Euskadi e Catalunya piden aos gobernos da UE a oficialidade do galego que a Xunta desbota

Salvador Illa e Imanol Pradales © Goberno vasco

O presidente da Generalitat, Salvador Illa, e o lehendakari, Imanol Pradales, enviaron unha carta a todos os gobernos dos Estados membros da UE na que piden a plena oficialidade das súas linguas, o catalán e o vasco, pero tamén do galego nas institucións comunitarias. 

Illa e Pradales envían unha carta aos gobernos dos Estados da UE para que catalán, vasco e galego sexan "plenamente recoñecidos"

Un día antes de que esta solicitude volva ser debatida no Consello de Asuntos Xerais, os dous dirixentes anunciaron na rede social X o envío dunha misiva en inglés e asinada o pasado martes na que defenden que "o catalán, o éuscaro e o galego teñen moito pasado, presente e futuro, e merecen ser plenamente recoñecidos". "Europa non sería Europa sen a súa diversidade lingüística", explican. 

Esta petición conxunta dos presidentes dos gobernos catalán e vasco conxunta coa negativa da Xunta e do seu presidente, Alfonso Rueda, a apoiar plenamente a oficialidade da lingua galega nas institucións europeas. Hai pouco máis dun mes, logo de que a UE volvese adiar a votación sobre estes idiomas, o xefe do Executivo galego negárase a apoiar a súa oficialización aludindo ao custo que suporía e advertindo de "prioridades moito maiores"

Daquela, o PP a nivel estatal recoñecera que o seu líder e ex-presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manobrara para que os gobernos da familia conservadora na UE rexeitasen tamén a oficialidade das tres linguas. 

O escaso entusiasmo do Goberno galego ou mesmo o rexeitamento amosado polo PPdeG nalgunhas ocasións contrasta coa implicación dos executivos vasco e catalán. Illa e Pradales aseguran na carta que sería "difícil de explicar" que se desbotase a oficialidade das tres linguas. 

No último intento pola oficialidade, Rueda desbotouna aludindo ao seu custo e a que hai "prioridades moito maiores" e Feijóo manobrou na UE para impedila

"Como poderiamos xustificar ante os nosos cidadáns que unha UE fundada nos principios de unidos na diversidade impón un modelo de un Estado, un idioma a unha cidadanía que democraticamente se identifica como membro dun Estado multilingüe?", pregúntanse. 

"Europa vive un momento no que é vital estreitar o compromiso dos seus cidadáns e a súa identificación co proxecto común", continúan ambos dirixentes, que advirten da "singularidade" da realidade española en materia idiomática. Ademais, destacan o compromiso de España de asumir os gastos que supoña a oficialidade de galego, éuscaro e catalán, unhas garantías que consideran "abondas para resolver o que, no fondo, é unha anomalía doadamente abordable". 

Cabina de persoal intérprete no Parlamento Europeo © Parlamento Europeo

O president e o lehendakari lembran que as tres linguas están recoñecidas na Constitución e son "piares fundamentais da cohesión e estrutura social" e que son faladas por millóns de cidadáns en España, representando máis dun 20% da súa poboación. Tamén lembran a importante produción cultural e de comunicación dos idiomas, "comparables aos doutras linguas que xa están recoñecidas como oficiais" na UE. 

"Europa e España non se entenderían sen as achegas contemporáneas do catalán, o éuscaro e o galego", insisten, tras asegurar que "chegou o momento de completar un proceso de catro décadas". 

28 universidades tamén reclaman a oficialidade

Por outra banda, a Universidade de Santiago (USC), xunto coas 22 da Xarxa Vives, a Universidad Pública de Navarra (UPNA) e EHU, Deusto, Mondragon Unibertsitatea e EUNEIZ, asinaron un manifesto conxunto reclamando a oficialidade do galego, o catalán e o éuscaro na UE.

Estas institucións educativas, un total de 28 de Catalunya, Navarra, Euskadi e Galicia, consideran que “a oficialidade das nosas linguas propias por parte do Consello da UE supón un recoñecemento da diversidade propia da Unión, así como dos dereitos lingüísticos e de liberdade académica e de creación científica específicos do ámbito universitario”.

Por todo isto, solicitan “a todos os representantes políticos do Estado español que apoien esta iniciativa en sintonía coas universidades e co amplo consenso social que a cuestión lingüística representa”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.