Mellor en centros de día, peor en residencias e axuda a domicilio: as carencias de Galicia na atención a maiores

Actividades nun centro de día de Galicia CC-BY-SA Xunta

Galicia conta cunha rede de centros de día que mellora a media do Estado, pero presenta carencias na rede de residencias que vén arrastrando dende hai anos e, ademais, indicadores moi lonxe da media no que atinxe á atención domiciliaria e á teleasistencia

Galicia é un dos territorios máis envellecidos do Estado. Cunha idade media de 48,16 anos, tan só Asturias e Castela-León superan o dato galego. O 26,3% da poboación ten máis de 65 anos, o 14% máis de 75 anos e o 8,77% máis de 80 anos, o que a converte na comunidade autónoma con máis habitantes por riba desta idade. En total, no ano 2023, máis de 700 mil galegos e galegas tiñan máis de 65 anos e case un cuarto de millón superaba os 80 anos. Está preparada Galicia para xestionar esta nova realidade, crecente, sobre todo no que atinxe á atención ás idades máis avanzadas, nas que moitas persoas perden autonomía?

Todos os anos o Instituo de Maiores e Servizos Sociais, dependente do Ministerio de Dereitos Sociais, actualiza os indicadores dos servizos de atención á terceira idade en todas as comunidades autónomas, unha foto fixa sobre as estrututas existentes para o coidado no domicilio ou en centros especializados, con grandes diferenzas entre uns e outros territorios. Os datos de 2022 deixan datos dispares para Galicia, cunha rede de centros de día que mellora a media do Estado, pero carencias na rede de residencias que vén arrastrando dende hai anos e, ademais, indicadores moi lonxe da media no que atinxe á atención domiciliaria e á teleasistencia.

O servizo de axuda a domicilio atende a algo menos de 31 mil persoas maiores de 65 anos en Galicia, o que supón o 4,35% de toda a poboación por riba desta idade no país. A proporción sitúase algo por debaixo da media española (5,5%)

O servizo de axuda a domicilio atende a algo menos de 31 mil persoas maiores de 65 anos en Galicia, o que supón o 4,35% de toda a poboación por riba desta idade no país. A proporción sitúase algo por debaixo da media española (5,5%) e moi lonxe dos datos de Andalucía e Madrid. Como sucede en case todos estes servizos, a maior parte das usuarias son mulleres (en Galicia o 70%) e maiores de 80 anos (o 78%), aínda que o servizo de comidas a domicilio atende a máis homes que mulleres. No noso país a parte máis importante desta axuda a domicilio (o 80% do tempo) céntrase nos coidados persoais, por riba da atención ás tarefas domésticas (20%).

Sobre un custo total de 16,72 euros por hora, as persoas usuarias pagan 2,35 euros por hora, algo por riba da media española (1,53 euros por hora).

Os indicadores de teleasistencia son peores en Galicia, con menos de 24 mil persoas atendidas, o 3,37% da poboación maior, fronte a unha media española do 10,2%

Os indicadores de teleasistencia son aínda peores en Galicia, con algo menos de 24 mil persoas atendidas, apenas o 3,37% da poboación de máis de 65 anos, fronte a unha media española do 10,2%. De novo, a maior parte das usuarias son mulleres e maiores de 80 anos (ao redor do 80%). A achega económica que deben realizar as persoas usuarias (60 euros por ano) sitúase algo por riba da media española (51 euros) e cobre o 26% do custo total.

Galicia conta con menos de 22 mil prazas en residencias, o que deixa un índice de coubertura de 3,27 prazas por cada 100 persoas de máis de 65 anos, algo por debaixo da media (4,21)

Tamén na atención residencial Galicia se sitúa por debaixo da media do Estado. En Galicia funcionan 285 centros residenciais para maiores, con 21.650 prazas, ás que hai que sumar outras 1.539 en vivendas para maiores, o que deixa un índice de coubertura de 3,27 prazas por cada 100 persoas de máis de 65 anos, algo por debaixo da media (4,21). As dúas Castelas, Estremadura e Aragón presentan o mellor rateo de prazas por habitante.

En Galicia tan só 72 das residencias e 20 das vivendas son públicas, unha proporción público-privada semellante á existente no conxunto de España. En Madrid e Cataluña a presenza de empresas privadas é aínda máis importante e só Castela-A Mancha e Estremadura contan con máis centros públicos que privados. En Galicia, iso si, a porcentaxe de prazas con financiamento público (o 74,4%) supera a media do Estado (67,6%).

A maioría das usuarias de residencias, axuda no fogar e centros de día son mulleres. No caso da atención domiciliaria e das prazas residencias, as persoas usuarias superan os 80 anos, pero non así nos centros de día

Os centros de día son o único ambito no que Galicia mellora os datos medios do conxunto do Estado. Neste caso os 247 centros existente no noso país suman 9.535 prazas e máis de seis mil persoas usuarias. O índice de cobertura (1,34) está por riba da media española (1,09) e, de feito, converte Galicia no segundo territorio con máis prazas por habitante, só por detrás de Estremadura.

Tamén neste caso hai máis centros de día privados (141) que públicos (106), aínda que a maioría das prazas (o 63%) teñen financiamento público, unha porcentaxe semellante á media do Estado. O 60% das usuarias son mulleres e, a diferenza do que sucede coas residencias ou a atención domiciliaria, a maioría teñen entre 65 e 79 anos (o 80%). Isto introduce unha diferenza moi importante en relación ao resto das comunidades autónomas, pois en todos os casos, agás Galicia, a maior parte dos usuarios superan os 80 anos.

Mª Dolores Puga: "o avellentamento require de adaptacións sociais, nos sistemas de solidariedade interxeracional, na accesibilidade a servizo, de adaptación nos sistemas de produción..., porque cambia completamente a estrutura social"

Como dicía nesta entrevista Mª Dolores Puga, que centra a súa investigación no avellentamento da poboación e as estratexias políticas e sociais idóneas para adaptarse a esta situación, "o avellentamento require de adaptacións sociais, nos sistemas de solidariedade interxeracional, na accesibilidade a servizo, de adaptación nos sistemas de produción..., porque cambia completamente a estrutura social", unha conversa na que concluía que "Galicia non adaptou os seus sistemas de solidariedade e servizos á situación de avellentamento".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.