A plantación de cen mil árbores autóctonas acompaña o carballo do Banquete de Conxo na súa carreira para ser Árbore Europea do ano

Carballo do Bosque do Banquete de Conxo © Concello de Santiago

O carballo do Bosque do Banquete de Conxo inicia a carreira para ser elixido Árbore Europea do 2022

No Bosque do Banquete de Conxo, aberto ao público no 2018, hai un carballo (chamado "O Avó") con 250 anos de historia, un tempo no que foi testemuña daquel histórico irmanamento entes estudantes, obreiros e artesáns organizado o 2 de marzo de 1856, coincidindo co décimo aniversario dos mártires de Carral. A árbore opta dende este martes a ser elixida Árbore Europea do 2022, un certame no que participan 16 exemplares doutros tantos países europeos e que depende da votación popular, que permanecerá aberta ata o 28 de febreiro.

Este luns presentouse en Compostela a campaña impulsada polo Concello de Santiago para conseguir que O Avó sexa o gañador. A campaña, "1 voto, 1 árbore" ten por obxectivo acadar os 100.000 votos que en anos anteriores foron necesarios para obter a vitoria. O Goberno local compostelán comprométese a plantar o mesmo número de especies autóctonas de aquí ao 2030, dos que 19.000 se plantarían ao longo deste 2022. O acto estivo precedido pola plantación de 300 carballos no Miradoiro do Monte de Conxo, tarefa realizada polo alumnado do Colexio Santa Apolonia.

Foto de familia do lanzamento da campaña a prol do Carballo de Conxo © Concello de Santiago

O Goberno local compostelán comprométese a plantar 100.000 carballos e outras especies autóctonas de aquí ao 2030, dos que 19.000 se plantarían ao longo deste 2022

De momento o Carballo do Bosque do Banquete de Conxo lidera a carreira, que vén de comezar e na que só se pode votar a través dunha conta de correo electrónico, tendo que apoiar obrigatoriamente dúas das árbores. O certame naceu no ano 2011 e ten como obxectivo salientar as árbores máis lonxevas "como un importante patrimonio natural e cultural que deberíamos aprezar e protexer". O carballo compostelán foi a árbore máis votada a nivell estatal, superando 11 exemplares do resto de España, reunindo case 23.000 votos e situándose por diante da Sabina de Brancas (Teruel) e do Drago Milenario de Icod (Tenerife).

100.000 novos carballos en Compostela ata o 2030

"Nestes tempos de crise global da biodiversidade, a resistencia desta árbore ao paso do tempo é á vez un excelente exemplo e unha responsabilidade para as próximas xeracións", sinalou o alcalde Xosé Sánchez Bugallo

Na presentación da campaña impulsada polo Concello de Santiago, o alcalde Xosé Sánchez Bugallo subliñou que "nestes tempos de crise global da biodiversidade, a resistencia desta árbore ao paso do tempo é á vez un excelente exemplo e unha responsabilidade para as próximas xeracións". "Ademais, a súa presenza na obra literaria de Rosalía de Castro e na memoria colectiva dos composteláns, así como a súa condición de testemuña, durante máis de dous séculos, do paso dos peregrinos a Santiago a través do Camiño Portugués, fan que este carballo centenario sexa unha árbore singular e un excelente candidato para representar a España a nivel europeo", engadiu.

Coincidindo co mes de votacións, o Concello organiza unha serie de actividades para os centros educativos da cidade, actividades ao aire libre para que o alumnado de Primaria e ESO reforce o seu coñecemento do medio e do patrimonio. Destacan as visitas á Carballeira do Banquete Conxo, a participación activa na plantación de carballos así como visita guiadas á exposición "Reis do bosque", que poderá visitarse do 1 ao 28 de febreiro na sede de Afundación, na praza de Cervantes, e que compila fotografías de 30 árbores senlleiras de toda España.

Carballo do Bosque do Banquete de Conxo © Concello de Santiago

Unha árbore con historia

O Avó ten 30 metros de altura e 4 de circunferencia no seu tronco. O bosque chegou a acoller un milleiro de carballos, pero hoxe só quedan 40

O Avó ten 30 metros de altura e 4 de circunferencia no seu tronco. Resistiu ás tallas indiscriminadas e incendios múltiples que arrasaron os bosques galegos durante os séculos XIX e XX, e que foron acabando con espazos como este, un bosque que en orixe chegou a albergar ata mil carballos. Na actualidade só quedan 40 carballos nos 15.000 metros cadrados do bosque.

A árbore está ao pé da entrada en Santiago do Camiño Portugués de peregrinación e sobre el (e o resto de carballos desta contorna) hai múltiples referencias literarias, realizadas por varios autores e autoras, entre elas Rosalía de Castro. Aínda que de momento non figura na listaxe de árbores senlleiras de Galicia, a súa inclusión nesta categoría están en proceso e podería ser completada nos vindeiros meses

O Bosque do Banquete de Conxo acolleu en 2018 e 2019 a "Festa do Banquete", que lembraba o histórico encontro con representacións teatrais, música, poesía, degustacións gastronómicas e, por suposto, un xantar popular

O Bosque do Banquete de Conxo, aberto ao público no 2018, acolleu celebracións multitudinarias no marco da "Festa do Banquete", que lembraba o histórico encontro con representacións teatrais, música, poesía, degustacións gastronómicas e, por suposto, un xantar popular. No ano 2017 o investigador Xurxo Martínez González achou o texto do terceiro brinde do banquete, do que ata entón só había referencias indirectas (coñecíanse as verbas de Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal e tíñase constancia da intervención dun terceiro estudante, Luis Rodríguez Seoane), un documento que "completa o contido político do Banquete de Conxo", como destacaba Martínez en conversa con Praza.

Celebración da Festa do Banquete de Conxo en 2018 © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.