Os alugueiros nas cidades galegas pechan o ano mantendo a escalada de prezos: un 15% máis dende o 2016

Edificio de vivendas en Cambre CC-BY-SA José Camba

O prezo dos alugueiros mantén a súa escalada en Galicia. Segundo os datos do Observatorio da Vivenda da Xunta, os prezos medios medraron ao redor do 5% nas sete cidades galegas, con ascenso que van dende o 2% de Vigo e o 3% de Pontevedra, ata o 7% de Lugo; A Coruña, Compostela, Ourense e Ferrol creceron un 5%.

Estas subas, entre 12 e 24 euros por mes, deixan o prezo medio do alugueiro por riba dos 500 euros na Coruña, a cidade máis cara; e nos 495 euros en Vigo. Pontevedra (457 euros de media) e Santiago (443 euros) sitúanse a continuación. Ourense (404), Lugo (376) e Ferrol (348) teñen prezos máis baratos, pero tamén manteñen taxas de crecemento elevadas.

Se comparamos os datos cos que se rexistraban hai tan só tres anos, no 2016, atopamos aumentos medios de 74 e 69 euros na Coruña e Vigo, de 58 en Pontevedra, de 53 en Compostela, de 49 en Ourense e de 43 euros en Lugo. Ferrol, cun ascenso de 26 euros é a cidade na que menos se moveron os prezos.

Estas subas significan ascensos de ao redor do 15% na Galicia urbana en só tres anos, unha porcentaxe que superan na Coruña (17%) e Vigo (16%), que se acada exactamente en Pontevedra (15%) e que roldan Ourense (14%), Santiago (14%) e Lugo (13%). Tan só Ferrol (+8%) tivo un encarecemento máis contido.

O prezo medio no conxunto do país é máis reducido, pero xa chega aos 420,6 euros ao mes, un aumento do 4,3% no último ano, e sitúase 50 euros por riba do alugueiro medio no ano 2016 (372,8 euros). Hai, iso si, grandes diferenzas en función do tamaño do concello. O prezo medio nas sete cidades está nos 462 euros ao mes, mentres que nas vilas entre 20.000 e 50.000 habitantes fica nos 389. Nas localidades entre 5.000 e 20.000 sitúase nos 350 euros, e nos concellos máis pequenos supera por primeira vez os 300 euros de media.

Dende o ano 2016, os prezos medraron un 9,5% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, un 9,7% nas vilas de menos de 20.000 e un 10,8% nas grandes vilas. En cambio, nas sete cidades o ascenso foi moito máis importante, un 15,5%.

Este progresivo encarcemento provocou que sexan moitas as familias que están a sufrir desafiuzamentos por non ser capaces de pagar os seus alugueiros. Así mesmo, son milleiros os galegos e galegas que seguen a agardar por unha vivenda en alugueiro protexida pola Xunta., que vén de facer público o rexeitamento do 80% das solicitudes de axudas para pagar o alugueiro.

 

O centro das cidades, cada vez máis caro

Con todo, ao igual que se producen grandes diferenzas de prezos (e do seu ascenso) entre as cidades e o resto do país, tamén no interior das zonas urbanas se están a dar desequilibrios cada vez maiores entre uns barrios e outros. Sobre todo entre os distritos máis céntricos e o resto da superficie de cada concello.

O prezo medio dos alugueiros no centro da Coruña e de Vigo achégase xa aos 600 euros, e mesmo supera xa os 700 no distrito coruñés 15004 (entre a praia de Riazor e Praza de Galicia), o barrio máis caro para vivir en Galicia. Os tamén herculinos 15003 (A Pescadaría) e 15001 (Cidade Vella) superan tamén os 600 euros de media. O prezo medio dos alugueiros nestes tres distritos coruñeses creceu entre un 18% e un 22% nos dous últimos anos.

A Pescadaría e os tamén coruñeses 15006 (Catro Camiños, Os Castros), o 15009 (Gaiteira, Monelos, Castrillón, Eirís...) e o 15011 (Riazor, Cidade Xardín, Os Rosales...), son os catro distritos galegos nos que máis medraron os prezos dende o ano 2017, entre un 22% e un 23%.

Inmediatamente despois aparecen tres distritos céntricos de Vigo: o 36201 (que abrangue as principais rúas do seu Ensanche, como Rosalía de Castro e García Barbón), o 36203 (O Castro e Gran Vía) e 36211 (nas proximidades da Praza da Independencia e da Avenida das Camelias), con prezos medios entre 567 e 597 euros ao mes.

Fóra da Coruña e Vigo o barrio máis caro é o Ensanche compostelán (15701), cun importe medio de 531 euros e un encarecemento nos dous últimos anos do 14%. Un pouco máis abaixo aparece o 15706 (Conxo e San Marta) con alugueiros situados en 517 euros e un aumento do 20%.

En Pontevedra, os distritos máis caros son o 36001 e o 36003, que abranguen a maior parte do centro da cidade, cun alugueiros medios de 512 e 507 euros. En Ourense o distrito 32003 (nas proximidades da Rúa do Paseo e o Parque de San Lázaro) sitúase nos 508 euros, cun aumento do 21,5% dende o 2007. 

Con prezos máis reducidos atopamos en Lugo o 27001 (no interior das murallas) chega aos 423 euros, nun incremento do 21% en dous. Finalmente, en Ferrol o 15401 (o barrio da Magdalena) está en 382 euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.