A UE volve adiar a decisión sobre a oficialidade do galego, o catalán e o vasco. A imposibilidade do consenso necesario entre os 27 para aceptar a proposta do Goberno de España no Consello de Asuntos Xerais deste martes fai que os tres idiomas teñan que seguir agardando.
O Goberno de España acepta non someter a votación a oficialidade tras as dúbidas e demanda de máis información por parte de varios Estados e malia "grandes avances"
Así o confirmaba, mentres aínda tiña lugar a xuntanza en Bruxelas, a portavoz do Goberno de España, Pilar Alegría, que lamentou o rexeitamento dalgúns Estados. "Conseguíranse grandes avances e había un número amplo de países que estaban dispostos [a aprobar a iniciativa]", explicou, para logo aclarar que o Executivo aceptou retirar a votación, continuar o debate e aprazar a decisión ante a "demanda de máis información" dalgunhas delegacións. "Continuaremos traballando e dialogando para conseguir o recoñecemento", engadiu.
A decisión puido intuírse xa coas declaracións de varios ministros europeos á entrada da reunión. O representante finés puña as súas esperanzas en que a proposta non fose votada este martes por "non estar madura" aínda e apelaba a "tomar en serio" as "implicacións financeiras e legais" que a legalidade das tres linguas tería na UE, ao igual que facía a ministra croata. Mentres, as representacións de Austria e Suecia advertían de cuestións legais abertas sobre os custos que suporía a medida, aínda que o ministro de Asuntos Europeos de Polonia —país que ostenta a presidencia rotatoria da UE— confiaba en que houbese unha decisión tras a xuntanza.

Non a houbo. A proposta de modificación do regulamento feita por España hai case xa dous anos, en agosto de 2023, para que o número de idiomas oficiais da UE pase de 24 a 27 tampouco foi votada desta vez, malia que esa era a intención inicial. Varios dos Estados membros —ata unha decena— pediron máis tempo para avaliar as cuestións legais, pero sobre todo económicas, que implicaría a oficialidade. Reclamaron a España que retirase o punto para a súa adopción e que continuase o debate ao considerar prematuro tomar unha decisión ante a falta de resposta a varias dúbidas xurídicas, financeiras e técnicas.
Ata dez Estados amosaron o seu rexeitamento a unha votación sobre a oficialidade de galego, catalán e vasco
Así se fixo e así o confirmou na posterior rolda de prensa Adam Szlapka, ministro polaco encargado de presidir o Consello de Asuntos Xerais. "Foi un debate construtivo", aclarou, no que "algúns países expresaron o seu apoio" á proposta española, mentres que outros "demandaron aclaracións puntuais sobre as implicacións xurídicas, prácticas e financeiras" que suporía a medida, polo que se decidiu "seguir traballando".
Segundo varios medios, xa no comezo do debate, Alemaña reclamou a retirada da votación e ameazou con votar en contra se non se facía, mentres que outros países como Italia advertían da necesidade —outra volta— de que os servizos xurídicos da UE estudasen legalmente a proposta. Un déjà vu do vivido en anteriores debates desde que xa en decembro de 2023 a presidencia española intentara a aprobación da oficialidade dos tres idiomas.
A oficialidade do catalán na UE —e mais do galego e do éuscaro— foi un dos compromisos adquiridos polo PSOE e Pedro Sánchez con Junts e Carles Puigdemont logo do apoio dos soberanistas á presidencia da socialista Francina Armengol no Congreso e clave para o futuro da investidura. De aí que o Goberno central, mesmo o seu presidente, se implicasen ao máximo para convencer os Estados membros da idoneidade da proposta sobre tres linguas que, insisten en lembrar, son xa oficiais e recoñecidas pola Constitución nunha España de "identidade nacional plurilingüe", como asegurou o ministro de Exteriores, José Manuel Albares.
O PP recoñece que Feijóo manobrou para evitar a oficialidade do galego: "Xa non lle gusta o galego como cando era presidente da Xunta", di Alegría
Pero ao tempo que o executivo de Sánchez se esforzaba pola vía diplomática, o PP manobraba tamén para intentar colocar en contra da proposta os gobernos da familia conservadora. O secretario xeral do PP catalán, Santi Rodríguez, recoñecía que o propio Feijóo, líder popular e ex-presidente da Xunta, se implicou na presión aos líderes afíns. Mesmo Vox recoñeceu que os populares lle pediran axuda para asegurar o veto ao catalán e ás outras dúas linguas.
"Parece que a Feijóo xa non lle gusta o galego. Cando era presidente da Xunta traballou por isto, xa non está de acordo en que se recoñeza a realidade plurilingüe de España", dixo Pilar Alegría na rolda de prensa tras o Consello de Ministros e Ministras.
O caso é que o Goberno de España volveu bater con diversas sensibilidades, por unha banda a deses gobernos conservadores ou de extrema dereita —aliados do PP ou de Vox— coma o italiano ou o húngaro que non ven con bos ollos abrir o tema das linguas. Por outro, as repúblicas bálticas ou Polonia, onde existen importantes minorías ruso falantes que poderían aproveitar a iniciativa española para buscar o seu recoñecemento ante a UE, un movemento susceptible de ser manipulado por Moscova.
Exteriores, como sinalan varias fontes comunitarias, implicouse de cheo e mesmo conseguiu o apoio á proposta dalgúns países en principio reticentes. Pero tamén asumen o "alto prezo" a pagar que suporía o apoio de Estados con gobernos de extrema dereita, como Hungría, Italia ou outros.
Porque a necesaria unanimidade fai moi complexo o si á proposta de España, por moito que bata cos principios da Europa plural, diversa e multilingüe que defende a UE ou co feito de que linguas con moitos menos falantes que o catalán, o galego ou o éuscaro gocen da oficialidade que a estas se lles nega. A batalla partidaria —coa maioría de gobernos europeos en mans da dereita— e os intereses cruzados baten cunha iniciativa que tampouco gozou do apoio diplomático actual ata que a aritmética parlamentaria estatal a fixo tan necesaria.
A Xunta tamén se negou a apoiar a oficialidade do galego na UE aludindo ao seu custo: "Hai prioridades moito maiores"
Mentres, desde a Xunta, o seu presidente, Alfonso Rueda, negouse tamén a apoiar a oficialidade do galego na UE e tirou de argumento económico ao asegurar que se lle ocorren "prioridades maiores" ás que destinar os cartos que España achegaría para oficializar os tres idiomas na UE: cadanseus 44 millóns de euros, 132 en total. "Se o custo do que se está falando, máis de 40 millóns de euros ao ano, é real, a min nestes momentos ocórreseme que, se ten ese diñeiro o Goberno estatal, nestes momentos hai prioridades moito maiores", dixo.
Este mércores, nunha visita á Coruña, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, amosouse partidario de que o galego estea presente en máis ámbitos pero considera que a vía elixida no caso da UE non é a axeitada, ademais de advertir de que se trata dunha "imposición" por parte dos socios do goberno de Sánchez.
O argumento do custo fora xa utilizado polo PPdeG o pasado 7 de maio, o que non foi atranco para que aprobase no Parlamento unha iniciativa do PSdeG na que se reclamou aos órganos comunitarios que se permita o uso do galego na Eurocámara, malia que o PP rexeitara —e aínda rexeita— o seu uso no Congreso e no Senado e tamén agora a súa oficialidade na UE.
"Indecencia e deslealdade"
Ante esta situación, o BNG presentou este martes pola vía de urxencia unha iniciativa na que reclama ao Parlamento que reprobe a "actuación do PP en relación ao incumprimento do acordo unánime" do pasado 7 de maio e no que se defendía o uso do galego na Eurocámara. Entende o Bloque que este apoio contrasta coas "xestións con Estados europeos" por parte dos populares para que voten en contra da oficialidade total da lingua na UE. "É unha indecencia política, unha deslealdade institucional que non imos permitir", asegurou a deputada nacionalista Mercedes Queixas.
Pola súa banda, Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, recriminou este mércores ao "tándem Rueda-Feijóo" que traballe "en contra do galego con manobras para que non sexa oficial na UE", ademais de cualificar de "gravísimo" que o presidente da Xunta traballe nesa liña e "con ostentación".
Desde o PSdeG, a viceportavoz segunda do grupo parlamentario, Lara Méndez, acusou a Rueda de "rachar o acordo parlamentario" ao "impedir que o galego sexa cooficial en Europa". Ademais, aludiu ao argumento económico dos populares: "Recoñecer o galego na UE sairíanos doce veces máis barato que o sobrecusto do hospital Álvaro Cunqueiro".
Tamén o PNV e Junts cargaron con especial dureza contra Feijóo e o PP. O líder independentista, Carles Puigdemont, ironizou asegurando que "conspirar con terceiros países parar ir contra os intereses oficiais do Reino de España debe ser todo menos lealdade". "Non sei se o PP fai apoloxía do delito de traizón", rematou.