Unha muller alerta a Policía Local de Lugo de que un home a agrediu nun bar por falar en galego. Segundo o parte divulgado polo corpo policial lucense, a muller chamou os axentes dende un bar no que "estaba cunha amiga falando en galego, momento no que se achega un home que comezou a recriminarlle por utilizar este idioma, colléndoa fortemente polos brazos e ameazándoa, sacándolle unha foto co seu teléfono móbil". A Policía localizou o presunto agresor na zona "procedendo á súa identificación e instruíndose dilixencias en dependencias policiais por estes feitos, quedando á espera de que a agredida presente a correspondente denuncia". Na imaxe, de arquivo, vehículos da Policía Local de Lugo.
