Galicia será a sede da fase de ascenso a Segunda División durante as vindeiras tres campañas. A Federación Española de Fútbol vén de aprobar a candidatura presentada pola Federación Galega. Deportivo, Racing de Ferrol e Celta B xogarían, nestes momentos, o play-off para ascender ao fútbol profesional no mes de xuño.
Fálase
A Consellería de Sanidade recomenda non practicar actividades ao aire libre a causa das partículas de po en suspensión procedentes do Sáhara. A calidade do aire empeorou desde este martes [como se ve no mapa de MeteoGalicia] coa chegada masiva de po dende o deserto do Sáhara, especialmente preocupante para persoas con enfermidades pulmonares ou cardiocirculatorias, as persoas de maior idade, os nenos e nenas e as mulleres embarazadas.
A Dirección Xeral de Saúde Pública desaconsella levar a cabo un "exercicio intenso” ao aire libre e aposta por "pechar as portas e fiestras para evitar a entrada de po nos domicilios”, así como "usar máscaras e lentes en exteriores" ata que este episodio remate.
O Goberno de España sinala que o día 29 deste mes aprobará as medidas para "baixar o prezo" da luz, do gas e dos combustibles. Afirmouno o ministro da Presidencia, Félix Bolaños, quen mantén que a baixada será "inmediata e sinxela" para a poboación e se aplicará aínda que non se peche un acordo no seo da UE, aínda que agarda que o pacto si se produza. Na imaxe [© Congreso], Pedro Sánchez este mércores durante a sesión de control no Congreso.
Feijóo manifesta o seu desexo de "volver vivir a Madrid" porque "non cambiou" dende a súa etapa como alto cargo do Goberno de Aznar. "É unha cidade acolledora, aberta, un lugar próspero que ama a liberdade; por iso quero volver vivir a Madrid", proclamou o aínda presidente da Xunta nun mitin da campaña interna como candidato único ao liderado do PP onde recibiu o aval da presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso.
O capitán do Villa de Pitanxo revela que seis dos tripulantes morreron a bordo dunha das balsas salvavidas. Juan Padín aborda as circunstancias do accidente nunha entrevista co Faro de Vigo, a primeira que concede tras o naufraxio. Este venres, 18 de marzo, celebrarase en Marín un funeral polos 21 falecidos, no Templo Novo e oficiado polo arcebispo de Santiago, Julián Barrio.
Feijóo defende nun acto da campaña interna polo liderado do PP que "o Goberno [de España] se está forrando co incremento dos prezos da luz e da gasolina". As declaracións do aínda presidente da Xunta, que recolle a SER, refírense a recadación do Estado por impostos coma os que gravan os hidrocarburos, a electricidade ou o IVE. Parte desta recadación financia servizos públicos que presta o Goberno de España e outra parte, servizos públicos da Xunta, que xestiona o 50% do IVE, o 58% do imposto de hidrocarburos e o 100% do imposto da electricidade.
A Xunta fai oficial a creación de cinco prazas de persoal de apoio á súa nova delegada en Ferrol, que custarán 220.000 euros ao ano e serán de libre designación. O Goberno galego publica no DOG a relación de postos de traballo, avanzada por Praza.gal.
Morre nun accidente náutico en Florida Juan Carlos Escotet Alviárez, fillo do presidente de Abanca. O falecemento foi comunicado pola Organización Nacional de Salvamento e Seguridade Marítima dos Espazos Acuáticos de Venezuela, coa que colabora a familia. Tiña responsabilidades directivas na rama internacional de Banesco e na filial dos Estados Unidos.
Felipe VI e Pedro Sánchez presidiron na tarde deste sábado na Palma unha homenaxe á cidadanía da illa afectada polo volcán na que participan os presidentes autonómicos, entre eles Feijóo. Este domingo reuniranse alí nunha nova Conferencia de Presidentes. Feijóo aproveitou a viaxe para facer campaña interna cara á presidencia do PP estatal cun acto na mañá do sábado en Tenerife.
Gabriel Boric toma posesión como novo presidente de Chile. Boric, que concorreu ás eleccións encabezando a alianza de esquerdas Apruebo Dignidad, venceu na segunda volta dos comicios ao aspirante da extrema dereita e chega á presidencia unha década despois de ser un dos líderes estudantís que impulsou as protestas sociais para reclamar mellores condicións de vida e avances democráticos. Á súa toma de posesión acudiu unha delegación do Goberno de España encabezada pola vicepresidenta Yolanda Díaz e tamén a voceira do BNG ante as institucións europeas, Ana Miranda.