As axudas da RISGA caen un 20% no 2021 malia o aumento de solicitudes e entre críticas á Xunta pola incompatibilidade co IMV

A incompatibilidade entre a Risga e o IMV, debido á falta de actualización da lei galega de inclusión, dificultou a posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital. © Concello de Santiago

No último ano, o número de persoas perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) descendeu un 20%

No último ano, o número de persoas perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) descendeu un 20%. O dato aproximado coñeceuse xa esta primavera, cando nunha resposta parlamentaria ao BNG, a Consellería de Política Social apuntou que o número de beneficiarios e beneficiarias da Risga se situara o pasado ano ano ao redor das sete mil persoas. 

O Informe sobre a aplicación e avaliación da Lei de inclusión social de Galicia correspondente ao 2021 confirma a cifra exacta, que fica nas 7.211, case dúas mil menos que no ano 2020 (9.020) e aínda máis lonxe do dato de 2019 (9.783), último ano antes da entrada en vigor do Ingreso Mínimo Vital (IMV), a mediados do ano 2020. Así, o número de persoas perceptoras da RISGA é hoxe un 26% inferior ao 2019.

Durante o 2021 o número de solicitudes da incrementouse nun 2%, pasando de 5.338 a 5.480, un dato que contrasta coa diminución das axudas concedidas

O documento que dá conta da xestión da Lei de Inclusión amosa tamén que durante o ano 2021 o número de solicitudes da Renda de Inclusión Social de Galicia incrementouse nun 2%, pasando de 5.338 a 5.480, un dato que contrasta coa diminución das axudas concedidas. Son 142 máis, cun aumento centrado nas provincias da Coruña e Pontevedra (+8%), cun leve descenso en Ourense e unha diminución máis importante en Lugo.

Do total de 5.346 solicitudes da RISGA un 53,33% foron concedidas, o 27,67% denegadas, e o 19,00% restante foron arquivadas, mentres que das 4.952 solicitudes de AIS resoltas o 61,23 % foron concedidas, o 20,78% denegadas, e o 17,99 % arquivadas. O volume de solicitudes pendentes de resolución é de 3.029 o que significa o 22,73% do total de solicitudes por resolver.

O motivo fundamental das resolucións denegatorias é a superación de ingresos da unidade de convivencia independente, supoñendo unha porcentaxe do 48% do total das causas de denegación

Na RISGA, o motivo fundamental das resolucións denegatorias é a superación de ingresos da unidade de convivencia independente, supoñendo unha porcentaxe do 48% do total das causas de denegación, seguida da causa perceptor de pensión pública incompatible, ao redor do 20%, e seguida da causa de non ter permiso de residencia (6%) e non atoparse en situación ou risco de exclusión social (6%)

O prazo medio de resolución da RISGA situouse nos 145 días de media no conxunto de Galicia, elevándose ata os 168 na Coruña e os 162 en Pontevedra e ficando nos 11 en Ourense e os 75 en Lugo.

Aos obstáculos burocráticos do IMV, en Galicia súmanse outras dificultades provocadas pola non actualización por parte da Xunta da Lei de inclusión social de 2013, que fai incompatibles as dúas prestacións

A incompatibilidade entre a Risga e o IMV, debido á falta de actualización da lei galega de inclusión, agravou as eivas na posta en marcha da prestación estatal, que na actualidade só chega ao 11% das persoas en risco de pobreza en Galicia, con peores datos que a media do Estado

A pesar de que o IMV foi concibido para ser "compatible" coas rendas de inclusión que as comunidades autónomas xa tiñan en marcha, a Lei de inclusión social de 2013 estableceu que a Risga é incompatible con outras prestacións similares e nos últimos dous anos o Goberno galego non foi quen de adaptala, a pesar das demandas e críticas de entidades sociais e das forzas da oposición.

A consecuencia da inacción do Goberno galego foi que nos últimos meses un gran número de persoas beneficiarias da Risga recibiron cartas da Xunta nas que lles reclamaban a devolución de mensualidades cobradas mentres agardaban pola resolución positiva ou negativa do IMV

A consecuencia da inacción do Goberno galego foi que nos últimos meses un gran número de persoas beneficiarias da Risga recibiron cartas da Xunta nas que lles reclamaban a devolución de mensualidades cobradas mentres agardaban pola resolución positiva ou negativa do IMV, unha prestación que acumulou moitos atrasos pero que finalmente recibiron a través dun ingreso retroactivo.

As reclamacións superaron nalgúns casos os catro mil euros, indicando o Goberno galego que se as persoas afectadas (familias con poucos recursos e en situación de vulnerabilidade) non reintegraban nun prazo máximo de 30 meses os cartos cobrados "indebidamente" podían ter que aboar igualmente xuros de demora. Porén, varias sentenzas xudiciais anularon as reclamacións que Política Social fixo a persoas nesta situación para que devolvesen os cartos cobrados da Risga, indicando estes ditames que a devolución do xa cobrado só pode solicitarse se houbo fraude ou ocultación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.