Luz, gas e combustibles encareceron máis do 60% nun ano en Galicia e dispararon o índice de prezos ao consumo ata máximos históricos, segundo datos do pasado febreiro. A inflación posterior ao período máis duro da pandemia agrávase agora coas consecuencias da guerra na Ucraína, dende as derivadas da invasión rusa ata as que son consecuencia da sancións internacionais ao Goberno de Vladimir Putin.
Con este pano de fondo, nos últimos días as dúas formacións da actual oposición galega, BNG e PSdeG, veñen poñendo o foco en cadanseus decálogos de medidas para paliar a suba xeral de prezos. Esa, defenden as formacións lideradas por Ana Pontón e Valentín González Formoso, debera ser a prioridade do aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao que ven ausente das súas funcións por estar centrado na súa xira autonómica como candidato único á presidencia estatal do PP en substitución de Pablo Casado.
Esa xira de Feijóo fixo parada o pasado mércores en Galicia, cun mitin na Cidade da Cultura. Pero antes pasou polas Canarias, Mallorca, Barcelona, Zaragoza, Madrid ou Toledo e este xoves, tras o Consello da Xunta -que Feijóo si preside- continúa en Asturias e Cantabria. Ao pé dunha gasolineira compostelá, onde o pasado xoves Pontón retomou a súa axenda pública tras o seu illamento pola COVID, a portavoz nacional do BNG reclamou do Estado que "garanta o prezo dos hidrocarburos no límite que existía antes da escalada de prezos", unha rebaixa temporal dos tributos sobre gasolina e gasóleo e reducir as peaxes "en todas as autoestradas", tamén as dúas de competencia da Xunta.
Pontón (BNG) defende implantar "un prezo máximo para a electricidade no sector primario" e un sistema de compra pública de pensos. Formoso (PSdeG) subliña a súa proposta de rebaixa inmediata das peaxes
A actual crise, defende a nacionalista, está a impactar especialmente nas explotacións agrogandeiras, polo que cómpre "empezar por que se cumpra a lei de cadea alimentaria" xa aprobada polo Congreso para impedir as vendas a perdas e axudalas con medidas como "a compra pública de pensos" ou "un prezo máximo para a electricidade no sector primario", alén de axudas directas para paliar a actual situación. Nesta liña, abonda, o BNG segue tamén defendendo unha reforma do mercado eléctrico que traia consigo unha tarifa eléctrica galega.
O socialista Formoso, pola súa banda, vén poñendo o acento nas medidas do seu decálogo dirixidas ao transporte. Tras reclamar un encontro directo con Feijóo, o secretario xeral do PSdeG subliña a necesidade dunha rebaixa "automática" de todas as peaxes, do 50% para vehículos lixeiros e do 75% para profesionais do transporte. No marco dun encontro coa Federación Galega de Transporte de Mercadorías (Fegatramer), defendeu tamén "habilitar axudas que permitan ao colectivo de transportistas afrontar a suba de prezos".
Ambos líderes coinciden en sinalar que Feijóo pon a "campaña das eleccións do PP ás que só se presenta el" por diante do cargo de presidente da Xunta que aínda ostenta
Lamenta Formoso que "mentres os transportistas están en folga, as granxas desabastecidas, a frota de baixura amarrada e as fábricas, pechadas", quen debera ser o seu interlocutor, o presidente da Xunta, "esta de mitins nunha campaña electoral que non existe", toda vez que non ten rival nela. Feijóo, di o líder do PSdeG, debera "suspender a campaña sen contrincante" e "atender unha Galicia que precisa dun presidente comprometido co país".
Tamén Pontón lamenta que o aínda presidente da Xunta, "no canto de estarse preocupando polos problemas dos e das galegas, siga en campaña electoral para unhas eleccións do PP ás que só se presenta el". "É evidente -considera- que a súa prioridade é o seu Partido Popular, as súas liortas internas e non Galiza", de xeito que "se ata agora tiñamos un Goberno do PP e un presidente incapaz, agora temos un presidente ausente". Nesta liña, confirmaba Pontón este xoves, o BNG solicitará un cambio urxente na orde do día do vindeiro pleno do Parlamento para que Feijóo compareza e expoña as medidas do seu Goberno "ante a situación da crise derivada da escalada de prezos".