A UE volverá abordar a oficialidade do galego, que aspira a ser 'legal' axiña na Eurocámara

Intérprete traballando no Parlamento Europeo © Alain Rolland / European Union 2023

Máis dun ano despois, o Consello da UE volverá debater a oficialidade do galego, o catalán e o éuscaro na Unión Europea. Será o 27 de maio, segundo confirman a Praza.gal fontes comunitarias, nunha reunión que incluirá na orde do día a cuestión, logo da demanda feita por España á presidencia actual do organismo, que recae en Polonia. Houbo que agardar 14 meses desde que en marzo de 2024 se puxera en discusión por última vez o tema coa delegación belga de presidenta e despois de que Hungría, durante os seis meses do seu liderado, paralizase calquera iniciativa. 

O Consello da UE volverá abordar a oficialidade de galego, catalán e vasco o vindeiro 27 de maio. Unha das opcións para desencallar a cuestión é que o catalán sexa o primeiro idioma en obter a oficialidade para logo dar paso a galego e éuscaro

A presión que Junts exerce sobre o Goberno de España é clave nun novo impulso, ao ser a demanda da oficialidade do catalán na UE un dos asuntos pendentes nas negociacións —continuas e para cada votación no Congreso— que manteñen ambos partidos desde que a formación liderada por Carles Puigdemont facilitase a investidura de Pedro Sánchez. 

De aí tamén que, tal e como advirten as mesmas fontes, unha das alternativas que se propoñen para desencallar o asunto é que sexa o catalán a primeira das linguas en tornarse oficial "de xeito experimental" nas institucións europeas para, máis adiante, dar o paso co galego e mais co vasco. Unha alternativa, a de priorizar este idioma sobre outros, que sempre pairou sobre as negociacións en Bruxelas

Intérpretes traballando no Parlamento Europeo © Alain Rolland / European Union 2023

Sexa como for, non será doado, aínda que "hai máis posibilidades que outras veces", insisten as mesmas fontes, coñecedoras dunhas negociacións difíciles e que exixen unanimidade. Porque España aínda non convenceu o resto de Estados membros para modificar o Regulamento 1/1958 que fixa o réxime lingüístico dentro da UE. 

O acordo do Parlamento galego, co apoio do PPdeG, para pedir á UE o uso do galego na Eurocámara aumenta as posibilidades de que a lingua vire en oficial nese ámbito

O goberno bate con diversas sensibilidades, por unha banda gobernos conservadores ou de extrema dereita coma o italiano ou o húngaro que non ven con bos ollos abrir o tema das linguas. Por outro, as repúblicas bálticas ou Polonia, onde existen importantes minorías ruso falantes que poderían aproveitar a iniciativa española para buscar o seu recoñecemento ante a UE, un movemento susceptible de ser manipulado por Moscova.

Onde si hai máis avances é nun futuro uso do galego, do éuscaro e do catalán nos plenos do Parlamento europeo, posibilidade obvia de haber esta mudanza lexislativa que abrangue todas as institucións europeas, pero que podería ser realidade antes grazas a un proceso en paralelo pero alleo ao que reclama a oficialidade dos tres idiomas no ámbito comunitario. 

O ministro Albares, durante unha reunión no Consello de Asuntos Internos da UE © UE

E aí, segundo fontes comunitarias, cobra relevancia a postura do PPdeG, que o pasado 7 de maio aprobou no Parlamento unha iniciativa do PSdeG na que se reclama aos órganos comunitarios que habiliten os medios para permitir que se use o galego na Eurocámara malia que o PP rexeitara —e aínda rexeite— o seu uso no Congreso e no Senado. 

Ese acordo do Parlamento galego será transmitido esta mesma semana aos representantes comunitarios que levan tempo negociando esta posibilidade, así como á presidenta da Eurocámara. Un movemento, o do PPdeG, que non cadra co do PP a nivel estatal pero que pode inclinar a balanza nunha demanda para o galego que ten máis expectativas de triunfo que a oficialidade total na UE.

Foi xa en 2022 cando o Goberno español remitiu á Eurocámara unha solicitude para que catalán, vasco e galego puidesen usarse nos seus plenos, unha petición na que é clave o ditame da Mesa do Parlamento sobre o que suporía en canto á tradución e interpretación, infraestruturas e finanzas, así como a opción de que sexa o Goberno de España quen se faga cargo destes custos, moito menores que os 132 millóns (44 por lingua) nos que se cifra a oficialidade e que o Executivo central se comprometeu a asumir. 

Intérpretes no hemiciclo da Eurocámara en Bruxelas © Javier Bernal Revert / European Union 2020 / EP

Un paso "moi importante"

Que a Cámara galega demandase oficialmente e por unanimidade que o galego poida usarse na Eurocámara supón, recoñecen fontes comunitarias implicadas na negociación, un paso "moi importante" neste aspecto e logo de que, no pasado mes de abril, o Ministerio de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación asinase o acordo que permite o uso do catalán, o eúscaro e o galego nas sesións plenarias do Comité Económico e Social Europeo.

A Eurocámara mantén un grupo de traballo formado por lexisladores de todos os grupos políticos para analizar a implantación destas tres linguas no seu seo, tal e como lembraba infoLibre. Creouse por mor da proposta española e en próximas datas prevé presentar un estudo de análise comparando coa realidade doutras "linguas con recoñecemento constitucional non oficiais na UE".

Hai vinte anos a Eurocámara xa rexeitou unha demanda similar española para empregar o catalán, o galego e o éuscaro nos seus plenos ou comisións parlamentarias. España solicitara, como agora, cambiar o regulamento sobre o réxime lingüístico na UE. Mentres o Consello foi flexible, o Parlamento pechouse en banda e só permite comunicación escrita dos cidadáns europeos, que si son respondidos en calquera das tres linguas se se dirixen aos servizos de de a institución. Pero os eurodeputados vascos, galegos ou valencianos non poden empregar as súas linguas natais nas súas intervencións, unha situación que podería mudar axiña. A oficialidade total dos tres idiomas nas institucións comunitarias, no entanto, ten aínda moito que sachar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.