España ve motivos políticos e "discriminación" na nova demora á oficialidade do galego na UE

Fernando Sampedro, secretario de Estado da UE, fala con Marie Bjerre, presidenta actual do Consello © Unión Europea

Como todas as veces que se levou á orde do día, a UE volveu adiar a decisión sobre a oficialidade do galego, o catalán e o vasco. O consenso necesario entre os 27 Estados membros para aceptar a proposta do Goberno de España volveu ser imposible este venres no Consello de Asuntos Xerais, que volveu evitar unha votación que tiña toda a traza de facer fracasar a legalización das tres linguas nas institucións comunitarias. 

Varios Estados membros volveron amosar as súas dúbidas legais e financeiras sobre a oficialidade do galego, o catalán e o éuscaro na UE

A decisión de aprazar de novo o debate púidose intuír, como tantas veces, nas declaracións de varios ministros europeos á entrada da reunión, que volveron manifestar as súas dúbidas sobre o impacto financeiro e legal que tería a oficialidade dos tres idiomas. Malia que o Executivo de España enviou nas últimas semanas unha carta a todos os gobernos dos Estados membros intentando frear as súas reticencias, explicando a situación legal das tres linguas, as nulas implicacións da súa legalización para o resto de países ou a asunción por parte do goberno español dos custos derivados, varios países teimaron en frear o debate. 

Pero o que mudou foi a actitude do Goberno de España, que apartou da actitude máis diplomática e quixo deixar constancia de que o rexeitamento é basicamente político e pouco ten que ver coas dúbidas legais ou económicas. 

Fernando Sampedro intervén antes da entrada no Consello de Asuntos Xerais da UE

Antes da entrada no Consello, o ex-primeiro ministro luxemburgués, Xavier Bettel, advertiu de que non era "o momento axeitado" para buscar un acordo sobre a oficialidade cando nin tan sequera se logra un consenso para un alto ao fogo en Palestina. Pola súa banda, o ministro de Asuntos Exteriores de Polonia, Adam Szlapka, volveu alertar de "moitas dúbidas" sobre o asunto entre os países, mentres que a ministra danesa de Asuntos Europeas e presidenta actual do Consello da UE, Marie Bjerre, xa avisaba de que esta falta de certezas impediría de novo o debate. 

O secretario de Estado español da UE, Fernando Sampedro, pola contra, pedía aos gobernos "non secuestrar ou atrasar innecesariamente" o debate sobre a oficialidade, que leva dous anos enriba da mesa e na axenda pero que nunca se chegou a discutir seriamente, nin moito menos a votar.

A proposta de modificación do regulamento foi feita por España hai case xa dous anos, en agosto de 2023, para que o número de idiomas oficiais da UE pase de 24 a 27. Foi incluída na axenda de sete reunións do Consello de Asuntos Xerais, en catro baixo a presidencia española, cando era o seu goberno o que fixaba esta axenda, un cando a presidencia rotatoria caeu en Bélxica, outra con Polonia e este venres, con Dinamarca á fronte. Non houbo maneira. 

España pide aos países da UE "non secuestrar ou atrasar" a oficialidade e lembra que pretende "evitar que 20 millóns de persoas de España sexan discriminadas"

"A oficialidade non ten ningún impacto negativo para ningún outro Estado membro", repetiu en varias ocasións Sampedro, ademais de defender a medida para "evitar que 20 millóns de persoas que teñen dúas linguas oficiais e residen en España sexan discriminadas con respecto a outras que residen noutros Estados europeos con máis dun idioma oficial". 

Sampedro está convencido de que todas as dúbidas respecto das implicacións da oficialidade das tres linguas "xa se abordaron" e avisou de que nin tan sequera sería necesario sometela a votación no caso de que haxa unanimidade, ao poder ser aprobada "en calquera reunión do Consello, tratada como un punto sen discusión". 

Intérprete traballando no Parlamento Europeo © Alain Rolland / European Union 2023

"Quizais hai outros motivos que explican as posicións [contrarias dalgúns Estados], pero desde logo non é a falta de información e de explicacións. Non hai ningún argumento nin económico, nin en termos legais, nin en termos de precedentes que poida xustificar atrasar esta iniciativa nin un minuto máis", insistiu Sampedro. Son motivos políticos?, inquiríuselle. "Pregúntenlle a eles", espetou antes de entrar na xuntanza. 

"Non hai argumento económico, legal ou polos precedentes que xustifique atrasar a iniciativa nin un minuto máis"

Desde diversos Estados da UE, un dos argumentos en contra agora, ademais das supostas "dúbidas" legais e financeiras, é o da imposibilidade de asegurar que a asunción dos custos da oficialidade por parte do Executivo de España non se interrompa no caso dun cambio de goberno. Outro, en liña cos servizos xurídicos da Unión, é que a medida suporía cambiar os tratados comunitarios, algo que negan desde o goberno de Pedro Sánchez, que entende que logo de todos os seus esforzos e da súa implicación, o rexeitamento débese xa á batalla política e partidaria e non á legal, práctica ou financeira. 

A posición en contra provén basicamente de Estados gobernados por partidos conservadores, como Italia, Austria, Chequia, Finandia, Suecia ou Alemaña, que non ven con bos ollos favorecer a Sánchez cunha medida que foi un dos acordos aos que chegou con Junts para facilitar a súa investidura hai dous anos. En maio, antes da anterior reunión do Consello de Asuntos Xerais, o PP recoñeceu que o seu líder, Núñez Feijóo, manobrara con executivos de dereita na UE para impedir a oficialidade e mesmo pediu axuda a Vox no caso dos países máis virados á extrema dereita. 

Desde Galicia, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, negou sempre o apoio á oficialidade do galego na UE argumentando o seu elevado custo e a existencia de "prioridades maiores". Esta mesma semana, desbotou sumar a súa sinatura á carta conxunta que os presidentes de Euskadi e Catalunya enviaron aos 27 Estados membros pedindo o recoñecemento legal dos tres idiomas na UE. Tamén do galego. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.