A armadora do barco con base en Marín di que o patrón lles trasladou unha perda do control da nave por unha parada no motor que o deixou "exposto ao vento e ás ondas"
Pesquerías Nores de Marín, a armadora do arrastreiro Villa de Pitanxo, comunicou este luns ás familias que a causa do naufraxio en augas de Terranova o pasado martes foi "unha repentina parada do motor principal" en plena manobra de virada do aparello que xestiona a dirección de toda a nave. Unha circunstancia que se produciu en pleno temporal no mar, con ondas de ata 10 metros e unha temperatura na auga que puido estar por debaixo dos cero graos.
A empresa manifesta que, "conforme ao trasladado polo patrón", que é un dos tres sobreviventes do naufraxio xunto ao seu sobriño e outro mariñeiro, o "accidente" no motor "deixou o barco sen propulsión nin goberno, exposto ao vento e ás ondas, sufrindo golpes de mar que o escoraron e afundiron de forma moi rápida".
A empresa armadora reuniuse na mañá deste luns coas familias dos nove tripulantes falecidos e dos 12 aínda desaparecidos no mar para informalos de todas as circunstancias relativas á repatriación. O avión enviado polo Goberno de España á illa canadense de Terranova para traer de volta os sobreviventes e mais os corpos de varios dos falecidos está previsto que chegue este luns, mais a súa saída vai con atraso.
A repatriación vai con atraso, pero segue prevista a chegada do avión desde Terranova a Santiago este luns
Neste día de loito oficial en todo o Estado, o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, confirmou que estará na base de Santiago para recibiren o avión e acompañar as familias, que xa solicitaron audiencia con Sánchez para reclamar que se reanuden os labores de busca dos desaparecidos, despois de que este manifestara a "boa vontade" das autoridades canadenses para facelo coa mellora das condicións meteorolóxicas.
Desde Pesquerías Nores de Marín tamén lle mostraron o seu apoio ás familias e a súa "total disposición" para "impulsar" que se retomen esas tarefas de rastrexo canto antes "para averiguar as posibles causas do accidente" e localizar os corpos dos 12 mariñeiros desaparecidos. Mentres, a empresa facilitou este luns a información sobre o sinistro facilitada polo patrón do Villa de Pitanxo aínda desde Canadá.