A Audiencia da Coruña inhabilita por dez anos unha ex-edil do BNG en Fene por suspender o pleno no que se ía debater a moción de censura do PP e Somos Fene contra o daquela goberno local do Bloque. O tribunal considera probado que prevaricou porque "de maneira unilateral" considerou que a censura non cumpría os requisitos legais por estar apoiada en tránsfugas e adiou a sesión. Meses despois, a censura saíu adiante e os populares lograran a alcaldía. Na imaxe, a casa do Concello de Fene.
Fálase
Feijóo comparece no lugar do conselleiro do Medio Rural este mediodía, no pleno do Parlamento, onde estaba previsto que José González abordase "a situación do sector gandeiro galego". O BNG rexistrara unha solicitude de comparecencia urxente do aínda presidente da Xunta sobre a alza xeral de prezos e o PSdeG instárao a suspender a campaña interna no PP, que rematou este luns, para centrarse na abordaxe desta crise. Na imaxe [CC BY-SA David Cabezón / Xunta], Feijóo hai dúas semanas na Cámara.
Destituída a comisaria xefa da Policía Nacional en Pontevedra tras publicar elDiario.es as súas afirmacións sobre que "xa lles gustaría a algunhas que as violase" un antidisturbios. Afirmouno nunha intervención durante unha homenaxe a un axente que resultara ferido nunha protesta contra as condenas aos líderes do procés catalán. Na imaxe, Palma durante unha visita institucional á Deputación de Pontevedra en 2019.
O delegado do Goberno central en Galicia, José Miñones, traslada a “total colaboración” para garantir o "suministro na cadea alimentaria galega" durante o paro do transporte. Miñones reuniuse esta tarde co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, e con representantes de Hijos de Rivera, Jealsa, Leche Río, Nueva Pescanova ou Vegalsa-Eroski, entre outras empresas, para ratificar que “o Goberno traballa para asegurar os desprazamentos de mercancías dos transportistas que queren traballar”.
O xuíz envía a prisión comunicada e sen fianza ao acusado de matar unha veciña de Barro provocando unha colisión frontal co seu coche. O xulgado remite ao que resta de instrución se lle imputa delito de homicidio ou asasinato. Diversas fontes aluden que a vítima, Jéssica Méndez, era vítima de acoso por parte do agora detido. Unha vez coñecida a decisión xudicial, o Concello de Barro sinala "que coa confirmación das liñas de investigación que se están levando a cabo por parte das forzas de seguridade, este caso trataríase dun caso claro de feminicidio". Na imaxe, convocatoria dunha concentración de repulsa para este serán. Está a contalo Pontevedra Viva.
Unha muller alerta a Policía Local de Lugo de que un home a agrediu nun bar por falar en galego. Segundo o parte divulgado polo corpo policial lucense, a muller chamou os axentes dende un bar no que "estaba cunha amiga falando en galego, momento no que se achega un home que comezou a recriminarlle por utilizar este idioma, colléndoa fortemente polos brazos e ameazándoa, sacándolle unha foto co seu teléfono móbil". A Policía localizou o presunto agresor na zona "procedendo á súa identificación e instruíndose dilixencias en dependencias policiais por estes feitos, quedando á espera de que a agredida presente a correspondente denuncia". Na imaxe, de arquivo, vehículos da Policía Local de Lugo.
Novedades Carminha deciden "parar indefinidamente". A través das súas redes sociais, a banda compostelá explica que, tras cinco discos, precisan "coller forzas e estar fóra; botalo de menos para -oxalá- poder vernos de novo". Avanzan, ademais, que non realizarán xira nin disco de despedida.
Afunde un treito da estrada LU-651, que une Folgoso do Courel con Quiroga á altura do quilómetro 18,3. Segundo informa o Concello courelao, as "primeiras informacións" apuntan a que "non hai que lamentar danos persoais". O goberno local, que pide evitar a circulación pola zona, sinala que "está en contacto coa Xunta dende que se coñeceu o suceso", por ser o Goberno galego o titular da estrada. Imaxe divulgada polo Concello de Folgoso contra o mediodía deste domingo.
O sindicato Unións Agrarias secundou este domingo en Madrid a mobilización convocada por diferentes colectivos vinculados ao agro e ao medio rural, no seu caso para poñer o acento na necesidade de "prezos xustos, actuacións contundentes contra as industrias que incumpren a lei" de cadea alimentaria e "un plan de apoio que inxecte liquidez ás explotacións". "Estamos coa auga ao pescozo, a Xunta e o Goberno central non poden ignoralo", agregan.
- AMPLIAMOS 👉 A Xunta secunda en Madrid a manifestación que liga a reivindicación de prezos xustos para o campo coa defensa da caza
- A guerra na Ucraína tamén bloquea o gran celeiro de pensos da gandaría galega e reabre o debate da soberanía alimentaria
- HEMEROTECA (2021) | A suba dos custos de produción afoga o sector gandeiro, que volve ás protestas
A plataforma Galiza pola paz concentrouse este mediodía nas sete principais cidades galegas. Na presentación da mobilización, os convocantes expresaron o "máis enérxico rexeitamento á intervención militar rusa en territorio ucraíno" e a "plena solidariedade co sufrimento do pobo ucraíno e o de Donestk e Lugansk". A súa reivindicación, sinalan, pasa polo "cesamento das accións de guerra e á volta á diplomacia", por que a "Unión Europea deixe de enviar armas" e a "neutralidade activa do Estado español". As concentracións foron secundadas polo BNG e a CIG. Na imaxe, a celebrada en Vigo.