Un documental sobre a situación da vivenda en Galicia alerta da falta de alternativas habitacionais ofrecidas polos gobernos

O documental titúlase 'A vivenda, un ben social?' © COTSG

A vivenda converteuse nos últimos anos no principal factor de exclusión social en Galicia. Así o destacou o pasado ano Cáritas no Informe FOESSA sobre Exclusión e Desenvolvemento social en Galicia. Ese documento salientaba que en Galicia a vivenda "pasou a ocupar o primeiro lugar como causa xeradora de exclusión social no ámbito das persoas e fogares con maior dificultade", desprazando ás dificultades relacionadas co emprego. Así, o 64,9% das persoas en exclusión atópanse afectadas por esta dimensión. En total, o 5,5% da poboación galega atópase nunha situación de vivenda inadecuada (149.000 persoas) e o 7,6% nunha situación de vivenda insegura (205.000 persoas).

A vivenda pasou a ocupar o primeiro lugar como causa xeradora de exclusión social 

Así o analizaba tamén Sagrario Fernández Méndez neste artigo publicado en Praza.gal hai unhas semanas. Precisamente Sagraria Fernández é a autora dun documental, ‘A vivenda, un ben social?’, que vén de ser presentado este mércores. O filme, cuxa parte técnica foi desenvolvida por Xosé Bocixa, é unha iniciativa do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG), que contou coa subvención da Deputación da Coruña. Nos seus 75 minutos aparecen entrevistas con persoas usuarias e de profesionais dos servizos sociais, así como de académicos e políticos.

“O documental xurdiu porque tiñamos moitos problemas para dar alternativas habitacionais desde os servizos sociais"

Sagrario Fernández explica que “o documental xurdiu porque tiñamos moitos problemas para dar alternativas habitacionais desde os servizos sociais". "Entón, unha compañeira e mais eu fixemos un estudo das axudas que había para poder acceder a unha vivenda. Atopámonos con que as axudas nin sequera chegaban á xente, é dicir, os requisitos eran tales que precisamente as persoas con menos posibilidades eran as que máis quedaban 
fóra do sistema", di

Fernández advirte de que non existe “absolutamente ningunha liña” de axudas que estea aberta para alugueiro de vivenda máis aló do bono social de aluguer (axudas para cando hai desafiuzamentos, catástrofes ou violencia de xénero), pero o requisito é estar xa nunha casa de acollida, situacións que son  as mínimas.

O obxectivo do documental é "transmitir a necesidade imperiosa dunha Lei de Vivenda, medidas que fagan mobilizar o parque de vivenda. Bótanse en falta axudas á rehabilitación e en xeral ás políticas de alugueiro”

Desde o Colexio de Traballo Social reiteran que “a vivenda estase convertendo no principal factor de exclusión". E sinalan que “non existen alternativas para as persoas que viven na rúa; seguimos falando de albergues e a maior parte deles son só para uns días". "Cómpre falar de estabilidade, de vivenda digna, seguridade, intimidade e condicións hixiénicas axeitadas. Todo isto lévase a cabo cunha vivenda digna, pero tamén con unha intervención social e acompañamento que procuren e promovan unha axeitada inserción social”, din.

O obxectivo do documental é "transmitir a necesidade imperiosa dunha Lei de Vivenda que garanta o dereito subxectivo á vivenda, medidas que fagan mobilizar o parque de vivenda e non favorecer os grandes propietarios e especuladores". "Bótanse en falta axudas á rehabilitación e en xeral ás políticas de alugueiro”, engaden dende o COTSG.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.