A capacidade máxima nos recintos deportivos volverá ser do 100% desde o 1 de abril, tanto en espazos abertos como pechados, segundo acordaron o Ministerio de Sanidade e as comunidades. Permitirase tamén o consumo de alimentos e bebidas.
Fálase
O Carballo do Bosque do Banquete de Conxo é a segunda árbore europea do ano 2022. O histórico carballo de Santiago de Compostela recibiu 168.234 votos e ficou en segunda posición, pois foi superado polo Carballo Dunin de Polonia, que obtivo 179.317 apoios no certame, e xa era o favorito na segunda quenda de votacións.
O Ministerio de Sanidade e as comunidades acordan eliminar as corentenas para os positivos asintomáticos de COVID. A partir do vindeiro luns, o illamento dos contaxios por coronavirus só será obrigada para persoas vulnerables, segundo a nova estratexia fronte á pandemia aprobada pola Comisión de Saúde Pública.
O Consello de Ministros aproba o bono cultural de 400 euros para a mocidade que faga 18 anos. Servirá para adquiriren calquera "produto, servizo ou actividade cultural". As solicitudes, ao xeito dalgúns bonos da Xunta, tramitaranse por orde de presentación. Máis detalles, no sitio web do Ministerio de Cultura.
A Audiencia da Coruña inhabilita por dez anos unha ex-edil do BNG en Fene por suspender o pleno no que se ía debater a moción de censura do PP e Somos Fene contra o daquela goberno local do Bloque. O tribunal considera probado que prevaricou porque "de maneira unilateral" considerou que a censura non cumpría os requisitos legais por estar apoiada en tránsfugas e adiou a sesión. Meses despois, a censura saíu adiante e os populares lograran a alcaldía. Na imaxe, a casa do Concello de Fene.
Feijóo comparece no lugar do conselleiro do Medio Rural este mediodía, no pleno do Parlamento, onde estaba previsto que José González abordase "a situación do sector gandeiro galego". O BNG rexistrara unha solicitude de comparecencia urxente do aínda presidente da Xunta sobre a alza xeral de prezos e o PSdeG instárao a suspender a campaña interna no PP, que rematou este luns, para centrarse na abordaxe desta crise. Na imaxe [CC BY-SA David Cabezón / Xunta], Feijóo hai dúas semanas na Cámara.
Destituída a comisaria xefa da Policía Nacional en Pontevedra tras publicar elDiario.es as súas afirmacións sobre que "xa lles gustaría a algunhas que as violase" un antidisturbios. Afirmouno nunha intervención durante unha homenaxe a un axente que resultara ferido nunha protesta contra as condenas aos líderes do procés catalán. Na imaxe, Palma durante unha visita institucional á Deputación de Pontevedra en 2019.
O delegado do Goberno central en Galicia, José Miñones, traslada a “total colaboración” para garantir o "suministro na cadea alimentaria galega" durante o paro do transporte. Miñones reuniuse esta tarde co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, e con representantes de Hijos de Rivera, Jealsa, Leche Río, Nueva Pescanova ou Vegalsa-Eroski, entre outras empresas, para ratificar que “o Goberno traballa para asegurar os desprazamentos de mercancías dos transportistas que queren traballar”.
O xuíz envía a prisión comunicada e sen fianza ao acusado de matar unha veciña de Barro provocando unha colisión frontal co seu coche. O xulgado remite ao que resta de instrución se lle imputa delito de homicidio ou asasinato. Diversas fontes aluden que a vítima, Jéssica Méndez, era vítima de acoso por parte do agora detido. Unha vez coñecida a decisión xudicial, o Concello de Barro sinala "que coa confirmación das liñas de investigación que se están levando a cabo por parte das forzas de seguridade, este caso trataríase dun caso claro de feminicidio". Na imaxe, convocatoria dunha concentración de repulsa para este serán. Está a contalo Pontevedra Viva.
Unha muller alerta a Policía Local de Lugo de que un home a agrediu nun bar por falar en galego. Segundo o parte divulgado polo corpo policial lucense, a muller chamou os axentes dende un bar no que "estaba cunha amiga falando en galego, momento no que se achega un home que comezou a recriminarlle por utilizar este idioma, colléndoa fortemente polos brazos e ameazándoa, sacándolle unha foto co seu teléfono móbil". A Policía localizou o presunto agresor na zona "procedendo á súa identificación e instruíndose dilixencias en dependencias policiais por estes feitos, quedando á espera de que a agredida presente a correspondente denuncia". Na imaxe, de arquivo, vehículos da Policía Local de Lugo.