Os dous grupos parlamentarios da oposición galega principiaron a semana presentando senllas iniciativas con medidas que, ao seu xuízo, poderían servir para paliar as subas xeneralizadas de prezos que se veñen rexistrando dende o pasado 2021 e que agora están a agravarse como consecuencia da guerra na Ucraína e as sancións contra Rusia por esta invasión. Tanto BNG como PSdeG reclaman accións en varias frontes, dende as tributarias ás axudas directas, e ao tempo lamentan que o aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, estea centrado na súa xira de mitins internos como candidato único á presidencia estatal do PP.
Pola banda do Bloque, a súa vicevoceira, Olalla Rodil, coida que as accións máis urxentes deben ser adoptadas tanto pola Xunta como polo Goberno de España. Así, di, o BNG defende unha rebaixa do IVE en todos os produtos de alimentación, hixiene persoal, nos produtos do mar e no transporte público. Tamén rebaixar "permanentemente" este tributo no consumo eléctrico, por ser "un ben esencial".
Nesta liña, e despois da conferencia de presidencias autonómicas nas que o Executivo central dixo estar disposto a esas rebaixas tributarias para paliar a inflación, Rodil agrega que o BNG reclama tamén minguar o imposto sobre hidrocarburos, especialmente para amortecer as subas de prezos no sector do transporte. Estas medidas, di, deberan ir acompañadas dunha "intervención pública sobre os beneficios chovidos do ceo" para as eléctricas, "para garantir que a enerxía hidráulica e a nuclear se paguen ao custo real da súa produción".
Axudas directas ao sector agrogandeiro e a profesionais autónomos, rebaixas tributarias ou reforzar prestacións como a Risga, entre as accións que reclaman os grupos da oposición galega
Alén da estrita conxuntura, Rodil resume que o BNG mantén a reclamación dunha nova suba do salario mínimo interprofesional, pero tamén de axudas de emerxencia como a Risga ou o complemento galego ás pensións non contributivas. Todo isto, conclúe, debera ir acompañado dun "plan e compensación para os sectores pesqueiro e agrogandeiro", con axudas que vaian alén de que o conselleiro do Medio Rural "anuncie unha hecatombe", pero "sen facer nada para evitar o descalabro".
As axudas directas ao sector pesqueiro e agrogandeiro son tamén parte das medidas que formula o PSdeG. A través do seu voceiro parlamentarios, Luis Álvarez, os socialistas propoñen tamén achegas directas "extraordinarias para empresas e persoas autónomas" afectadas pola subas de prezos e bonificacións especiais nos impostos autonómicos durante 2022.
Tamén é tempo, di Álvarez, de "reforzar orzamentariamente as axudas para as persoas máis vulnerables ou en risco de exclusión", con accións concretas como "establecer complementos para as persoas beneficiarias" dos bonos sociais para o pago da luz e do gas. Tamén, coidan, sería preciso "suspender de maneira transitorias as peaxes para o sector de transporte de persoas e mercadorías".
Mentres todo isto sucede, tanto o BNG coma o PSdeG lamentan que Feijóo se atope inmerso na súa campaña como aspirante á sucesión de Pablo Casado no PP. "Galiza non merece un presidente a media xornada, sobre todo nun momento tan crítico", considerou Rodil a preguntas dos xornalistas. O BNG, agrega, quere unha presidencia da Xunta "a tempo completo" e "dende que Feijóo antepuxo os intereses do seu partido e a súa ambición persoal para facer carreira en Madrid non está aquí". "Se vai continuar a media xornada, que presente a dimisión", agrega.
Nunha xornada en que Feijóo fai campaña interna en Mallorca e Barcelona, igualmente o PSdeG reprocha a súa ausencia. "Era mellor que estivese pola mañá en Betanzos e pola tarde, na Guarda", ilustra Álvarez, dende cuxo punto de vista o aínda presidente da Xunta debera "suspender a súa campaña para reintegrarse a tempo completo á fronte do Goberno da Xunta e atallar a actual situación de emerxencia".