Colectivos ecoloxistas e ciclistas galegos reclaman a Renfe máis facilidades para poder transportar as bicicletas no tren. Nunha acción simultánea nas estacións da Coruña, Santiago, Vilagarcía, Pontevedra e Vigo, presentaron follas de reclamacións nas que reclaman á empresa ferroviaria estatal "que permita levar máis bicicletas nos trens e que non cobre suplemento por traxecto", todo baixo o lema Bici no tren, xa!. Na iniciativa participaron A Golpe de Pedal, Arousa en Bici, Composcleta, Conbici, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Mobi-liza, Mulleres Bicivisíbeis, Pedaladas, Verdegaia, Vigo Ciclábel. Na imaxe, participantes na mobilización en Vigo [© Greenpeace]
