O prezo da bombona de butano volve subir o máximo permitido e alcanza un novo récord: case 19 euros
Cos prezos da luz e do gas disparados, os combustibles a niveis nunca vistos e o IPC en máximos históricos, milleiros de fogares volverán sufrir o encarecemento doutra fonte enerxética básica desde este martes. A bombona de butano alcanzará os 18,63 euros, o seu importe máximo histórico e case cinco euros máis que hai tan só un ano.
Tal e como publica esta luns o BOE, os novos prezos máximos de venda dos gases licuados do petróleo (GLP) situarán a clásica bombona de 12,5 kg a case 19 euros, 87 céntimos máis que na última actualización do seu prezo, do pasado 18 de xaneiro. Supón unha suba do 5%, o incremento máximo permitido que se leva dando desde hai tempo en todas as actualizacións que cada dous meses regulan o importe tanto da tradicional bombona doméstica como da de propano (11 kg).
De feito, desde que a bombona alcanzara os 12,09 euros en setembro de 2020, o seu prezo regulado non fixo máis que subir. Ese 5% máximo de suba que se permite en cada actualización serve para evitar incrementos disparados dos prezos pero non que as empresas cobren menos, xa que todo o que supere ese aumento máximo acumúlase para pagárllelo cando a situación mellore e volvan baixar os prezos. De feito, sen a regulación o butano tería subido máis do 7% este mes.
O forte ascenso das cotizacións da materia prima (propano e butano), de máis dun 14%, e a depreciación do euro fronte ao dólar explican esta suba nos gases licuados do petróleo, que seguen a ser utilizados por milleiros de fogares en Galicia malia a extensión das redes de distribución de gas natural, que foron gañando terreo ás bombonas nos últimos anos.
Milleiros de fogares vense afectados por esta suba en Galicia, unha das comunidades onde máis bombonas se venden aínda
Porque Galicia é unha das comunidades onde máis recipientes de butano -e en menor medida de gas propano- se venden para uso doméstico. Segundo os datos da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), o país consumiu en xaneiro case 7.130 toneladas de GLP en envases de máis de 8 kg, que inclúe as máis habituais bombonas de butano e, en moita menor medida, de propano.
Suporían máis de medio millón de bombonas nun mes e unha cantidade só superada mensual ou anualmente por Andalucía, Comunitat Valencia e Catalunya, e moi por riba de comunidades moito máis poboadas como Madrid ou doutras cunha poboación máis similar, como Castilla y León.
O escaso desenvolvemento das redes de gas natural no medio rural explican que Galicia consuma máis butano doméstico que Madrid
O escaso desenvolvemento das redes de gas natural no medio rural -polas dificultades e o gasto extra que supón a dispersión poboacional- explica que Galicia se sitúe entre as comunidades onde a venda de bombonas e consumo de butano é aínda dos máis altos. Con todo, hai dúas décadas era o dobre o número de toneladas consumidas.
Sexa como for, serán milleiros os fogares galegos que engadan o butano á listaxe de subas disparadas e xeneralizadas dos prezos de produtos de primeira necesidade. O butano, como os carburantes hai só uns días ou a luz a pasada semana, alcanza un prezo nunca visto ata o de agora. Un récord que ten traza de durar pouco.