantén a medida neste 2023 para os bingos
A finais de 2020 a Xunta decidiu que durante 2021 rebaixaría impostos a algunhas empresas de xogo para "paliar os efectos" da COVID. O propio Goberno galego calculou que a medida suporíalle deixar de ingresar ese ano 3.665.000 euros. Pero agora o Consello de Contas vén de constatar que realmente o impacto da rebaixa de impostos foi de 5.364.000, 1,7 millóns máis do previsto.
O argumento oficial que deu o Goberno de Feijóo para introducir nos seus orzamentos para 2021 unha rebaixa nas taxas fiscais sobre o xogo en casinos, bingos e máquinas automáticas foi que era necesario "establecer un beneficio fiscal que coadxuve á situación provocada neste sector" para "paliar os efectos que tivo no ano 2020 a pandemia".
A propia Xunta cuantificou en 3.665.000 euros o "impacto recadatorio" da medida, cifra que chegou a consignar nun informe específico remitido ao Parlamento no marco dunha comisión de estudo para a reforma do financiamento autonómico, eido no que reclama que o Estado achegue máis ingresos.
Este verán o Consello de Contas fixo público o seu informe anual sobre as contas xerais da Xunta, correspondente neste caso a 2021, o ano no que comezou a aplicarse a antedita rebaixa ao xogo. E o que constata o ente fiscalizador nese exercicio foi que fronte aos case 3,7 millóns de menores ingresos orzamentados inicialmente pola Xunta, o "custo real" e "definitivo" desa rebaixa de impostos foi de case 5,4 millóns.
En 2021 a rebaixa beneficiaba a casinos, bingos e máquinas automáticas, en 2022 reformulouse para as máquinas de xogo e este 2023 para o bingo, sector que o PP defende por estar "a piques de desaparecer"
Malia que o argumento expreso da Xunta para introducir a rebaixa fiscal ao xogo en 2021 foi o dos "efectos que tivo no ano 2020 a pandemia", en 2022 reformulou a medida e mantivo a rebaixa para as máquinas de xogo. E en 2023 volveu reformulala e focalizouna no xogo do bingo. O PPdeG chegou a defender o mantemento da rebaixa de impostos tamén este ano, xa sen ningunha restrición no sector pola pandemia, co argumento de que os bingos están "en franco declive" e "a piques de desaparecer".
Contas reitera a súa vella crítica á Xunta por non avaliar os efectos das rebaixas de impostos
No seu informe o Consello de Contas non só constata a disparidade entre o calculado pola Xunta e o que finalmente deixou de ingresar por esa rebaixa de impostos, senón que reitera unha vella queixa sobre a falta de avaliación dos efectos de todas as rebaixas de impostos que vén impulsando o Goberno galego nos últimos anos. Hai, di Contas, unha "ausencia" de asociación entre cada beneficio fiscal e determinadas políticas de gasto así como unha inexistencia de "indicadores ou obxectivos que permitan avaliar a súa eficacia e eficiencia dun xeito continuado no tempo".
O PP vén de aprobar unha nova lei que fixa límites ás casas de xogo pero permite que as xa abertas xunto a colexios continúen e mantén as máquinas de apostas nos bares, con ata dous aparellos dese tipo ou comercartos en cada local
Por outra banda, a rebaixa de impostos ao xogo implantouna a Xunta mentres tramitaba a nova lei para o sector en Galicia, aprobada finalmente hai pouco máis dun mes. O novo texto, entre outras cuestións, mantén as máquinas de apostas nos bares, facilita casinos máis grandes, vixía máis os bingos de asociacións e residencias de maiores, renuncia a que haxa lotarías galegas e permite que locais de xogo xa abertos permanezan nas proximidades de centros educativos, vetando só a apertura de novos establecementos a menos de 300 metros.