As sospeitas de transfuguismo dos edís de Somos Fene suspenden a moción de censura

Juventino Trigo, alcalde de Fene, apoiado por simpatizantes CC-BY-SA BNG

Suspendida a moción de censura en Fene. A mesa de idade do Concello decidiu non debater a proposta presentada polo PP e por Somos Fene, alegando que "non se dan as circunstancias" para levala a cabo, polo que o nacionalista Juventino Trigo continúa no cargo. 

A mesa de idade do Concello decidiu non debater a mocion presentada polo PP e por Somos Fene por "non darse as circunstancias"

A presidenta desta mesa decidiuno logo do informe da secretaria e despois de ler un escrito presentado polo partido instrumental Participación Democrática, que foi polo que concorreron ás eleccións os dous edís de Somos Fene. Nel, a formación cualifica de tránsfugas os concelleiros, aos que expulsou hai tempo. púb De acordo coa actual lexislación, a consideración de tránsfugas inhabilita estes representantes públicos a participar nunha moción de censura, polo que esta quedou suspendida. 

"Son considerados tránsfugas", argumentou Mariela Aguilar, do BNG, presidenta da mesa de idade. A outra representante, a de menor idade e do PP, non se amosou a favor desta decisión, pero o voto de calidade da primeira acabou por certificar a suspensión da moción de censura, nun salón de actos ateigado e con máis de 200 persoas, a maioría favorables ao goberno municipal, un bipartito que apoian os catro concelleiros do BNG e a única de EU. 

Un informe presentado polo partido do que foron expulsados os edís de Somos Fene cualifícaos de tránsfugas

Mentres, o candidato á alcaldía polo PP, Gumersindo Galego, xa avanzou que a súa formación presentará unha denuncia no xulgado ao considerar que a suspensión da moción é "un delito de prevaricación". 

Para poder presentar esta moción de censura, Somos Fene tivo que agardar a recibir unha resolución xudicial do xulgado do Contencioso Administrativo de Ferrol. A formación utilizara nas municipais de maio de 2015 un partido instrumental, Participación Democrática Directa de Galicia (PDDdG), para presentar a súa candidatura, pero posteriormente, ao sospeitar os seus representantes da posible participación dos edís na presentación dunha moción de censura en coalición co PP, decidiron a súa expulsión. Aquilo frustrou a tentativa de moción de censura do pasado xuño.

O aspirante á alcaldía, o popular Gumersindo Galego, avanzou unha denuncia por "delito de prevaricación"

Ante esta decisión, os seus dous edís, Xoán Manuel Rodríguez Bastida e César Castro, presentaron unha reclamación ante o xulgado do Contencioso Administrativo de Ferrol, onde o xuíz decidiu "deixar en suspenso o acordo plenario conforme a que estes edís se lles pasaba a non adscritos" e con iso repúxolles todos os seus dereitos. Isto posibilitoulles aos dous concelleiros continuar á fronte do grupo municipal de Somos Fene, pero ao non ser recorrida a expulsión do seu grupo, a presidenta da mesa da idade considera que deben ser considerados tránsfugas. 

A decisión de Somos Fene de apoir a moción do PP foi criticada con dureza polo BNG, pero tamén por En Marea e todas as patas que forman esa coalición, coa que a formación da comarca de Ferrolterra estivera vinculada nos seus inicios. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.