Rueda debuxa unha Galicia conservadora ante unha oposición que quere abrir un novo horizonte

Pontón, Rueda e Álvarez no debate de política xeral CC-BY-SA Praza Pública

O popular presenta Galicia como garantía de "seguridade" fronte a "un mundo no que cada vez se poden dar menos cousas por feitas", mentres Pontón e Álvarez apelan a unha mudanza baseada no reforzamento dos servizos públicos

"Nun mundo no que cada vez se poden dar menos cousas por feitas, no que a realidade parece poder cambiar radicalmente dun día para outro, é moi importante saber que a nosa terra é distinta, que Galicia é segura e polo tanto dá seguridades". Esta frase podería resumir a visión conservadora que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ofreceu sobre o país que dirixe durante as súas intervencións no derradeiro debate de política xeral da lexislatura. "Seguridade", "estabilidade" ou "previsibles" foron as súas ideas forza nunha intervención que centrou nas persoas maiores e as empresas os seus principais anuncios.

Pola contra, os portavoces da oposición, Ana Pontón no BNG e Luis Álvarez no PSdeG, coincidiron en diagnosticar un "fin de ciclo" nesa visión inmutable do país, á que contrapuxeron un novo horizonte que queren abrir tras as próximas eleccións galegas baseado nun reforzamento dos servizos públicos. 

Eses futuros comicios nos que xa teñen a vista posta desde todos os escanos marcaron o debate deste luns ata o punto de que o socialista José Ramón Gómez Besteiro decidiu anunciar minutos antes do pleno, nos corredores do Parlamento, que quere ser o candidato do PSdeG. 

Rueda co seu vicepresidente primeiro, Diego Calvo, durante o debate de política xeral CC-BY-SA Praza Pública

No seu discurso Rueda non só ofreceu a súa visión dunha Galicia estable como unha descrición do pasado ou o presente senón que a proxectou no futuro inmediato. "A Galicia de hoxe e a de mañá debe ser quen de ofrecer seguridade á súa xente", dixo, e engadiu que "seguridade é saber que o Goberno de Galicia non se embarcará en aventuras políticas de escaso percorrido, que sacrifican o benestar da xente no altar da ideoloxía". "Mentres as galegas e os galegos queiran, esta seguirá sendo esa illa de estabilidade que recoñece tanta xente", dixo, facendo ver a súa esperanza en que as galegas e os galegos o queiran a el nas eleccións cuxa data está só na súa man fixar. [Rueda tira de axudas directas para lanzar a carreira electoral].

Ana Pontón centrou os ataques ao PP en ámbitos tan sensibles como a sanidade, os coidados, a conciliación, os maiores ou o ensino

Pola contra, Pontón di abertamente que quere ser "a presidenta" dunha "Galiza máis grande" na que "a maioría social pide cambio".

A líder do BNG ollou a esa mesma Galicia da que Rueda gaba a "estabilidade" para resumir os 14 anos de gobernos consecutivos do PP como "unha trituradora do presente e do futuro dun país". Ergueu a bandeira nacionalista contra "o servilismo e submisión a Madrid", pero tamén a dunha Galicia "coa man tendida" e apelando a toda unha sociedade "necesaria para construír" ese país "en grande". 

Consciente dun debate clave, previo ás eleccións autonómicas máis incertas que se lembran, Pontón contrapuxo dous modelos e centrou os ataques ao PP en ámbitos tan sensibles e universais como a sanidade, os coidados, a conciliación, os maiores ou o ensino. Apostou por reverter "os recortes" da Xunta en todos eles e apelou á "esperanza" e o "futuro". "Para nós e para os nosos fillos e fillas", dixo. 

Pontón cos seus viceportavoces no debate de política xeral CC-BY-SA Praza Pública

Na contra, situou unha Xunta e un PP que dá "agasallos fiscais aos ricos", que traballa para as eléctricas ou que se rende ao centralismo e apanda coas "discriminación" das forzas estatais a unha Galicia na que ve unha maioría social polo cambio. [Pontón augura un "cambio imparable" e presenta o seu programa de goberno para "un tempo novo"].

Tamén o portavoz parlamentario socialista, Luis Álvarez, asegurou que fronte á Galicia "estable" que presenta Rueda estanse a vivir realmente "tempos de cambio, incertezas, de refundación dun modelo económico e social que se mostra caduco". "Deixen de poñer o freo de man a este país", reclamou o socialista. [O PSdeG propón máis servizos públicos e menos "bonos regalo" para "rematar con este período tan desmoralizante"].

Luis Álvarez con parte do grupo socialista no debate de política xeral CC-BY-SA Praza Pública

"As forzas que se asocian para o ben non se suman, se multiplican", dixo o portavoz socialista, Luis Álvarez

Pero o protagonismo do día no bando socialista non o reclamou tanto o seu portavoz parlamentario como o seu ex-secretario xeral José Ramón Gómez Besteiro. "Fin de ciclo" foi tamén a expresión que empregou quen agora é deputado no Congreso para valorar o goberno de Rueda e para anunciar que vai presentarse ás primarias para elixir candidato do PSdeG ás eleccións galegas. Faino avalado pola dirección galega do partido e co apoio máis ou menos implícito da dirección estatal, logo de que Pedro Sánchez o veña de incluír no equipo negociador da súa investidura. [Besteiro confirma que se presenta as primarias do PSdeG para ser candidato á Xunta].

A carón de Besteiro compareceu tamén Luis Álvarez, quen despois, durante a súa intervención no hemiciclo, sobre a que pairou o anuncio de Besteiro, apelou á colaboración entre forzas políticas. Álvarez xa asegurara que as maiorías absolutas son hoxe algo obsoleto cando fixo a primeira referencia á "colaboración na política" e á "capacidade para derrubar as barreiras ideolóxicas e traballar xuntos para construír un país mellor". 

José Ramón Gómez Besteiro na tribuna do Parlamento durante o debate de política xeral CC-BY-SA Praza.gal

Pero se Luis Álvarez estaba a falar dunha colaboración da esquerda para lograr ese novo horizonte que din perseguir PSdeG e BNG, foi máis claro nos últimos segundos do seu discurso. "As forzas que se asocian para o ben non se suman, se multiplican", dixo citando a Concepción Arenal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.