O PP defende que Pedro Sánchez queda cos impostos que gravan a gasolina. Nunha campaña divulgada nas redes sociais, o partido do que Feijóo xa é presidente electo mantén que "de cada 100 euros que botas de gasolina, 57 os leva" o presidente do Goberno de España. En realidade, os tributos sobre os combustibles, o IVE e o imposto de hidrocarburos, son recadados para os Orzamentos públicos, no primeiro caso financian ao 50% servizos do Estado e das comunidades autónomas e no segundo, o 58% vai ás autonomías e o restante, á Facenda estatal.
Fálase
A xustiza do Reino Unido denega a inmunidade a Juan Carlos de Borbón. O Tribunal Superior de Londres que pode seguir adiante que presentou contra o rei emérito Corinna Larsen, con quen o anterior xefe do Estado mantivo unha relación sentimental e económica.
A capacidade máxima nos recintos deportivos volverá ser do 100% desde o 1 de abril, tanto en espazos abertos como pechados, segundo acordaron o Ministerio de Sanidade e as comunidades. Permitirase tamén o consumo de alimentos e bebidas.
O Carballo do Bosque do Banquete de Conxo é a segunda árbore europea do ano 2022. O histórico carballo de Santiago de Compostela recibiu 168.234 votos e ficou en segunda posición, pois foi superado polo Carballo Dunin de Polonia, que obtivo 179.317 apoios no certame, e xa era o favorito na segunda quenda de votacións.
O Ministerio de Sanidade e as comunidades acordan eliminar as corentenas para os positivos asintomáticos de COVID. A partir do vindeiro luns, o illamento dos contaxios por coronavirus só será obrigada para persoas vulnerables, segundo a nova estratexia fronte á pandemia aprobada pola Comisión de Saúde Pública.
O Consello de Ministros aproba o bono cultural de 400 euros para a mocidade que faga 18 anos. Servirá para adquiriren calquera "produto, servizo ou actividade cultural". As solicitudes, ao xeito dalgúns bonos da Xunta, tramitaranse por orde de presentación. Máis detalles, no sitio web do Ministerio de Cultura.
A Audiencia da Coruña inhabilita por dez anos unha ex-edil do BNG en Fene por suspender o pleno no que se ía debater a moción de censura do PP e Somos Fene contra o daquela goberno local do Bloque. O tribunal considera probado que prevaricou porque "de maneira unilateral" considerou que a censura non cumpría os requisitos legais por estar apoiada en tránsfugas e adiou a sesión. Meses despois, a censura saíu adiante e os populares lograran a alcaldía. Na imaxe, a casa do Concello de Fene.
Feijóo comparece no lugar do conselleiro do Medio Rural este mediodía, no pleno do Parlamento, onde estaba previsto que José González abordase "a situación do sector gandeiro galego". O BNG rexistrara unha solicitude de comparecencia urxente do aínda presidente da Xunta sobre a alza xeral de prezos e o PSdeG instárao a suspender a campaña interna no PP, que rematou este luns, para centrarse na abordaxe desta crise. Na imaxe [CC BY-SA David Cabezón / Xunta], Feijóo hai dúas semanas na Cámara.
Destituída a comisaria xefa da Policía Nacional en Pontevedra tras publicar elDiario.es as súas afirmacións sobre que "xa lles gustaría a algunhas que as violase" un antidisturbios. Afirmouno nunha intervención durante unha homenaxe a un axente que resultara ferido nunha protesta contra as condenas aos líderes do procés catalán. Na imaxe, Palma durante unha visita institucional á Deputación de Pontevedra en 2019.
O delegado do Goberno central en Galicia, José Miñones, traslada a “total colaboración” para garantir o "suministro na cadea alimentaria galega" durante o paro do transporte. Miñones reuniuse esta tarde co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, e con representantes de Hijos de Rivera, Jealsa, Leche Río, Nueva Pescanova ou Vegalsa-Eroski, entre outras empresas, para ratificar que “o Goberno traballa para asegurar os desprazamentos de mercancías dos transportistas que queren traballar”.