"Quero ser a presidenta desta Galiza posíbel, coa man tendida, sabendo que todos e todas somos necesarias para construír a Galiza en grande que queremos e merecemos". Ana Pontón, voceira do BNG, puxo este luns o traxe de presidenciable durante a súa intervención do debate de política xeral, marcado pola proximidade dunhas futuras eleccións autonómicas.
Deixouno claro a líder do BNG, apelando continuamente a "esa maioría que quere cambio, que quere abrir un tempo novo, de esperanza e de futuro" fronte a un "modelo do PP" que, na súa opinión, "deixa unha Galiza máis pequena" e en contraposición a un goberno popular na Xunta que durante os últimos 14 anos foi "unha trituradora".
Pontón contrapuxo o modelo "de esperanza e futuro" do BNG a unha Xunta do PP "trituradora do presente e do futuro dun país"
"Trituradora", repetiu Pontón en numerosas ocasións, "do Estado de Benestar", "dos sectores produtivos", "do autogoberno", "do territorio" o "do noso idioma". Porque, dixo, o PP "leva 14 anos triturando o presente e futuro dun país" a través dun modelo que para o Bloque está a piques de quedar atrás. "Quen é parte do problema non pode ser parte da solución", dixo a voceira nacional dun BNG que "mira ao futuro con esperanza e confianza en Galiza".
Pontón debullou un país paralizado, sen apenas avances, caracterizado polo "servilismo e a submisión a Madrid" por parte dunha Xunta que ve como unha "xestoría que traballa para as eléctricas" ou é "cómplice do espolio" e un presidente "accidental" como Alfonso Rueda. E contrapúxoo a un goberno liderado polo BNG que porá "en marcha unha nova Galiza: forte, orgullosa, próspera, na que vivir e traballar; unha Galiza científica, verde, inclusiva e feminista".
"O cambio é imparable", advertiu Pontón, que pasou a explicar o proxecto de goberno do BNG para Galicia, "asentado en tres firmes piares: confianza en Galiza, ambición de país, facer valer e respectar á sociedade galega".
Pontón augurou un "cambio imparable" e presentou o seu programa baseado en tres piares: "confianza en Galiza, ambición de país, facer valer e respectar á sociedade galega"
Así, a líder do Bloque resumiu ese programa en "dez retos estratéxicos" que detallou durante a súa intervención. En educación, a líder do BNG anunciou a recuperación inmediata da gratuidade dos libros de texto, a blindaxe da escola rural ou a redución de ratios en todos os niveis educativos, ademais da contratación de profesorado "ata compensar os recortes do PP".
Ademais, apostou por "garantir o dereito ao benestar das persoas maiores" tornando "un modelo privatizado nun modelo de xestión pública". "Sabemos que non se logra en dous días, pero traballaremos nesa dirección, empezando por unha xestión 100% pública de todas as novas residencias", explicou, antes de anunciar un Pacto Galego pola Ciencia co obxectivo de fixar un investimento equivalente ao 2,5% do PIB neste ámbito.
Tamén prometeu "parar o bum eólico depredador das eléctricas" e apostar pola eólica "pero cun modelo de participación pública" e "exemplar no ambiental" e achegue e reteña "riqueza, emprego e beneficio social". "Quitarei a cadeira que as eléctricas teñen no Consello da Xunta; basta de gobernar para as grandes multinacionais, para os ricos e poderosos", advertiu.
A líder do BNG prometeu pular por un goberno "que non trague coa continua discriminación que impoñen as forzas estatais"
En canto ao debate do modelo territorial, e logo de criticar que en 14 anos o PP non conseguise ningunha competencia nova para a Xunta, pediu que "Galiza non quede desaparecida" e prometeu pular por un goberno "que non trague coa continua discriminación que impoñen as forzas estatais".
"Quero ser a presidenta dese goberno" —aclarou nunha frase repetida varias veces— coas mans libres", engadiu Pontón, que anunciou tamén medidas contra a fenda salarial, coa "inclusión de cláusulas de igualdade na contratación pública e facilitando a conciliación" e para que "a maternidade deixe de penalizar as mulleres".
Ademais, adiantou, se chegase a ese novo goberno de esquerdas, a "derrogación do decreto da vergoña", en referencia ao decreto do plurilingüismo para que a lingua propia "deixe de estar minorizada no ensino".
"Goberno fanático do centralismo"
"Quero ser presidenta desta Galiza posíbel", insistiu Pontón, que antes debullou un negro panorama dos 14 anos de gobernos do PP desde a chegada de Feijóo á Xunta. Censurou o empeoramento na cohesión social, os recortes na sanidade pública e na dependencia, os "agasallos fiscais aos ricos" ou "un sistema de coidados que fai negocio coa vellez". Tamén a perda de empregos en todos os sectores produtivos ou a perda das caixas galegas. "Onde antes había oficinas e traballadores agora temos caixeiros pagados con cartos públicos", exemplificou.
Tampouco esqueceu a protesta dos venres negros nuns "medios públicos convertidos en aparato de propaganda do PP" e as varias "condenas" que a CRTVG tivo que asumir por vulneración de dereitos laborais e fundamentais.
"Son un goberno fanático do centralismo", reprochou Pontón a Rueda, ao que lembrou a súa participación "naquela indigna manifestación contra o galego" en 2009 ou o "esperpento de ver o presidente da Xunta votar contra o uso da lingua propia no Congreso". "É unha vergoña que o perseguirá sempre", espetoulle.
Desde o PP, o portavoz, Alberto Pazos, respondeu asegurando que "o único que triturou o PP nestes 14 anos foron as expectativas electorais do BNG". Ademais, volveu tirar do bipartito, que cualificou de "colosal desastre" e cualificou de "exemplar" a remuda na Xunta.